DURMIDA Á SOMBRA DOS SALGUEIROS

Ven aquí, Marte guerreiro, deixa a un lado a lanza e o escudo e libera a túa cabeleira do casco brillante. Minerva promove guerras, pero tamén se ocupa de artes nobres.

Ovidio, Fastos III, vv.1 e ss.


Paseabas sen casco á sombra amena dos salgueiros, coas túas guedellas roxas ó aire, presentindo a primavera sagrada; esculcabas os gromos das árbores e as plantas, despreocupado da lanza e o escudo, cando a sacerdotisa de Vesta te conquistou para que lle deses a este pobo, que agora chamamos Roma, a semente da que naceu a gran cidade.
¿Por que non empezar a falar de quen pola súa beleza cativou a un deus? A vestal Silvia, despois de coidar do lume no templo de Vesta, como era a súa obriga, baixou unha mañá a buscar auga coa que purificar os obxectos de culto. Por un carreiro de suave pendente camiña ata o río. Sobre a súa cabeza, axustada sobre un pano moído, levaba unha ánfora de barro que, ó chegar, pousa na herba; incomodada polo peso e o calor, repousa mentres pon en orde o seu cabelo desamañado. Exhausta, senta no chan, afrouxa o vestido e, co peito ó aire, abandónase á brisa que lle regalaban a frescura das árbores e a auga do río.
Sentada como estaba, a sombra dos salgueiros, os chíos dos paxaros, e o murmurio monótono das augas invitárona ó sono. Silenciosa como un ladrón, a branda quietude esvarou polos seus ollos vencidos, e a man na que apoiaba a cabeza quedou sen forza, débil como un xunco, e o seu queixo, desprotexido, no aire cun aceno de mol inseguridade.

Adaptación de Ovidio, Fastos III, vv.1 e ss.

SEGUIR LENDO: ASUNTOS DE AMOR E GUERRA 

Anuncios

FEBREIRO: MAXIA LUSTRAL

Februus, -a, -um: ‘que purifica’, ‘purificador’. Antigo adxectivo da lingua relixiosa, de orixe sabina. Personificado Februus ven dar no nome dunha divindade infernal,  Plutón: Februus autem est Ditis pater cui eo mense sacrificabatur. [Februo é Plutón, o deus a quen neste mes se lle facían sacrificios] Servio, G. 1,43

Lustrari…eo mense civitatem necesse erat, quo statuit [Numa] ut iusta Dis Manibus solverentur [Neste mes,  no que Numa decretou que se tributasen honores ós deuses Manes, era necesario que se purificase a cidade].  Macr. Sat. 1,13,3.

Februa é un epíteto de Xuno, derivado do nome da esposa de Februus. O neutro februum  emprégase co sentido de “purgamentum” da ofrenda purificatoria, e en particular do sal quente: Lupercalibus salem calidum ferunt, quod februum apellant.

O sal sempre se considerou unha pedra sagrada (por ser a única pedra comestible, pola capacidade conservante, pola súa cor branca) empregada nas cerimonias de maxia e relixiosas para expulsar do corpo os demos e os malos espíritos.

As festas Lupercais celebrábanse en Roma o 15 de febreiro. No ritual o sacerdote tocaba a fronte dos mozos cun coitelo manchado do sangue das vítimas sacrificadas, de seguido limpábaos  cunha la empapada en leite, botando estes a rir con gran estrondo.

Februarius, mes das purificacións: februarius mensis dictus, quod tum, i.e. extremo mense anni, populus februaretur, i.e. lustraretur ac purgaretur  P.F. 75,23 [Este mes chámase febreiro porque ó ser o último mes do ano, a xente purificábase, ou o que é o mesmo, limpábase e purgábase]

Parece, tal como lemos en Ovidio, que varias cerimonias de orixes diferentes se mesturan e confunden nestes rituais purificadores de febreiro: unha cerimonia de lustratio, sacrificios expiatorios ás divindades infernais (o mes de febreiro estaba dedicado ós manes -ánimas) e un rito de fecundación (Lupercais).

“Os antepasados romanos chamaron februa ós instrumentos de purificación. Moitos indicios dan fe desta palabra. Os pontifices pídenlle ó rei  e ó  flamen unhas las que na lingua dos antigos recibían o nome de februa, e as tartas tostadas e o sal que recolle o lictor para purificar as casas despois de varrelas denominasen da mesma maneira. O ramallo de árbore que cobre as castas tempas  dos sacerdotes chámase igual. Eu mesmo vin cos meus propios ollos como a muller dun flamen solicitaba os februa, e lle deron un ramallo de pino. En fin todo aquilo co que purificamos o noso corpo  recibía este nome entre os nosos barbudos avós. O mes recibe este nome dos februa, ben porque os Lupercos cortan unha pel e purifican todo o chan empregándoa como instrumento de purificación, ben porque o momento é puro xa que se fixeron ofrendas de paz ós sepulcros e xa pasaron os días dedicados ós mortos.”

OVIDIO, Fastos II, 19 e ss.

José M. Otero