DIABÓLICO CARNAVAL

O caos diabólico comunal de poñer o mundo do revés constitúe o fío común que zurce todas as festas que durante séculos tecían o tempo do solsticio de inverno ou o que podería ser o tempo ritualizado dun novo ciclo anual. A liturxia da Igrexa, que tanta importancia ten na adecuación dos rituais paganos ós estrictos modelos da relixión dominante, emprega, para denominar este período litúrxico, a significativa expresión de “Tempo Ordinario” (Trinta e catro semanas nas que a Igrexa nada celebra relativo á Historia da Salvación)); unha denominación semanticamente intranscendente que contrasta co sentemento de fonda espiritualidade que suxire a de “Tempos Fortes” para referirse a  Advento, Nadal, Coaresma e Pascua.

Na Festa do Asno (ó longo a Idade Media, ata o século XV, celebrábase o 14 de xaneiro), este animal, do que o simbolismo propiamente diabólico é ben coñecido en todas as tradicións, é conducido ata o presbiterio dunha igrexa onde, nun lugar de honra, recibe mostras de veneración (K. Jung, entre outros, tenta desvelar a complexidade significativa do asno  relacionándoo coa forza interna do mal e co poder inconsciente da culpa. Por iso, desde unha perspectiva onírica, interpreta a aparición da figura do asno en determinados soños como portadora de destrución e morte, da totalidade do mal).

Igualmente resulta ilustrativa, para o que queremos subliñar, a Festa dos Loucos (tamén chamada a Festa das Calendas por se celebrar o primeiro de ano fundamentalmente, desde a Idade Media ó século XVI, momento no que foi prohibida), durante a cal o clero menor entregábase ós peores improperios, parodiando a xerarquía eclesiástica e a liturxia mesma. Os tolos ían disfrazados cunha careta que reproducía esaxeradamente as orellas dun asno (Referencia satánica).

Non deixa de sorprender que nunha época tan estricta coa regulación canónica e o control dos seus fieis por parte da Igrexa estas parodias con certo aroma a sacrilegio fosen non só  permitidas senón tamén oficialmente aprobadas.

Se botamos unha ollada máis atrás no tempo, as Saturnalia romanas, das que o Carnaval actual resulta ser unha tímida sombra, deixan entrever tamén certos trazos diabólicos: os escravos daban ordes e servían ós amos. Recreaban deste xeito un mundo do revés onde todo sucedía de forma contraria ás relacións cotiás habituais.

Aínda que hai investigacións que ven neste ritual o retorno imaxinario á mítica Idade de Ouro, quizais resulte máis preciso interpretalo como a representación primordial da indiferenciación das funcións sociais, na medida que fose posible en cada momento histórico, ou unha inversión das relacións xerárquicas, o que constitúe unha das máis significativos trazos do maléfico. En definitiva, é maís doado descubrir a face máis sinistra de Saturno, non a do deus da Idade de Ouro, civilizador, senón a do deus caído, deposeído do poder; un aspecto maléfico cíclico que non invalida o seu aspecto benéfico.

A vivencia das Saturnais ofrecería unha fórmula que permitiría satisfacer as inclinacións máis baixas do ser humano caído, esas que o obrigan a sacar ó exterior os instintos máis elementais da súa natureza. Non lle demos máis voltas, as vivencias rituais do Carnaval permiten dar canle a esas paixóns, de por si incontrolables, e facelas inocuas socialmente ó darlles a ocasión de que se manifesten nun periodo moi limitado de tempo, en determinadas circunstancias e baixo uns estrictos límites que xamais deberían ser traspasados. De non ser así, estas mesmas paixóns, ó non ser satisfeitas, estourarían irremediablemente poñendo en perigo a existencia individual e colectiva, e dando lugar a un balbordo de consecuencias bastante máis serias e imprevisibles. Son días regulados e reservados con este propósito canalizador. Son días que, ó estar considerados fóra do normal curso da vida, non van exercer ningunha mala influencia, nin tampouco hai nada que non estea previsto neles. Ata certo punto normalizan o desorde e integrano dentro dun orde total.

Certos riscos que descubrimos nas caretas confirman definitivamente todo o que ata aquí levamos exposto. As máscaras subliñan xeralmente o horripilante, mesmo a fealdade, cando evocan formas de animal ou de demo, de tal xeito que son como a expresión material da peor/diabólica natureza do ser humano. Ademais cada persoa, sen ser consciente, escollerá bastante naturalmente entre aquelas máscaras que mellor concorden coa súa forma de comportarse. A máscara, que sería un modo de disfrazar o verdadeiro rostro individual, acaba por ser a evidencia reveladora, unha inversión, unha verdadeira falsificación satánica de todo aquilo que o seu portador/a está obrigado a disimular, os instintos máis básicos e vergoñentos.

Bibliografía:

René Guénon, Symbols of Sacred Science. (2004)

Mircea Eliade, Tratado de Historia de las Religiones. Morfologia y dialéctica de lo sagrado. (2009)

Mircea Eliade, El mito del Eterno Retorno. (2011)

Caro Baroja, El Carnaval. (1989)

José M. Otero