HORACIO, CARUS AMICIS, A POESÍA NO MARCO DA AMIZADE

 

HORACIO EN TRES ODAS


A poesía latina que expresa os sentimentos subxectivos non aparece en poemas exclusivamente líricos ata mediados o século I a. C.  cos coñecidos como neotéricos de Catulo e o seu círculo.

Roma agora mírase no espello de Grecia do século IV a.C. cando o coñecido como período clásico dá paso ó helenístico, o que no ámbito político ten como resultado a aparición dos monarcas.

Os cidadáns, que empezaron a sentir escaso compromiso co Estado, centran todas as súas forzas na súa vida privada. Este é o xermolo da poesía alexandrina: renuncia a  todo que sexa grandeza e predilección polas pequeñas cousas; en vez dos solemnes e longos poemas épicos, composicións breves e delicadas. 

O panorama previo á chegada de Augusto ó poder era no ámbito da política complexo e ademais especialmente sanguento: guerras civís, revoltas, inseguridade, inestibilade social, crise de institucións tradicionais, ata chegar a unha paz imposta: un momento historicamente delicado no que o sistema republicano dá paso ó Imperio. A  literatura acada a súa época dourada e os poetas teñen claro que o seu papel é conseguir a inmortalidade.

Neste período augústeo asistimos ó cambio final de actitude cara á poesía e ós poetas. Ahora a poesía non é só unha preocupación digna e única para os cidadáns romanos de clase respetable; os poetas renuncian ó esteticismo e comprométesen coa sociedade ou vense na obriga de defender a  súa falta de compromiso. Volve estar en xogo a visión grega clásica da poesía:  traballo de xente con talento, que serve ós cidadáns como educación moral.

Nos primeiros libros de Odas (I, II, III) Horacio desempeña o papel dun Alceo, cidadán fondamente comprometido, que escribía patrioticamente sobre temas candentes do momento, pero que non deixaba de pensar  que na marxe desa obriga había un espazo para o ocio, o amor e o viño. A mesma fusión das dúas poesías gregas que se dera cos neotéricos advírtese en Horacio, de feito, o poeta de Venusa non só leva adiante  o programa dos poetas do círculo de Catulo senón que os supera.

Tomando as Odas en conxunto, a variedade e complexidade temática e a riqueza métrica son os aspectos máis significativos, aínda que moitos dos temas son reelaboración de temas xa tratados en EpodosHoracio quere que os seus temas preferidos poidan expresarse en diferentes formas estróficas e que nunca unha forma escravice a un tema ou o seu tratamento.

Nas Odas o pensamento de Horacio, a súa melancolía, o seu sentido epicúreo da vida, a súa incredulidade e desconfianza, a renuncia ás grandes ambicións son obxecto da súa contemplación artística; os principios da aurea mediocritas, de se contentar con pouco, de reter o momento que foxe, de esperar sempre a morte transfórmanse en efusións dunha experiencia interior.

Os grandes temas da lírica horaciana son o amor, a amizade, os himnos, os banquetes, a natureza, as reflexións filosóficas (o tempo, a morte, o destino do home e a súa posición no mundo, a sabiduría) e vitais e políticas.

Unha cuarta parte das Odas pode considerarse poesía amorosa, pero desde a distancia, desde a crítica, desde o cinismo. Non fala das súas paixóns nin das súas emocións,  descríbeas como se non fosen con el. É neste punto onde se afasta de Catulo. Esta actitude non debe de sorprendernos vindo como ven dun epicúreo que considera o amor como un conxunto de penas e preocupacións que a el non lle afectan nin o inmutan.

O templo de Marte Vengador. Foro de Augusto.

A singularidade deste grupo de poemas, desde a perspectiva dos xéneros literarios, radica en que ese mundo está contido dentro dos padróns da poesía lírica, que aparece así, gracias  a versatilidade métrica e rítmica, como o xénero non caracterizado, o que quere dicir que serve para todo, fronte a disciplina estricta do resto dos xéneros.

En Odashai poesía subxectiva e obxectiva sen que sexa fácil marcar un lindeiro, poesía de tono elevado, pero tamén de tipo epigramático, poesía de contido mitolóxico, pero tamén das cousas cotiás: esta actitude integradora é a manifestación da supremacía da aurea mediocritas.

