OS DEUSES COMO SOCIOS DO CIDADÁN E O ESTADO ROMANO

NECESSE EST FATIGARE DEOS

(ÓS DEUSES HAI QUE LLES DAR A A LATA)

Visita : Dos númina ós deuses


A conduta dos  deuses resulta as veces decepcionante e critícaselles como se critica ó goberno: “Xúpiter, ten piedade desta rapaza doente; se a deixas morrer, criticarancho”.

Cando foi da morte de Xermánico, a multitude romana apedrou os templos, como se se tratase duns manifestantes  que guindan  lastras contra unha embaixada estranxeira.

Podíase romper cos deuses: “Xa que os deuses non me perdoaron, eu tampouco lles perdoarei.”

Philippe Ariés e Georges Duby, Historia de la vida privada.

O pobo romano primitivo era unha comunidade agrícola de familias unidas.  As comunidades agrícolas viven unha relixión animista, o que quere dicir que  recoñecen espíritos, potencias divinas, presenzas (numina), mentres os deuses antropomórficos lles resultan inimaxinables pola súa maneira de entender o mundo.  O numen tiña o seu escenario propio onde manifestar o poder: un bosque, o paso dun monte, unha fonte: Silvano, Portumno, Neptuno. Os numina son espíritos que interveñen na actividade comunal, que teñen o poder de compracer cando son requiridos ritualmente. Espertan  certo sentimento de pavor ou escrúpulos (religio), pero a súa relación cos homes é bondadosa. (Para seguir lendo: NECESSE EST FATIGARE DEOS)

COLECCIÓN DE TEXTOS  e IMAXES PARA ENTENDER O SENTIDO DA RELIXIÓN DOS ANTIGOS ROMANOS 

(Ler: relixión romana, cuestións fundamentais)


http://static.slidesharecdn.com/swf/ssplayer2.swf?doc=diosesolmpicos3mododecompatibilidad-090609153749-phpapp02&stripped_title=dioses-olmpicos3-modo-de-compatibilidad

MAXIA, REALISMO E RISA NO TEATRO ROMANO

 


 

 

Nas bancadas estala ás veces unha violenta protesta, porque eses inmensos lugares de reunión, nos que a elite se codea co pobo e o adula, non perden nunca unha función política. Emperadores e maxistrados sondean a súa popularidade diante dun público revoltoso e exixente

                      Roger Hanoune e John Scheid. La Roma Antigua

Aristócratas, cabaleiros, plebeios, soldados e escravos, homes e mulleres viven  a resaca dos ludi na honra de Flora culminados o día 3 de maio. Corre o ano 212 a. C, pero podería ser tamén os 202, cando aínda fumegaban os cadáveres do exército cartaxinés nas chairas de Zama. As prostitutas romanas exhibíranse en danzas lascivas, completamente espidas polas rúas de Roma. Os habitantes da Urbs aínda no acabaran de recuperarse dos grandes desastres da segunda Guerra Púnica e vivían os pesadelos da pantasma de Aníbal. Pero é primavera, retornan de novo as forzas da fecundidade,  ninguén se atrevería a prohibir un espectáculo tan carnal e luxurioso polo medo de que o ano resultase estéril.

Máscaras teatro. Mosaico. Museos Capitolinos. Roma. Fot. José M. Otero

Desde agora non se conciben en Roma ludi sen representacións teatrais. Plauto elabora todo o seu teatro nos días máis sombríos da segunda Guerra Púnica. Polo imaxinario do teatro plautino pululan comerciantes enriquecidos, prostitutas insaciables, mozos que devoran o patrimonio familiar con desenfreada luxuria, escravos espabilados que colaboraban desinteresadamente, vellos ilusos fuxidos de esposas agobiantes e carcamales… pero a atmosfera escénica era grega, porque dificilmente se toleraría un retrato vivo da vida social romana do momento, nin tampouco alusións políticas satíricas ao estilo de Aristófanes na Atenas de Pericles.

