RITUAL MÁXICO PARA A GRAN CEA

A MESA, CENTRO DO UNIVERSO

Para os antigos romanos a comida era unha gran festa na que se mesturaban en doses semellantes o sagrado e o profano. Os deuses estaban presentes, ocupaban o centro da mesa e, desde alí, como se fose o centro do poder da divindade, protexían a casa e todos os que nela vivían. Así as cousas a mesa era un lugar sagrado, o fogar simbólico, arredor da cal se xuntaba toda a familia. A súa función era soster os alimentos, por iso para os antigos a mesa era o símbolo da terra fecunda, da terra que alimenta. O comedor, deste xeito, adquiría un valor cósmico, a mesa ocupaba o centro do comedor, da mesma maneira que a terra, para eles, ocupaba o centro do universo. O comedor, presidido polos deuses lares, espazo pechado, é, como tal, un lugar sagrado, un círculo máxico purificador que aílla do resto do mundo.

O RITUAL MÁXICO DE COMER

A comida era un rito máxico que tiña lugar nun espazo sagrado, polo tanto o convidado víase na obriga de respectar as regras do ritual: entrar no comedor co pé dereito (o esquerdo sería sinistro) e cunha roupa adecuada, unha túnica frouxa sen cinto, que viña a ser como o vestido de festa. A ausencia de cinto ou cíngulo era fundamental; o convidado non podía levar sobre el nada que atase, xa que o nó evocaba o círculo pechado, de presenza nefasta, nada debe interromper a corrente máxica que flúe polo universo do banquete no que se participa.  O comensal debía tamén deixar os seus zapatos na porta, porque tiñan lazos e nós, e igualmente desfacerse dos aneis; o círculo pechado igual que os nós impedían a comunicación máxica dos espíritos. O obxectivo último do convite era reconciliarse cos deuses.

FLORES E PERFUMES CONTRA ÓS SORTILEXIOS

As flores e perfumes protexían  contra os sortilexios e as forzas malignas. Exparexíase o chan especialmente con verbena, porque a verbena ten a propiedade de facer que as comidas sexan máis alegres, pero especialmente polo seu valor purificador. Tamén se recorría con frecuencia á flor do azafrán, xa para facer coroas, xa para mesturar no viño. O cheiro do azafrán era un bo antidoto contra o exceso de alcohol e procuraba, ademáis, un doce sono a quen desmedidamente sucumbise á tentación de beber.

A MAXIA DO NÚMERO TRES

Todo ten unha función máxica e unha razón de ser relixiosa. Era importante o número de convidados, tres como mínimo, para igualar o número das Grazas, e nove, como máximo, para non superar o das Musas, Era obrigado evitar o número par, era un mal presaxio. Quen rematase de comer o último non casaría e quen se erguese primeiro corría o risco de morrer durante o ano. Toda a comida xiraba a redor da cifra simbólica tres: compoñíase de tres partes, entremeses, platos fortes (tres) e sobremesa. Cando chegaba o momento da diversión había que beber tres ou nove copas.

TABÚS

A estas supersticións engandíanselle outros tabús: evitar derramar o saleiro, presaxio de morte, ou pinchar a carne coa punta do coitelo, porque pensaban  que deste xeito se fería os mismísimos mortos. Estaba prohibido falar de temas tristes, pero tamén permanecer calados (nin o un nin o outro). Se alguén falaba dun incendio había que espallar auga por debaixo da mesa inmediatamente para apagar o lume simbolicamente e afastar o mal presaxio. Se se servía ovos pasados ou caracois, era preciso machicar as cascas para que ningún malfadado as empregase  en maleficios contra os comensais. Estas supersticións sobreviviron á civilización romana e moitas delas a nós sonnos familares.

Anuncios

CONTRA REPRESIÓN LIBERTINAXE

 17-23 de decembro: Saturnais,

o pracer como bo presaxio

 

Escribía Hesíodo en Os Traballos e os Días que durante a Idade Dourada a terra producía a man chea, non había guerras, so concordia, ninguén se afanaba por facerse rico, polo que todo o mundo vivía feliz e contento. A escravitude e a propiedade privada eran conceptos descoñecidos, todos os homes dispoñían en común do que a natureza regalaba.

Lucas Cranach. A Idade de Ouro. Imaxes Google

Saturno, deus da agricultura e a sementeira, viviu na terra como un rei da Italia agreste dos primeiros tempos e conseguíu coa súa bondade que aquelas xentes rudas e disgregadas se agrupasen, e como isto non era pouco, del aprenderon os segredos da agricultura, e a lei como garantía de convivencia. Saturno foi o portador da felicidade  da Idade Dourada para as terras italas. Pero chegou o día en que este bo deus desapareceu de forma inesperada, pero non a súa memoria, pois os homes agradecidos contruíron templos, e moitas colinas e sitios elevados de Italia levaron o seu nome e na súa honra celebráronse a festas Saturnais, que tiñan lugar no último mes do ano, ligadas á temporada agrícola: sementeira ou colleita.

Polos testimonios que nos deixaron os escritores antigos, enchentes, borracheiras, libertinaxe, calquera maneira de dar co pracer son as trazas que definen esta celebración.

Durante  sete días, desde o 17 de decembro ata ó 23, en todas as casas, rúas e prazas de Roma lembrábase a liberdade que reinaba nos tempos de Saturno concedendo ós escravos a licencia de sentar á mesa dos amos, inxurialos, emborracharse con eles, sen que o amo puidese facerlles o máis mínimo reproche. Por un tempo quedaba abolida a discriminación social: non hai escravos, todos se comportan como os homes libres. En todo caso eran os señores os que servían ós escravos. Esta inversión de papeis chegaba a tal extremo que cada familia era un escenario burlesco no que lei e moral quedaban agochadas nun recuncho, para non perturbar aquel gozo de efémera liberdade.

Normalmente o estoupido de forzas reprimidas dexenera en orxía ou en rebumbio extravagante, xa que as paixóns máis escuras atopan a saída que se lle nega na tranquila e xuizosa vida ordinaria.

 

 

DOCES AGOIROS

DSC_0227

– E digo eu, por que che ofrezo primeiro a tiXano, incenso e viño cando estou a acalmar as almas dos nosos mortos? 

-Para que poidas,  grazas a  min, que gardo as entradas, ter acceso a todos os deuses que queiras. -Responde-.

-E por que se fan cumpridos nas túas kalendas e expresamos e escoitamos bos desexos?

Entón o deus, apoiado no caxato, que levaba na dereita, dime:

-Os bos agoiros agóchanse nos inicios. Con oídos agoirentos escoitades a primeira palabra e interpreta favorable o augur o vo da primeira ave que ve. O ceo e os deuses escoitan propicios. Ninguén expresa desexos vans, e o dito dito queda.

Apenas rematara a charla Xano, eu non pasei moito tempo calado; pisei coas miñas palabras as últimas súas, e pregunteille:

-Que significa o dátil e o figo paso, e o mel brillante que flúe no branco panal?

 -Sonche cousas dos agoiros: que o sabor doce acompañe a nosa labor e  o ano tempere o camiño comezado. –Dime el-

-Entendo por que se ofrecen doces, pero explícame  o sentido do aguinaldo para que nada se me perda da túa festa.

Riu e dixo:

-Canto te engana o teu tempo a ti que pensas que o mel é máis doce que o aguinaldo recibido! Eu non coñecín a ninguén nos tempos de Saturno que non pensase que as riquezas non fosen doces.

                                                                            OVIDIO, Fastos, I, 170 ss.

(Tradución de José M. Otero)