PERSEO POR UN MAR DE MUXICAS

 

 

perseo2

As falcatruadas e amoríos de Zeus eran un díxome-díxome entre as divindades do Olimpo. A súa irritable esposa Hera, agoniada e molesta xa de que o corro celestial de murmuradores falasen polo baixiño, volvérase, a máis de revirada, unha consumada virtuosa da arte da vinganza.

O deus fulgurante andaba agora entolecido polo feitizo da bela Dánae, e non daba co atallo para seducila, como a tantas outras mortais antes e despois da filla de Acrisio. Andou el dándolle voltas na súa cabeza coroada a unha idea nunca vista coa que sorprendela, e  cando apagou o sol,  deu co agasallo que de seguro impresionaría aquela moza tan feitiña, (como desexaba tela nos seus brazos! como ardía!); sen moito tardar, aquela mesma noite de ceo cristalino un estalo de estrelas caía sobre a amada como unha fecunda chuvia de ouro.

Dánae, abraiada pola aparencia soberana do amante, o seu porte divino e a beleza impresionante do regalo celestial, caeu rendida e deixouse facer. Envoltos polo acougo daquel ceo calmo que os cubría e o silencio da noite, os dous amantes  sentíronse  engulidos por un vórtice de paixón e prendidos polo lume dun amor desenfreado e celestial durante horas interminables, xa que o fogoso Zeus, entregado a amar, perdía con cada suspiro os papeis das leis que rexen o universo.

Esta noite arrebatada e louca, na que beleza e poder acadan o cumio da harmonía, regala un berce mol e luminoso para que naza e deite nel un heroe; nunha noite así so nacen heroes amantes e liberadores. E de amores tan ardentes nace Perseo, o froito predestinado  a fender o aire con alas que rincharán ó bater co vento.

Perseo, obrigado a dar fe de que, a parte de fillo de Zeus, era home valeroso, decidido, capaz da fazaña máis increible por amor, voa os ceos infinitos ó lombo de Pegaso, degola a Gorgona e nun acto heroico último libera a súa amada Andrómeda, condenada a morte inxusta, das garras do monstro mariño. 

Perseo, rematados os traballos, definitivamente un heroe, case un deus, faise merecedor da man e o amor incondicional de Andrómeda liberada, da mirada agradecida da vaidosa e aflixida nai Casiopea e da admiración incontible do pai Cefeo, que xa perdera toda esperanza.

Andrómeda crava os seus ollos en Perseo, Perseo os seus en Andrómeda e o silencio do ceo nocturno xa é un mar de muxicas. Unha ondada de muxicas.

 José M. Otero

Anuncios