Frons scenae do teatro de Mérida. Fot. José M.Otero

As feridas psicolóxicas de calquera guerra requiren para ser curadas dun tratamento que conxugue  con maestría a partes iguais maxia e realismo. Esa medicina socialmente necesaria elabórase con enxeño na alquimia do laboratorio teatral.

O teatro é un universo encantado, donde a moral cotidiana campa con liberdade, porque non hai regras que a conteñan. Os espectadores vense transportados a un mundo onde non hai nada imposible, nel a natureza renuncia ás leis máis elementais: todo resulta un milagro, unha explosión de xúbilo colectivo, risa liberadora.

O pobo quere deseperadamente que o soño se torne realidade, dá o mesmo como sexa o soño: cruel, indecente, voluptuoso, magnífico, poético. E este desexo ha ser colmado, porque, de non ser así, o maxistrado responsable será víctima dunha sonora e interminable pitada que abrirá a tumba na que durmirán eternamente as aspiracións dunha longa carreira política.

https://www.facebook.com/video/embed?video_id=10200114151558836

FUNESTOS PRESAXIOS PARA CÉSAR: IDUS DE SANGUE

“Cando descubran as cinzas de Capys, un descendente de Iulo morrerá a mans duns familiares, pero non tardará en ser vingado polas desgrazas de Italia“.

[Contido dunha prancha de bronce que se atopou na tumba escavada de Capys] Suetonio

 

Relata Suetonio na “Vida dos doce Césares”  un  rumor que corría por toda Roma como unha mensaxe de mal agoiro nos días previos ós Idus de Marzo: que os cabalos consagrados ós deuses por César ó pasar o Rubicón andaban soltos, sen dono, que se negaban a comer e rinchaban como se chorasen. Algún arúspice ousou dirixirse a César aconsellándolle  que se gardase do perigo que o ameazaba para os Idus  de Marzo. Estaba tan convencido César do seu poder que mesmo desprezou o valor dos presaxios e os consellos de augures e arúspices, os que consideraba unha gavela de falapoucos e baralleiros. Non lle tiña medo á morte, pois nin sequera aceptaba a súa propia garda persoal e, o que era peor, mostraba certos acenos tan  autoritarios de desprezo  ós senadores que moitos deles sentiron a súa dignidade ofendida.

 

Desde o seu triunfo en Hispania non deixaba de ser colmado de honores. sacrificios polo seu aniversario (honor divino reservado ós reis no mundo grego), votos anuais polo seu benestar, a inviolabilidade da súa persoa. Nas cidades de oriente xa lle concederan honores iguais ós deuses.  Noutra ocasión, aínda que con non disimulada teatralidade, diante do pobo,  desprezaba outros honores , como a renuncia a unha diadema real durante as Lupercalia, quizais co propósito de non asustar os defensores das liberdades da República romana. Pero foi a concesión da ditadura vitalicia o que lle  pareceu inaceptable a senadores convencidos por tradición de que a esencia da República residía na liberdade. Este ano eran pretores Casio e Bruto, os cales tiñan na súa liña dinástica  verdadeiros defensores da liberdade e contrarios ó poder monárquico,  ó extremo de ter acuñado noutros tempos  moedas coa lenda: “Liberdade”.  PARA SEGUIR LENDOOs idus de marzo (PDF)

 

 

O EXERCITO ROMANO: CORAXE, RESPONSABILIDADE E DISCIPLINA

Roma foi a cidade máis importante do universo, capaz de construír un ámbito cultural en torno ó Mediterráneo de tal solidez que aínda hoxe sobrevive.

¿En que se sustentaba este poder? ¿Como está condicionado pola loita do pobo romano pola supervivencia?

Os romanos estaban convencidos de que os seus devanceiros estiveran dotados de extraordinarias calidades de tenacidade, de paciencia, de frugalidade, de capacidade para o traballo duro e dunha capacidade natural para non admitir xamais a derrota. Ningún romano en ningunha circunstancia se daría por vencido, segundo nos ilustra  o historiador Polibio.