Pese á complexidade temática das Odas, a unidade, que se acada gracias a súa estructura, foi reclamada por varios autores:

  • Composición lineal: odas cun número indeterminado de estrofas que desenvolven un tema ou acontecemento progresivamente cunha gradatio ascendente ou descendente. (Oda, I, 5)
  • Composición en anel:  odas que comenzan e rematan cun mesmo tema. (Oda II, 3)
  • Composición bimembre: odas con dúas partes de extensión similar, antitéticas ou paralelas, con dous temas diferentes ou un tratamento diferente do mesmo tema. (Oda III, 28)

É admirable que consiga sintetizar el só a Alceo, Safo, a Alcmán e Teognis, Tirteo e Calino, Anacreonte e Píndaro, sin esquecer o gran Calímaco, toda a lírica grega en padrón latino. É nos líricos gregos onde a súa poesía atopa asento rítmico.

Vexámolo con tres exemplos:

Oda III, 28

 


Horacio preséntase como o poeta do viño e o amor e contén outra mensaxe moi horaciana: é día de festa,  e polo tanto tempo de ocio: hai que beber viño, tocar música e facer o amor. Estructura bimembre.

¿Que cousa mellor podo facer

no día da festa de Neptuno? ¡Saca, Lidia,

con presteza, o  reserva de Cécubo

e quebra o teu bo sentido!

Ves que ven a tarde

e ti, como se o día fugaz se parase ,

receas traer da bodega

a ánfora na que repousa o viño de longa garda.

Unhas veces eu cantarei

a Neptuno e ás  verdes melenas das Nereidas;

en resposta, ti ensalzarás  coa corva lira

a Latona e os veloces dardos de Diana.

Cun último canto honraremos

a Venus de  Cnido,  que visita as Cícladas luminosas

nun carro tirado por cisnes;

a Noite merecerá unha sentida canción de despedida.

 

Oda I, 5

 


Mensaxe típica horaciana: o amor, a ocupación do ocio, é unha ocupación efímera, que se esvae como o fume, indigna de confianza, aínda que por iso mesmo pode ser dolorosa. Estructura lineal

¿Que delicado efebo  perfumado con auga

de Colonia te abraza,  Pirra, entre pétalos de rosa

no recanto íntimo do xardín?

¿Para quen soltas natural e coqueta

a túa rubia melena? ¡Cantas veces chorará

a túa perfidia e a súa mala fortuna

e contemplará con asombro por primeira vez

o mar encrespado polos negros ventos

o que agora confiado goza da túa rubia beleza,

o que sempre te espera atenta, sempre cariñosa,

e non  sabe da veleidade do vento!

¡Pobres aqueles ós que cega o teu encanto,

e non intimaron contigo! Polo que me toca,

as miñas ofrendas de agradecemento dan fe

de que eu xa dediquei a miña roupa de naufrago

ó poderoso deus do mar.

 

Oda II, 3

 


O destino inexorable do home atemperase cos placeres efímeros. Un xogo entre o desánimo e a afirmación. “Aurea mediocritas”, o punto medio entre o éxito e a miseria, o temor e a insolencia. Estructura en anel

Lémbrate de manter o ánimo sereo

no infortunio, na felicidade,

controlar a insolente ledicia, 

Delio, pois vas  morrer,

 xa vivas agoniado cada momento da túa vida ,

xa, deitado nun prado retirado  nos días

 felices, te comprazas saboreando

o máis delicado viño de Falerno.

¿Por que o alto pino e o chopo prateado gustan

trenzar sombra acolledora

coa súa ramaxe? ¿Por que  no río

sinuoso a auga fugaz  flúe rápida?

Ordena servir  viño e ungüentos

e deliciosas rosas de efímera frescura

mentres  o permitan os teus negocios, a túa idade

e os negros fíos  do Destino.

Deixarás os soutos que compraches e a casa

e a túa granxa,  que  rega o rubio Tiber;

deixaralos, e un herdeiro farase dono

das riquezas que ti acumulaches.

Xa foses fillo do mítico Inaco,

xa, coitado de familia pobre,

vivises ó sereo, nada importa,

nada, vítima do inmisericorde do Demo da Morte.

Todos acabamos no mesmo lugar, o gobelete

remove os dados,  máis tarde ou máis cedo

vai caer a sorte de todos

e só queda embarcar cara ó exilio eterno.

