AMAÑANDO O CAOS

“Unha rexeneración periódica do tempo presupón, de xeito máis ou menos explícito, unha creación nova, é dicir, una repetición do acto cosmogónico… unha restauración, aínda que efémera, do tempo mítico primordial, do tempo “puro”, o intre da creación…, repetición de momentos míticos do paso do Caos á Cosmogonía.”

                                                                    M. Eliade. El mito del eterno retorno, páx. 60

O caos, o rebumbio, o aceno comunal de poñer o mundo do revés, en dúas palabras, a desorde diabólica constitúe o fío común que zurce todas as festas que durante séculos armaban o tempo do solsticio de inverno ou o que podería ser o tempo ritualizado dun novo ciclo anual.

A liturxia da Igrexa, que tanta importancia ten na adecuación dos rituais paganos ós estrictos modelos da relixión dominante, emprega, para denominar este período litúrxico, a significativa expresión de “Tempo Ordinario”; unha denominación intranscendente que contrasta co sentido espiritual que suxire a de “Tempos Fortes”, para referirse a Nadal e Coaresma.

Na Festa do Asno (ó longo a Idade Media ata o século XV celebrábase o 14 de xaneiro), este animal, do que o simbolismo propiamente diabólico é ben coñecido en todas as tradicións, é conducido ata o presbiterio dunha igrexa onde, nun lugar de honra, recibe mostras de veneración. (K. Jung, entre outros, tenta desvelar a complexidade significativa do asno  relacionándoo coa forza interna do mal e co poder inconsciente da culpa. Por iso, desde unha perspectiva onírica, interpreta a aparición da figura do asno en determinados soños como portadora de destrución e morte, ou o que é o mesmo, a representación da totalidade do mal).

No empeño de entender o sentido do Entroido moderno é moi clarificadora a Festa dos Loucos (tamén chamada a Festa das Calendas por se celebrar o primeiro de ano fundamentalmente, desde a Idade Media ata o século XVI, momento no que foi prohibida): o clero menor entregábase ós peores improperios, parodiando a xerarquía eclesiástica e a liturxia mesma. Os tolos ían disfrazados cunha careta que reproducía esaxeradamente as orellas dun asno (Referencia satánica).

Resulta chamativo que nunha época tan estricta coa regulación canónica e o control dos seus fieis por parte da Igrexa estas parodias, con certo aroma a sacrilegio, fosen non so permitidas senón tamén oficialmente aprobadas. Cal pode ser a razón que obrigue á  autoridade aclesiástica habitualmente acoirazada e inflexible a tanta permisividade? 

Se botamos unha ollada máis atrás no tempo, as Saturnalia romanas, das que o Carnaval actual resulta ser unha tímida sombra, deixan entrever certos trazos diabólicos: os escravos daban ordes e servían ós amos. Recreaban deste xeito un mundo do revés onde todo sucedía de forma contraria ás relacións cotiás habituais.

Aínda que hai investigacións que ven neste ritual igualitario o retorno á mítica Idade de Ouro, quizais resulte maís preciso interpretalo como a representación primordial da indiferenciación das funcións sociais na mediada do posible en cada momento histórico, ou tamén unha inversión das relacións xerárquicas, o que constitúe unha das máis significativos trazos do maléfico.

Saturno ofrece a súa cara máis sinistra, a dun deus caído, que ven de perder o poder, non a do deus civilizador  da Idade de Ouro; una cara maléfica cíclica que non invalida nin nos fai esquecer o seu aspecto benéfico. A vivencia das Saturnais ofrecería unha fórmula que permitiría satisfacer as inclinacións máis baixas do ser humano caído, esas que o obrigan a sacar ó exterior os instintos máis elementais da súa natureza.

Non lle demos máis voltas, estamos diante dunha manifestación colectiva que permite dar canle a esas paixóns, de por si incontrolables, e facelas inocuas socialmente ó darlles a ocasión de que se leven a cabo nun período moi limitado de tempo, en determinadas circunstancias e baixo uns estrictos límites que xamais deberían ser traspasados. De non ser así, estas mesmas paixóns, ó non ser satisfeitas, estourarían irremediablemente poñendo en perigo a existencia individual e colectiva, dando lugar a un balbordo de consecuencias bastante máis serias e imprevisibles.

Son días regulados e reservados con este propósito canalizador. Son días que, ó estar considerados fóra do normal curso da vida (Tempo Ordinario), non van exercer ningunha mala influencia, nin tampouco hai nada que non estea previsto neles. Ata certo punto normalizan a desorde e integrana dentro dunha orde total.

Certos trazos que descubrimos nas máscaras confirman definitivamente todo o que ata aquí levamos exposto. As máscaras subliñan xeralmente o horripilante, mesmo a fealdade, cando evocan formas de animal ou de demo, de tal xeito que son como a expresión material da peor/diabólica natureza do ser humano. Ademais cada persoa, sen ser consciente, escollerá bastante naturalmente entre aquelas máscaras que mellor concorden coa súa forma de comportarse.

A máscara, que sería un modo de disfrazar o verdadeiro rostro individual, acaba por ser a evidencia reveladora, unha inversión, unha verdadeira falsificación satánica de todo aquilo que o seu portador/a está obrigado a disimular, os instintos máis básicos e vergoñentos.

Bibliografía:

René Guénon, Symbols of Sacred Science. (2004)

Mircea Eliade, Tratado de Historia de las Religiones. Morfología y dialéctica de lo sagrado. (2009)

Mircea Eliade, El mito del Eterno Retorno. (2011)

Caro Baroja, El Carnaval. (1989)

José M. Otero

 

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s