Fonte Google

Cicerón consideraba que non era posible dar en ningunha parte cun pobo que posuíse en tan alto grao estas calidades, nas que Roma asenta a súa supremacía: unha verdadeira grandeza de alma, un carácter serio, calmo, estable, leal e digno de confianza,  baseado na fides.

Debuxamos un cadro onde  a grandes trazos se configura un pobo con gran capacidade se sufrimento, práctico e puritano, fondamente leal á familia, ó Estado e ós seus deuses (pietas). Este abano de valores  constitúe  a verdadeira forza da República, do que derivan outros valores ben estimados polos romanos: a virtus, bravura e coraxe no combate,  a gravitas, conciencia das súas responsabilidades e disciplina nas emocións, simplicitas, disposición para  prestar singular atención ás necesidades do momento.

Na súa estrutura primitiva o exército reflicte a organización do Estado romano. Cada soldado contribuía con armas e equipamento propio, polo que tiña que dispoñer de facenda para costealas. O pobre polo tanto non podía combater.

( Continúa lendo O EXERCITO ROMANO 2 pdf..)


CAMPAMENTOS ROMANOS

Documento: Campamento romano (pdf)


Hai unha característica que define á lexión romana: a obsesión pola seguridade nos seus desprazamentos cando tiña que facer noite ou pasar un inverno. Esta precaución significaba un gran esforzo diario por parte dos homes encargados da fortificación  e,  ó mesmo tempo, unha inxección de auto estima porque esta teima lles facía sentirse superiores ós bárbaros.

Despois da reforma de Mario, a lexión romana seguía carecendo de bases permanentes, era un exército en mobilidade constante. Cando remataba unha sesión de operacións retirábanse ós cuarteis de inverno (hiberna).

Foi con Augusto cando o exército tomou un carácter permanente. As tropas empezaron a pasar períodos moi longos  nas provincias, obrigadas pola intensa expansión territorial. Os antigos  cuarteis de inverno convertéronse en bases estables, versións melloradas dos antigos campamentos en marcha. (Continúa….Campamento romano.)

APRENDER E XOGAR


La legión romana. Documentales de la 2

VIÑO E PENAS NAS LUPERCAIS (LECTURA)

Adde merum vinoque novos compesce dolores [Sirve un bo viño, afoga en viño as penas recentes] Tib. I, 2

Acúdeme, lúcido Baco, ( xa teñas sempre

a  vide do delirio, xa leves  as sens cinguidas de hedra).

Libérame da miña dor ti mesmo cunha copa chea de vida:

A cada paso o amor  claudica vencido polo viño.

Amable criatura, reborden de viño xeneroso as copas

e sírvenos  Falernos con man espléndida.

Ide lonxe, penosa estirpe de coitas, ídevos amarguras:

que brille, montado nos seus cabalos brancos, o sol Apolo.

…….

Nada me preocupas xa, Neera (1),

que sexas feliz, e luminoso o teu destino.

…………..

Chega, despois de moitos días, a calma.

 

(1) ¿Neera= a poetisa Sulpicia? En todo caso, a muller do enigmático Lígdamo, posible autor do poema. Exemplificación do tipo de muller de familia noble: provocativa, amante das riquezas, fermosa e desleal, que pretende dominar o mundo cos seus encantos, pero que a fin só consegue a fama grazas ós versos do poeta.

TIBULO, Carmina, (Corp. Tib.) III, 6, 1-8 , 29-30 e 32

TIBULO (PDF)

O FORO, ESPAZO DE CIDADÁNS

EXERCER DE CIDADÁNELIXIR, LEXISLAR, XULGAR

“Na Roma republicana, o Foro non estaba destinado exclusivamente ás actividades oficiais era tamén un centro comercial bordeado polo norte e polo sur de tendas. As máis antigas eran as do sur (tabernae veteres) instaladas de tal xeito que podían evitar o sol do verán. Estas tendas eran  propiedade do Estado que as alugaba ós comerciantes,  especialmente carniceiros. Máis tarde foron cedidas ós cambistas que realizaban operacións de banca. Os antigos carniceiros ocuparon a banda norte do Foro (Tabernae Novae)….O Foro estaba cruzado pola Vía Sacra, que as procesións seguían para dirixirse do Coliseo ó Capitolio, e esta Vía Sacra primitiva penetraba na praza entre os dous templos mais venerables da cidade, o templo de Vesta e a Regia. Remataba no Clivus Capitolinus….. “

Pierre Grimal en La Civilización Romana.