MAXIA, REALISMO E RISA NO TEATRO ROMANO

 


 

 

Nas bancadas estala ás veces unha violenta protesta, porque eses inmensos lugares de reunión, nos que a elite se codea co pobo e o adula, non perden nunca unha función política. Emperadores e maxistrados sondean a súa popularidade diante dun público revoltoso e exixente

                      Roger Hanoune e John Scheid. La Roma Antigua

Aristócratas, cabaleiros, plebeios, soldados e escravos, homes e mulleres viven  a resaca dos ludi na honra de Flora culminados o día 3 de maio. Corre o ano 212 a. C, pero podería ser tamén os 202, cando aínda fumegaban os cadáveres do exército cartaxinés nas chairas de Zama. As prostitutas romanas exhibíranse en danzas lascivas, completamente espidas polas rúas de Roma. Os habitantes da Urbs aínda no acabaran de recuperarse dos grandes desastres da segunda Guerra Púnica e vivían os pesadelos da pantasma de Aníbal. Pero é primavera, retornan de novo as forzas da fecundidade,  ninguén se atrevería a prohibir un espectáculo tan carnal e luxurioso polo medo de que o ano resultase estéril.

Máscaras teatro. Mosaico. Museos Capitolinos. Roma. Fot. José M. Otero

Desde agora non se conciben en Roma ludi sen representacións teatrais. Plauto elabora todo o seu teatro nos días máis sombríos da segunda Guerra Púnica. Polo imaxinario do teatro plautino pululan comerciantes enriquecidos, prostitutas insaciables, mozos que devoran o patrimonio familiar con desenfreada luxuria, escravos espabilados que colaboraban desinteresadamente, vellos ilusos fuxidos de esposas agobiantes e carcamales… pero a atmosfera escénica era grega, porque dificilmente se toleraría un retrato vivo da vida social romana do momento, nin tampouco alusións políticas satíricas ao estilo de Aristófanes na Atenas de Pericles.

Frons scenae do teatro de Mérida. Fot. José M.Otero

As feridas psicolóxicas de calquera guerra requiren para ser curadas dun tratamento que conxugue  con maestría a partes iguais maxia e realismo. Esa medicina socialmente necesaria elabórase con enxeño na alquimia do laboratorio teatral.

O teatro é un universo encantado, donde a moral cotidiana campa con liberdade, porque non hai regras que a conteñan. Os espectadores vense transportados a un mundo onde non hai nada imposible, nel a natureza renuncia ás leis máis elementais: todo resulta un milagro, unha explosión de xúbilo colectivo, risa liberadora.

O pobo quere deseperadamente que o soño se torne realidade, dá o mesmo como sexa o soño: cruel, indecente, voluptuoso, magnífico, poético. E este desexo ha ser colmado, porque, de non ser así, o maxistrado responsable será víctima dunha sonora e interminable pitada que abrirá a tumba na que durmirán eternamente as aspiracións dunha longa carreira política.

https://www.facebook.com/video/embed?video_id=10200114151558836

FUNESTOS PRESAXIOS PARA CÉSAR: IDUS DE SANGUE

“Cando descubran as cinzas de Capys, un descendente de Iulo morrerá a mans duns familiares, pero non tardará en ser vingado polas desgrazas de Italia“.

[Contido dunha prancha de bronce que se atopou na tumba escavada de Capys] Suetonio

 

Relata Suetonio na “Vida dos doce Césares”  un  rumor que corría por toda Roma como unha mensaxe de mal agoiro nos días previos ós Idus de Marzo: que os cabalos consagrados ós deuses por César ó pasar o Rubicón andaban soltos, sen dono, que se negaban a comer e rinchaban como se chorasen. Algún arúspice ousou dirixirse a César aconsellándolle  que se gardase do perigo que o ameazaba para os Idus  de Marzo. Estaba tan convencido César do seu poder que mesmo desprezou o valor dos presaxios e os consellos de augures e arúspices, os que consideraba unha gavela de falapoucos e baralleiros. Non lle tiña medo á morte, pois nin sequera aceptaba a súa propia garda persoal e, o que era peor, mostraba certos acenos tan  autoritarios de desprezo  ós senadores que moitos deles sentiron a súa dignidade ofendida.

 

Desde o seu triunfo en Hispania non deixaba de ser colmado de honores. sacrificios polo seu aniversario (honor divino reservado ós reis no mundo grego), votos anuais polo seu benestar, a inviolabilidade da súa persoa. Nas cidades de oriente xa lle concederan honores iguais ós deuses.  Noutra ocasión, aínda que con non disimulada teatralidade, diante do pobo,  desprezaba outros honores , como a renuncia a unha diadema real durante as Lupercalia, quizais co propósito de non asustar os defensores das liberdades da República romana. Pero foi a concesión da ditadura vitalicia o que lle  pareceu inaceptable a senadores convencidos por tradición de que a esencia da República residía na liberdade. Este ano eran pretores Casio e Bruto, os cales tiñan na súa liña dinástica  verdadeiros defensores da liberdade e contrarios ó poder monárquico,  ó extremo de ter acuñado noutros tempos  moedas coa lenda: “Liberdade”.  PARA SEGUIR LENDOOs idus de marzo (PDF)

 

 

VIÑO E PENAS NAS LUPERCAIS (LECTURA)

Adde merum vinoque novos compesce dolores [Sirve un bo viño, afoga en viño as penas recentes] Tib. I, 2

Acúdeme, lúcido Baco, ( xa teñas sempre

a  vide do delirio, xa leves  as sens cinguidas de hedra).

