ESPLENDOROSO MAIO

As xentes do campo receaban de tres momentos, sobre todo, para unha boa colleita e por iso estableceron os ritos e as festas dos Robigalia, dos Floralia e dos Vinalia .

Varrón en Plinio N. H. 18,284

rosamarela

ESTALO DE VIDA

A festa en honor da deusa Flora formaba parte, polo menos na Roma primitiva, dun conxunto de prácticas destinadas a convocar a primavera e o favor dos deuses protectores do campo nas recolleitas que ían vir. Xa no tempo dos Reis estas festas deberon ser a continuación dos Robigalia Vinalia Priora, nas que a xente do campo cada 23 de abril ofrecía sacrificios a Robigo para que librase o trigo e os aparellos da labranza do fungo da ferruxe e a Liber-Xúpiter para que dese forza ós novos gromos das vides (Ovidio, Fastos 4, 907-942).

A este tempo primitivo debemos referirnos se queremos entender o sentido de certos ritos que se perpetuaron no tempo: alumear coa luz de numerosos fachos os xogos da deusa, que se prolongaban na noite, ou aquela outra pola que as mulleres se poñían vestidos cheos de vivo colorido; ou a de botar entre a multitude grans secos de ervellas, fabas, pementos, chícharos bravos, para conseguir da terra os dons que ela regala. Ou tamén a de soltar e perseguir á carreira lebres e cabras, animais de temperamento erótico.

Estas prácticas son simbólicas, expresan mesmo o carácter de Flora que representa a explosión e a variedade da vexetación grazas a puxanza do sol.

As Floralia comezaban o 28 de abril, aínda que no século IV a. C.,  o seu tempo ía desde o 30 de abril ó tres de maio. Os xogos escénicos sinalaban o comezo e os xogos de circo e o sacrificio á deusa Flora o seu remate. Foron sempre unhas celebracións de moita algueirada, frívolas e licenciosas en extremo para un poder político estricto no ámbito da moral: no último século da República unhas prostitutas atendían solícitas a petición da xente para se mostraren voluptuosamente espidas. Incluso existe unha tradición que fai de Flora unha prostituta benefactora que doa toda a súa fortuna ó pobo para que celebren todos os anos a súa festa.


Este texto de Ovidio, en Fastos V, 331-379, pode axudarnos a entender unha parte bastante significativa de todo o que vimos de decir:

FLORA non  é unha deusa severa, e así os regalos que trae se prestan á frivolidade, por iso nestas festas das Floralia hai  libertinaxe e bromas divertidas.

As tempas dos que beberon cínguense de grilandas tramadas e as mesas relocen cubertas de rosas espalladas; o comensal baila borracho co pelo recollido por unha coroa de tileiro e abusa imprudentemente da graza do viño; canta o borracho diante da porta da súa fermosa amiga, brandas grilandas sosteñen os cabelos perfumados. Nada serio se  fai coa fronte coroada, e os que se cinguen con flores non beben auga pura. Baco é afeccionado ás flores. A Flora vaille ben unha escena sinxela; non é vaidosa.

A deusa non é das que practica actividades lúgubres nin importantes; desexa que os seus ritos estean abertos a todo o mundo e aconsella aproveitarse do esplendor da vida mentres está en flor, pois tiramos as espiñas cando xa murcharon as rosas. Esta é a razón pola que asisten a elas unha multitude de prostitutas.

Nas festas de Ceres  regalábanse vestidos brancos, porque os campos se poñen brancos cando maduran as espigas. Flora vístese de mil cores  como un prado de florido.

Fogueiras e fachos alumean noite e día. Pois se os campos se visten con flores de púrpura, parece apropiado que o lume enchese de luz os días que se me dedicaban, explica Flora, ou tamén porque as flores como as chamas non teñen cores apagadas e ambos brillos atraen as miradas; ou  ben porque ós nosos praceres venlle ben a libertinaxe nocturna. Esta parece ser a verdadeira razón.

Ó preguntarlle a Flora por que encerraba nas redes pacíficas cabuxas e solícitas lebres, respondeume que a ela correspondíanlle os xardíns e os campos onde non entran feras agresivas, e non as selvas. E foise na brisa sutil.”

Ler tamén: O espírito da árbore

 

 

Anuncios