O Foro Romano desde o Tabularium

A civilización romana, igual  que a grega, fundaméntase na sociedade urbana. Todo aquel romano que desempeñaba un papel importante na política ou na administración do estado residía en Roma. Os homes só se senten eles mesmos na cidade e non  só polas rúas atestadas de xente anónima senón polas comodidades materiais, baños públicos, polos edificios públicos que espertan a admiración de residentes e visitantes. Preguntábase Pausanias se se lle podía chamar cidade a un lugar que non ten edificios públicos, nin ximnasio, nin teatro, nin praza, nin traída de auga, nin casas dignas onde vivir. O romano só se sente de verdade na casa se está na cidade: na cidade atópase como nun  fogar colectivo.

Reconstrución do Foro Romano. Peter Connolly.

O romano libre é principalmente un cidadán. Segundo este ideal, a soberanía pertence ao conxunto de cidadáns (“cives”) que forman a “civitas”. A profesión de cidadán exércese: lexislando, elixindo e xulgando.  O Foro será o espazo da cidade concibido para dar resposta a natureza do poder político que emana deste ideal de soberanía.

En Atenas a ágora, o mercado, era o centro político e xudicial da cidade: edificios públicos e tribunais, tendas e postos de comerciantes, a fonte onde as mulleres acudían cada mañá a por auga, a facer a colada, a palicar. Nos soportais ou estoas, pechábanse os tratos, reuníanse os amigos e expoñían as súas ideas os filósofos.

A relixión da colectividade cívica celébrase nas prazas, diante dos templos, baixo a autoridade dos maxistrados e sacerdotes públicos. En Roma ningunha actividade estaba á marxe da relixión.

O foro romano, inspirado na ágora, era o centro de todas as actividades cívicas:

  • Política:

Curia (K): para reunión do Senado

Comitium: espazo entre a Curia e o arco de Septimio Severo onde tiñan lugar as reunións para a elección de maxistrados

Rostra(E): tribuna de oradores

Arcos triunfais:  Tito, Septimio Severo.

  • Xudicial:

Basílicas: Iulia (D), Emilia (J), Maxencio

  • Comercial:

Basílicas: Iulia, Emilia, Maxencio.

REGIA
  • Relixiosa:
Templos: Xúpiter Capitolino, Saturno, Concordia (B), Dióscuros (F), Antonino e Faustina, Divino Iulio (G), Vesta (H), Divino Rómulo,  Venus e Roma;  en Foros Imperiais: Venus, Marte Vingador.
  • Social:

Basílicas: reunións públicas: Iulia, Emilia, Maxencio

Panorámica do Foro Romano. Fot. Google

Para entender o sentido do FORO na visión do mundo dos romanos debes completar o CUESTIONARIO que ten como referencia o vídeo que explicamos na clase: ROMA: ESPAZOS URBANOS PARA A VIDA CÍVICA.

PICA AQUÍ E DARÁS CO DOCUMENTO EN pdf.