Libérame da miña dor ti mesmo cunha copa chea de vida:

A cada paso o amor  claudica vencido polo viño.

Amable criatura, reborden de viño xeneroso as copas

e sírvenos  Falernos con man espléndida.

Ide lonxe, penosa estirpe de coitas, ídevos amarguras:

que brille, montado nos seus cabalos brancos, o sol Apolo.

…….

Nada me preocupas xa, Neera (1),

que sexas feliz, e luminoso o teu destino.

…………..

Chega, despois de moitos días, a calma.

 

(1) ¿Neera= a poetisa Sulpicia? En todo caso, a muller do enigmático Lígdamo, posible autor do poema. Exemplificación do tipo de muller de familia noble: provocativa, amante das riquezas, fermosa e desleal, que pretende dominar o mundo cos seus encantos, pero que a fin só consegue a fama grazas ós versos do poeta.

TIBULO, Carmina, (Corp. Tib.) III, 6, 1-8 , 29-30 e 32

TIBULO (PDF)

SATURNAIS OU A LIBERDADE LICENCIOSA

Escribía Hesíodo en Os Traballos e os Días que durante a Idade Dourada a terra producía a man chea, non había guerras, so concordia, ninguén se afanaba por facerse rico, polo que todo o mundo vivía feliz e contento. A escravitude e a propiedade privada eran conceptos descoñecidos, todos os homes dispoñían en común do que a natureza regalaba.

Lucas Cranach. A Idade de Ouro. Imaxes Google

Saturno, deus da agricultura e a sementeira, viviu na terra como un rei da Italia agreste dos primeiros tempos e conseguíu coa súa bondade que aquelas xentes rudas e disgregadas se agrupasen, e como isto non era pouco, del aprenderon os segredos da agricultura e a lei como garantía de convivencia. Saturno foi o portador da felicidade  da Idade Dourada para as terras italas. Pero chegou o día en que este bo deus desapareceu de forma inesperada, pero non a súa memoria, pois os homes agradecidos contruíron templos, e moitas colinas e sitios elevados de Italia levaron o seu nome e na súa honra celebráronse a festas Saturnalia, que tiñan lugar no último mes do ano, ligadas á temporada agrícola: sementeira ou colleita.

As saturnais ou o inverno. Fot.  RMN

Polas testemuñas que nos deixaron os escritores antigos, enchentes, borracheiras, libertinaxe, calquera maneira de dar co pracer son as trazas que definen esta celebración.

Durante  sete días, desde o 17 de decembro ata ó 23, en todas as casas, rúas e prazas de Roma lembrábase a liberdade que reinaba nos tempos de Saturno concedendo ós escravos a licencia de sentar á mesa dos amos, inxurialos, emborracharse con eles, sen que o amo puidese facerlles o máis mínimo reproche. Por un tempo quedaba abolida a discriminación social: non hai escravos, todos se comportan como os homes libres. En todo caso eran os señores os que servían ós escravos. Esta inversión de papeis chegaba a tal extremo que cada familia era un escenario burlesco no que lei e moral quedaban agochadas nun recuncho, para non perturbar aquel gozo de efémera liberdade.

Normalmente o estoupido de forzas reprimidas dexenera en orxía ou en rebumbio extravagante, xa que as paixóns máis escuras atopan a saída que se lle nega na tranquila e xuizosa vida ordinaria.

PRACERES INVERNAIS: CONSELLOS HORACIANOS PARA XENTE MOZA


Non houbo poeta que mellor coñecese o prezo da felicidade que Horacio, e ben sabía que non está na man de calquera conseguila, porque só é accesible a unha minoría.  A vida axitada da urbe só lle produce desprezo a quen busca nunha pequena casa de campo da Sabina a tranquila felicidade. Si ten un obxectivo seguro: a necesidade de gozar cada día que pasa como se fose o último. Unha fórmula que non sempre foi ben comprendida;  moitos pensaron que o obxectivo vital do poeta eran os praceres vulgares da existencia. Pero esta fórmula nace como resultado dunha fonda reflexión moral sobre unha sociedade que vive en constante axitación desde que el era neno: fronte ós incentivos da ambición e o heroismo prefire  a paz e a liberdade de espírito e de corazón, aliados coa amizade, proclamada polo epicureismo, indispensable para o pracer. Horacio atopa este pracer na creación poética.