FORO DE TRAXANO

POST EN PDF PARA IMPRIMIR o foro ESPAZO DE CIDADÁNS 

A GRAN CEA: UNHA FUNCIÓN MÁXICA

 Para os antigos romanos a comida era unha gran festa na que se mesturaban en doses semellantes o sagrado e o profano. Os deuses estaban presentes e protexían a casa, o fogar, desde o centro da mesa. Así as cousas a mesa era un lugar sagrado, o fogar simbólico, a redor da cal se xuntaba toda a familia. A súa función era soster os alimentos, por iso para os antigos a mesa era o símbolo da terra fecunda, da terra que alimenta.  O comedor, deste xeito, adquiría un valor cósmico, a mesa ocupaba o centro do comedor, da mesma maneira que a terra, para eles, ocupaba o centro do universo. O comedor, presidido polos deuses lares, espazo pechado, é, como tal, un lugar sagrado, un círculo máxico  purificador  que aílla do resto do mundo.

A comida era un rito e polo tanto o convidado víase na obriga de respectar as regras do ritual: entrar no comedor co pé dereito (o esquerdo sería sinistro) e cunha roupa adecuada, unha túnica frouxa sen cinto, que viña a ser como o vestido de festa. A ausencia de cinto ou cíngulo era fundamental; o convidado non podía levar sobre el nada que atase, xa que o nó evocaba o círculo pechado, de presenza nefasta, nada debe interromper a corrente máxica  que flúe polo universo do banquete no que se participa.  O comensal debía tamén deixar os seus zapatos na porta porque tiñan lazos e nós e  igualmente desfacerse dos aneis; o círculo pechado igual que os nós impedían a comunicación máxica dos espíritos.

O obxectivo último do convite era reconciliarse cos deuses. As flores e perfumes protexían  contra os sortilexios e as forzas malignas. Exparexíase o chan especialmente con verbena, porque a verbena ten a propiedade de facer que as comidas sexan máis alegres, pero especialmente polo seu valor purificador. Tamén se recorría con frecuencia á flor do azafrán, xa para facer coroas, xa para mesturar no viño. O cheiro do azafrán era un bo antidoto contra a borracheira e procuraba un doce sono a quen desmedidamente sucumbise á tentación de beber.

Todo ten unha función máxica  e unha razón de ser relixiosa. Era importante o número de convidados, tres como mínimo, para igualar o número das Grazas, e nove, como máximo, para non superar o das Musas, Era obrigado evitar o número par, era un mal presaxio. Quen rematase de comer o último non casaría e quen se erguese primeiro corría o risco de morrer durante o ano. 

Toda a comida xiraba a redor da cifra simbólica tres: compoñíase de tres partes, entremeses, platos fortes (tres) e sobremesa. Cando chegaba o momento da diversión había que beber tres ou nove copas.

A estas supersticións engandíanselle outros tabús: evitar derramar o saleiro, presaxio de morte, ou pinchar a carne coa punta do coitelo, porque pensaban  que deste xeito se fería ós mismísimos mortos. Estaba prohibido falar de temas tristes, pero tamén permanecer calados (nin o un nin o outro). Se alguén falaba dun incendio había que espallar auga por debaixo da mesa inmediatamente para apagar o lume simbolicamente e afastar o mal presaxio. Se se servía ovos pasados ou caracois, era preciso machicar as cascas para que ningún malfadado as empregase  en maleficios contra os comensais. Estas supersticións sobreviviron á civilización romana e moitas delas a nós sonnos familares

O QUE OVIDIO NOS CONTA DAS BOAS PALABRAS, OS DOCES E OS BOS AGOIROS

Como un conto de Nadal e Aninovo en FASTOS, I, 170 e ss.

Annum novum faustum felicem vobis!

 

 

E digo eu ¿por que, Xano, aínda que calme os manes dos outros,
che ofrezo primeiro a ti  incenso e viño?
“Para que poidas,  grazas a  min, que gardo as entradas,
ter acceso a todos os deuses que queiras”, responde.
“E ¿por que se fan cumpridos nas túas kalendas
e expresamos e escoitamos bos desexos?”

Entón o deus, apoiado no caxato, que levaba na dereita,
dime: “Os bos agoiros agóchanse nos inicios.
Con oídos agoirentos escoitades a primeira palabra
e interpreta favorable o augur a primeira ave que ve.
O ceo e os deuses escoitan propicios.
Ninguén expresa desexos vans, e o dito vale”.
Desaparecera Xano e non pasei moito tempo calado;
pisei coas miñas palabras as últimas súas,
e pregunteille: “¿que significa o dátil e o figo paso,
e o mel brillante que flúe no branco panal?”.


Dime: “é polo agoiro: que aquel sabor acompañe
a nosa labor e  o ano adoce o camiño comezado”.
Vexo por que se ofrecen doces: explícame  o sentido
do aguinaldo para que nada se me perda da túa festa”.

Riu e dixo: ” ¡canto te engana o teu tempo a ti
que pensas que o mel é máis doce que o aguinaldo recibido!
Eu non coñecín a ninguén nos tempos de Saturno
que para el as súas riquezas non fosen doces.

(Traducción de José M. Otero)

 

Notas:

1. Strenae (1); 2. Strenae(2); 3. SATURNALIA (1); 4. JANUS; 5. STIPS ; 6. FASTI

TEXTO LATINO PDF OVIDIO FASTOS I,vv 171 e ss.

 

XANO (Texto en pdf)

 

 

Texto latino

O magnum mysterium,
et admirabile sacramentum,
ut animalia viderent Dominum natum,
jacentem in praesepio!
Beata Virgo, cujus viscera
meruerunt portare
Dominum Christum.
Alleluia.

PRACERES INVERNAIS: CONSELLOS HORACIANOS PARA XENTE MOZA


Non houbo poeta que mellor coñecese o prezo da felicidade que Horacio, e ben sabía que non está na man de calquera conseguila, porque só é accesible a unha minoría.  A vida axitada da urbe só lle produce desprezo a quen busca nunha pequena casa de campo da Sabina a tranquila felicidade. Si ten un obxectivo seguro: a necesidade de gozar cada día que pasa como se fose o último. Unha fórmula que non sempre foi ben comprendida;  moitos pensaron que o obxectivo vital do poeta eran os praceres vulgares da existencia. Pero esta fórmula nace como resultado dunha fonda reflexión moral sobre unha sociedade que vive en constante axitación desde que el era neno: fronte ós incentivos da ambición e o heroismo prefire  a paz e a liberdade de espírito e de corazón, aliados coa amizade, proclamada polo epicureismo, indispensable para o pracer. Horacio atopa este pracer na creación poética.

“O ánimo  orientado ó presente evite a inquedanza polo futuro e atempere os pesares con sorrisos.”

 

Ves como loce branco o Soracte con neve

na cima e como os frondosos xardíns     

perden a exhuberancia e os ríos    

cristalizan conxelados.

Espanta o frío botando  leña  no lume     

en abundancia e  saca,  Taliarco,

amablemente  da cántara sabina ,     

o viño de catro anos.

Deixa o resto nas mans dos deuses, que a  un tempo

acalmaron os ventos embravecidos no mar 

tormentoso, e non bambean  

os cipreses nin  os vellos olmos. 

Déixate de preguntar que pasará mañá 

e calquera día que a fortuna che regale, cóntao

 como ganancia; non despreces, 

 rapaz, os doces amores nin o baile     

mentres  as morosas canas  quedan lonxe

do vigor xuvenil. Agora procura o Campo de Marte, 

as prazas e os suaves suspiros 

da noite na hora convida, 

agora   tamén   as agradables risiñas  

delatoras  da moza que se agacha no íntimo recanto

e  a prenda de amor arrebatada dos seus brazos

 ou do dedo maliciosamente picarón.

HORACIO, Odas, I, 9

OS DEUSES DA ESTIXIA NON SON AVAROS

PARENTALIA E FERALIA: A MEMORIA DOS MORTOS NA ANTIGA ROMA



Columbarios de Vigna Condini. Roma

En Roma a festividade  na que se celebraba a memoria dos antepasados mortos, Parentalia, comezaba nos idus de febreiro (13) e culminaba coas Feralia o día 23. Ovidio describe polo miúdo en Fastos, 2, 533-540 o ritual funerario: nas tumbas despois de colocar coroas ofrecían pan, viño e un chisco de sal.