“O ánimo  orientado ó presente evite a inquedanza polo futuro e atempere os pesares con sorrisos.”

 

Ves como loce branco o Soracte con neve

na cima e como os frondosos xardíns     

perden a exhuberancia e os ríos    

cristalizan conxelados.

Espanta o frío botando  leña  no lume     

en abundancia e  saca,  Taliarco,

amablemente  da cántara sabina ,     

o viño de catro anos.

Deixa o resto nas mans dos deuses, que a  un tempo

acalmaron os ventos embravecidos no mar 

tormentoso, e non bambean  

os cipreses nin  os vellos olmos. 

Déixate de preguntar que pasará mañá 

e calquera día que a fortuna che regale, cóntao

 como ganancia; non despreces, 

 rapaz, os doces amores nin o baile     

mentres  as morosas canas  quedan lonxe

do vigor xuvenil. Agora procura o Campo de Marte, 

as prazas e os suaves suspiros 

da noite na hora convida, 

agora   tamén   as agradables risiñas  

delatoras  da moza que se agacha no íntimo recanto

e  a prenda de amor arrebatada dos seus brazos

 ou do dedo maliciosamente picarón.

HORACIO, Odas, I, 9

INSPIRACIÓN E HUMOR NO MUNDO TRANSFORMADO DE OVIDIO

250 mitos e lendas en 11.991 versos; 175 cambios de forma, 54 en animais, 27 en pedras

“As Metamorfosis convértense en herdeiras, compendio e climax da producción literaria de Ovidio. Herdeiras porque moito do seu contido, mitos e lendas, xa se trataba en Amores, Ars Amandi e Heroidas; compendio porque funde o que lle suministra a tradición elexíaca, lírica, tráxica, epistolar, as “declamationes”, o pantomimo e especialmente o alexandrinismo; e climax porque pretende que sexa a súa obra máis perfecta”.

Rosa María Iglesias e María Consuelo ÁlvarezLas “Metamorfosis”,  en Historia de la Literatura Latina, de Carmen Codoñer (ed.)

As Metamorfosis son un catálogo universal das tradicións míticas  no  que se conxuga poesía e hitoriografía universal, pero non aleatorio, desordenado e caótico, senón articulado  de forma unitaria: a metamorfose final de cada episodio,  é o fío guía da unidade externa; a articulación xenealóxica e cronolóxica, o da unidade temática; a variedade dos versos hexamétricos perfectos e elevados, o que dá unidade poética.

Se ben as metamorfoses son un tema recorrente, tamén o son  o amor e a cólera divinos. O amor é tema dominante en toda obra ovidiana. O amor entre deuses e mortais (Apolo e Dafne) é o máis frecuente, pero tamén o amor entre deuses (Venus e Marte), e o amor entre mortais (Orfeo e Eurídice). A cólera dos deuses e os celos non poden quedar á marxe nun escenario tan pasional.

Xuntamente con estes temas aparece un autenticamente romano, a pietas,  fronte a impietas, a pietas cos deuses (Filemón e Baucis), a pietas de amor (Pïramo e Tisbe).   Esta pietas de amortratatada por Ovidio dun xeito totalmente orixinal, tanto que non ten nada que ver co tratamento que dela fixeran os que o precederon,  vai creando unha sensación de continuidade mesmo entre episodios que non teñen nada que ver entre eles.

 

Apolo e Dafne. Fot. RMN

 

Deslumbrado pola lectura dos primeiros versos, o lector espera un argumento serio e unha acción única, unha épica na que as accións teñan unhas cosencuencias, un poema moral, nunha palabra. Pero pronto se sente víctima dun engano, que non deixa de ser un artificio literario, porque a acción do poema non e única nin seria, senón un conxunto de historias ligadas con artificio e narradas subxectivamente, con enxeño, humor e sentido do grotesco, da burla.

As  accións non derivan en consecuencias, senón en fantásticas metamorfoses. Polo tanto o que teriamos entre mans sería unha colección de historias míticas inspirada en Calímaco, ¿unha colección de mitos gloriosamente amoral baixo a careta da épica? ¿Un insulto irreverente á épica tradicional de Virxilo e ó material que remodela Virxilio? ¿Un insulto a Eneida e ó que significa ideoloxicamente? ¿Unha irreverencia contra Augusto?