Est honor et tumulis, animas placare paternas,/parvaque in exstructas munera ferre pyras./Parva petunt manes: pietas pro divite grata est/munere;non avidos Styx habet ima deos./ tegula porrectis satis est velata coronis/ et sparsae fruges parcaque mica salis,/ inque mero mollita/Ceres violaeque solutae: /haec habeat media testa relicta via.

[É sinal de respecto aplacar as almas dos nosos pais e levar/ pequenas ofrendas ás tumbas e tamén ás piras que se lles erixen/ Os manes piden pouco. É agradecida a piedade en vez dunha abundante/ ofrenda. A  Estixia sin fondo non ten deuses avaros./ É de abondo unha tella cuberta cunha ofrenda de flores,/ e froitos espallados e un chisco de sal, pan abrandado en viño e pétalos de violeta:/ que os garde unha vasilla de barro deixada no medio do camiño]

O día 22 de febreiro  remataban ás festas Parentalia coa celebración das Caristia ou Caram Cognitionem, que eran un solemne banquete de toda familia en honor dos mortos.

Os Cristianos ó principio  aceptaron as festas en honor dos mortos, respetando estas mesmas datas, pero o proceso de cristianización do mundo celta, obrigou, por sentido práctico e a eficacia da mensaxe doctrinal, a trasladar esta celebración ós primeiros días de novembro.

O triunfo da morte.(1562). Brueghel O Vello

Os druidas, sacerdotes celtas, crían en efecto que, esa noite, Saman, o señor da morte, provocaba o exército dos espíritos malignos. Os druidas prendían entón grandes fogueiras, co obxecto de afastar as incomodas Sombras.

Entre os antigos celtas, Halloween era a última noite do año, noite máxica de pantasmas e bruxas pero tamén  de presaxios na que os espíritos da morte visitaban as  moradas dos vivos.

A conquista romana da gran Gran Bretaña, favoreceu que Halloween se enriquecese con elementos da festa da colleita, POMONALIA, celebrada o 1 de novembro en honor de Pomona, deusa dos froitos e das árbores.

Vertumno e Pomona. Fot. RMN

Sobreviven vestixios da festa romana da colleita no costume, habitual nos Estados Unidos e Gran Bretaña, de facer xogos utilizando froita, ou mesmo en Galicia na festa do Magosto.

Os romanos elaboran crenzas particulares arredor dos mortos e da morte, pero non se lles pasaba pola cabeza que os mortos acudisen a ver e cheirar o perfume das flores que deixaban nas súas tumbas.

A cuestión do máis alá, da inmortalidade, era unha preocupación allea, como para o home de hoxe: os epicúreos non crían nela, os estoicos, non demasiado, e a relixión oficial pecaba dun ríxido formalismo como para dar resposta a preguntas esenciais. Para o común da xente a morte era o mesmo que a nada, un soño eterno; o que relataba o imaxinario colectivo sobre a supervivencia das Sombras non máis que un conto de medo.


É distinto o sentimento que lles produce a morte, o medo dos moribundos non tanto ós castigos mitolóxicos como ó castigo dos deuses xustos, providentes e vingadores. Así cabe deducir deste texto de Valerio Máximo:

Este malvado morreu pensando nas súas perfidias e na súa ingratitude; a súa alma atópase como despelexada por un verdugo, porque sabía que os deuses do ceo ós que odiaba o ían entregar ós deuses subterráneos que o execrarían.”

Por iso os epitafios, os ritos e a arte funeraria se encargan de espallar ideas consoladoras que calmen a axitación e a angustia da hora da morte, insistindo nas súas representacións da vida como viaxe, a morte como descanso despois dunha longa viaxe, a vida como a carreira de carros no circo, a permanencia no espazo indeciso dos lindeiros entre a vida e o soño. A tumba é a morada eterna na que todo se prolonga despois de que todo remata.


A VISIÓN VIRXILIANA DO OUTRO MUNDO