Piramo e Tisbe

Probablemente non, nin insulto a tradición nin irreverencia ó emperador; mirémolo desde outra perspectiva máis positiva: Ovidio é un poeta divertido, a súa amoralidade ou inmoralidade está ó servizo do humor, a parodia atrae a risa cara a propia parodia e non cara ó obxecto perodiado. Ovidio é o poeta que mellor representa a concepción da arte pola arte, venera a técnica por enriba doutros recursos. A amoralide, neste marco, resulta indispensable para unha creación artística autosuficiente.

É o poeta augústeo por excelencia, en canto que a lexislación de Augusto ía dirixida contra o espírito que Ovidio representaba e que era o espírito socialmente prevalente: amante  dos praceres, sofisticado, cínico. É quen mellor entende a sociedade na que está vivindo, pouco proclive xa ás vellas tradicións romanas, e ben sabe que lexislar en contra dos gustos e tendencias da maioría é labor perdido.

LECTURAS:

 

Orfeo e Eurídice. Fot. RMN

 

APOLO E DAFNE (pdf)

ORFEO E EURIDICE (pdf)

PIRAMO E TISBE. Texto (pdf)

CATULO: PENAS DE AMOR DUN INXENUO PROVINCIANO E A ARISTÓCRATA LIBERTINA

 

“Nunha sociedade onde os amores libres adquirían cada vez maior relevancia, e na cal a “cortesana” tendía a consolidar o seu reinado, as mulleres “honorables” non podían deixar de vingarse de algún modo.

 Sen dúbida, moitas delas continuaron practicando as virtudes ancestrais…. Pero algunhas preferiron conquistar a liberdade, e, xa que ás cortesanas se lles daba tanto aprecio, decidiron comportarse como elas. Naturalmente, moitas pasáronse da raia….

 A correspondencia de Cicerón abonda en perfis de mulleres desenfreadas e violentas que tenden a darnos a impresión dunha sociedade na que os antigos valores morais ían caendo en descrédito…

 A muller que amaba [Catulo] era o símbolo de toda unha xeneración de amantes atrapadas entre dous mundos. El deulle o nome de Lesbia (por Safo) pero chamábase Clodia, da antiga familia dos Claudii, chea de prexuízos aristocráticos e célebre polo orgullo e impetuosidade dos seus homes e mulleres.

 Catulo contaba vinte anos, ela trinta. “

PIERRE GRIMAL. El AMOR en la ROMA ANTIGUA. Páx 176-19

No cambio de actitude cara ós poetas e a poesía, é crucial o movemento neotérico da República tardía; polo menos, estes vangardistas pensan que lle senta ben a un romano da clase alta ser simplemente poeta.

Neotéricos (“modernos”, “epígonos”, “novísimos”) é o término que designa o que se coñece da nova poesía latina a partir de Catulo (84-54 a. C.?) e o grupo de poetas cos que se asocia, fortemente influidos polo grego Calímaco (300-240 a. C.).

Segundo sexa o momento, tómanse en consideración e procésanse aspectos diferentes da obra do lírico grego: nuns casos, o feito de cultivar xéneros diferentes, noutros, a preferencia por formas menores (poema breve e refinado) e o desprezo dos grandes xéneros e temas (épica, traxedia), a ruptura do automatismo  da identificación do metro cun tema concreto, trazo distintivo dos poetas gregos.

Catulo é o gran descubridor do individuo e os seus valores, o cal supón tamén, desde o punto de vista metaliterario da individualidade do poeta, o paso do poeta artesán, imitador, ó poeta artista co seu selo persoal.

Catulo amósanos como os neotéricos levan a cabo a fusión entre as dúas poesías gregas: imita a lírica de Safo, Anacreonte e, ó mesmo tempo, a dos alexandrinos Calímaco e Filodemo.

Os neotéricos son poetas de condición social elevada que non necesitan da literatura para subsistir, que se moven na esfera do otium e da literatura como divertimento. Non deixa de resultar paradóxico que o oficio de poeta snob e frívolo sexa máis considerado que nunca na Roma deste momento.

As condicións políticas e ideolóxicas de finais da República romana, cambiantes e contradictorias, reflíctense no individualismo e na poesía catuliana. O desprezo da épica supón o desprezo dos valores proclamados pola política do momento que se atopaban expresados na literatura oficial tradicional: o vir gravis (home de peso, con autoridade) da tradición vai dar paso ó vir lepidus (vividor, gracioso, agudo). A urbanitas (a elegancia, a finura, a gracia) e a amicitia (relacións sociais en liberdade) son os novos valores.

51: PAIXÓN ENFERMIZA

O afortunado que sentando diante túa

te mira e te escoita rir docemente

paréceme un deus,

se os deuses mo permiten, avantáxaos;

iso a min, coitado, prívame

dos sentidos; pois foi verte,

Lesbia, e quedarme

mudo,

a lingua paralízase, unha chama tenue

avivece polo meu corpo, cun chío agudo

tintinan os oídos, unha dobre noite

anubra os meus ollos.

O ocio, Catulo, non che senta,

co ocio excítaste e desacougas;

o ocio botou a perder antes reis e

cidades ricas.

5: VIVIR O AMOR SEN ATRANCOS

Gozemos, miña Lesbia, fagamos o amor,

as lerias dos vellos severos

que nos importen todas un can.

O sol de cada día pode morrer e renacer,

Pero nós teremos que durmir una noite perpetua

así que a breve luz se apague.

Dáme mil beixos, despois cen,

outros mil despois, de segundas cen,

despois outros mil máis, para rematar, cen.

Por fin, cando sumemos moitos miles,

enguedellarémolos para non saber,

ou para que ningún malvado poida envexarnos

se sabe que houbo tantos beixos.

70: PALABRAS NO VENTO

Con ninguén di a miña amada que querería casar

máis que comigo, aínda que o mesmo Xúpiter llo pida.

Iso di; pero o que unha muller di a un amante namorado

no vento e na auga rápida convén escribilo.

85: MARTIRIO

Odio e amo. Como o consigo, seguro que preguntas,

non o sei, pero sinto que é así e martirízame.

8: TODO ACABA: NON PERSIGAS O QUE FOXE

Pobre Catulo, déixate de parvadas,

e o que ves que se perdeu dáo por perdido.

Brillaron para ti unha vez días serenos,

cando pisabas por onde a túa moza te guiaba,

a quen amei como ningunha será amada,

había alí entón moito gozo

que ti desexabas e ela máis aínda.

Brillaron para ti días espléndidos.

Agora ela xa non te busca; ti, calamidade, tampouco.

Deixa de perseguir o que foxe, non vivas agoniado,

sufre obstinado, aguanta.

!Adeus, amiguiña! Catulo aguanta,

nin te buscará, nin namorará a quen non quere,

xa o sentirás cando non teñas quen te namore.

¡Perfida miserable! ¡Que vida te espera!

¿Quen che fara as beiras? ¿A quen lle parecerás bonita?

¿A quen lle farás o amor agora? ¿De quen se dirá que es?

¿A quen bicarás? ¿ A quen lle comerás a boca?

Pero ti, Catulo, aguanta decidido.

11: RUPTURA FINAL: DESPREZO TOTAL

Furio e Aurelio, compañeiros de Catulo,

xa chegue ata afastada India, onde a costa

é batida polo mar oriental,

que resoa ó lonxe,

ou ata os Hircanos ou os moles árabes

xa ata Sagas ou os saeteiros partos

xa ata as chairas que tingue o Nilo

de sete bocas,

xa cruce os altos Alpes

visitando os triunfos do gran César,

o Rin gálico, os horribles e

afastados britanos,

dispostos a intentar todo isto,

e calquera outra cousa que ofreza a vontade dos deuses,

contádelle á miña amiga

os meus poucos e nada bos desexos:

que viva e lle vaia ben cos seus clientes,

os que domina abrazando a trescentos á vez,

sen amar a ningún de verdade, destripándoos

a todos eles a un tempo,

que non procure como antes o meu amor

que morreu por culpa dela como a flor

do lindeiro dun prado despois de ferida

polo arado que o suca.

UN EXERCICIO DE LÉXICO: COMO AMAR. LEXICO AMARE -AMOR pdf

LECTURAS: CATULO: AMORES QUE MATAN pdf

LER TAMÉN: TRES POEMAS PARA ENTENDER A CATULO pdf

O MITO, CÓDIGO DE SABIDURÍA PRÁCTICA

 

UNHA LECTURA PARA ENTENDER A ORIXE DAS COUSAS E A MAXIA DOS INICIOS.

Dificilmente  se pode concibir un ser humano que non sinta a fascinación do “relato”, da narración de acontecementos significativos, do que lles pasou a homes provistos da “doble realidade” das personaxes literarias, que reflicten a realidade histórica e psicolóxica dos membros da sociedade moderna e dispoñen do poder máxico da creación literaria. (….) Mentres subsista o desexo de trascender o tempo propio e mergullarse nun tempo “extranxeiro”, extático ou imaxinario, pode dicirse que o home moderno conserva aínda certos residuos dun “comportamento mitolóxico”.

(MIRCEA ELIADE, Mito e Realidade)

“Se consideramos o mito no que ten de vivo, non se trata dunha explicación destinada a satisfacer unha curiosidade científica, senón un relato que fai revivir unha realidade orixinal e que responde a unha  moi fonda necesidade relixiosa, a aspiracións morais, a coaccións e imperativos de orde social, e mesmo a esixencias prácticas.

Nas civilizacións primitivas o mito desempeña unha función indispensable: expresa, realza e codifica crenzas; salvargarda e impón os principios morais; garante a eficacia das cerimonias rituais  e ofrece regras prácticas para o uso do home.

O mito é , entón, un elemento esencial da civilización humana; lonxe de ser unha fábula, é, polo contrario, unha realidade vivinte á que non é posible deixar de  recorrer, non é de ningún xeito unha teoría abstracta  ou un desfile de imaxes, senón unha verdadeira codificación da relixión primitiva e da sabiduría práctica. (….)

A castración de Urano por Saturno

Todos estes relatos son para os indíxenas a expresión dunha realidade orixinal, maior e moito máis chea de sentido que a actual, e que determina a vida inmediata, as actividades  e os destinos da humanidade. O coñecemento que o home ten desta realidade revélalle o sentido dos ritos e dos preceptos de orde moral, ó mesmo tempo que a maneira de cumprilos.”

(B. MALINOWSKI, Myth in Primitive Psycology (1926; reproducido no volume Magic, Science and Relixion, Nova Iorque, 1955, pp. 101-103)

“Nos primeiros tempos, os inmortais que habitan as mansións olímpicas, crearon unha dourada estirpe de homes mortais. Viviron aqueles na época en que Cronos reinaba no ceo. Vivían como deuses, co corazón libre de preocupacións, sin fatigas nin miserias; nunca lles chegaba a vellez desprezable, senón que, sempre con igual axilidade nas pernas e brazos, se recreaban con festas, alleos a calquera tipo de males. Morrían como mergullados nun sono; eran ricos en alegrías; o campo fértil producía espontaneamente fermosos e abundantes froitos. Eles, contentos e tranquilos, alternaban faenas e deleites. Eran ricos en rebaños e entrañables ós deuses benaventurados.”

HESIODO, Traballos e Días, vv. 109-126

IDUS DE MARZO: FUNESTOS PRESAXIOS

Os funestos presaxios que precederon á morte de César nos Idus de marzo

“Cando descubran as cinzas de Capys, un descendente de Iulo morrerá a mans duns familiares, pero non tardará en ser vingado polas desgrazas de Italia“.

[Contido dunha prancha de bronce que se atopou na tumba escavada de Capys] Suetonio

 

Relata Suetonio na “Vida dos doce Césares”  un  rumor que corría por toda Roma como unha mensaxe de mal agoiro nos días previos ós Idus de Marzo: que os cabalos consagrados ós deuses por César ó pasar o Rubicón andaban soltos, sen dono, que se negaban a comer e rinchaban como se chorasen. Algún arúspice ousou dirixirse a César aconsellándolle  que se gardase do perigo que o ameazaba para os Idus  de Marzo. Estaba tan convencido César do seu poder que mesmo desprezou o valor dos presaxios e os consellos de augures e arúspices, os que consideraba unha gavela de falapoucos e baralleiros. Non lle tiña medo á morte, pois nin sequera aceptaba a súa propia garda persoal e, o que era peor, mostraba certos acenos tan  autoritarios de desprezo  ós senadores que moitos deles sentiron a súa dignidade ofendida.

 

Desde o seu triunfo en Hispania non deixaba de ser colmado de honores. sacrificios polo seu aniversario (honor divino reservado ós reis no mundo grego), votos anuais polo seu benestar, a inviolabilidade da súa persoa. Nas cidades de oriente xa lle concederan honores iguais ós deuses.  Noutra ocasión, aínda que con non disimulada teatralidade, diante do pobo,  desprezaba outros honores , como a renuncia a unha diadema real durante as Lupercalia, quizais co propósito de non asustar os defensores das liberdades da República romana. Pero foi a concesión da ditadura vitalicia o que lle  pareceu inaceptable a senadores convencidos por tradición de que a esencia da República residía na liberdade.  Este ano eran pretores Casio e Bruto, os cales tiñan na súa liña dinástica  verdadeiros defensores da liberdade e contrarios ó poder monárquico,  ó extremo de ter acuñado noutros tempos  moedas coa lenda: “Liberdade”.  PARA SEGUIR LENDOOs idus de marzo (PDF)