SUPERHÉROES GRIEGOS



SUPERHÉROES GRIEGOS

Fernando Lillo Redonet. Superhéroes griegos. Con Ilustraciones de Alejandro Valverde García. Ed. Tilde. Valencia 2016

En las páginas de este nuevo libro habitan los héroes del universo imaginario de la infancia y de la adolescencia de quien lo escribe, y de la de muchos de nosotros también. Son historias que leídas con inteligencia podemos convertirlas en pautas para la vida, una vida en harmonía con el orden del cosmos, y en un antídoto contra la desmesura, “la hibris”.

Ya lo he dicho en otras ocasiones, cuando Fernando escribe lo hace desde el rigor y la precisión del filólogo, desde su pasión por el mundo clásico, desde la exquisita claridad del divulgador y con el arte y la amenidad del buen pedagogo. No es fácil encontrar estas cualidades reunidas en un mismo escritor.

El reencuentro con historias tan viejas, pero siempre tan fascinantes a cada nueva lectura, me sugiere una reflexión sobre el significado del héroe que ahora desde la frescura de estos textos quiero compartir.

¿Dónde reside esa fuerza del relato mítico que nos atrapa  como el canto de la sirenas, y nos seduce en un tiempo tan alejado de aquel en el que nacieron? ¿Quizás en el espacio de lo sagrado que hay dentro de nosotros, allí donde nacen los sueños, como decía Bergman? ¿O quizá en esos miedos inconscientes que se apoderan de nosotros cuando nos encontramos perdidos en medio del bosque oscuro de nuestra vida cotidiana? ¿O es la liberación interior, la purificación a través de la experiencia profunda que nos produce una historia engañosa reflejada por un espejo mágico?

  PARA LEER MÁS superheroesgiregoslillo

José M. Otero

MAIO EFÉMERO

VERSOS PARA DIAS DUN

 MAIO EFÉMERO

“Baño, viño e Venus desgastan o corpo, pero son a verdadeira vida”.  Proverbio latino

Que non se che ocurra averiguar, sabelo é ilícito, que final/
a ti, Leucónoe, e a min os deuses nos teñen reservado, nin  ouses/
consultar os números babilonios. Mellor será facer fronte ó que veña!/
Xa nos regale Iúpiter moitos invernos, xa sexa este o último/
que o mar Tirreno agora creba contras as rochas nas que  bate,/
ten xuízo, filtra o viño e  axusta a un tempo corto/
unha longa esperanza. Mentres falamos, o tempo cruel/
voa: machúcate de gusto, non esperes a mañá.

Horacio, Odas, I, 16

Que cousa mellor podo facer no día
da festa de Neptuno? Saca dilixente
o Cécubo  de reserva, Lide,
e ataca a fortaleza da túa cordura.
Ves que o sol de mediodía declina e, como se o tempo que voa se detivese,
ti dubidas se traer da bodega
a ánfora da colleita do ano do cónsul Bíbulo?
Eu cantarei primeiro
a Neptuno e os verdes cabelos das Nereidas,
ti, despois, seguirás coa curvada lira o canto
a Latona e as frechas veloces de Cintia;
cunha última canción será honrada
a que protexe as luminosas Cícladas e visita
Pafos sobre os seus axugados cisnes;
a Noite seráo tamén  cunha merecida serenata.

HoracioOdas, III, 28

Trad. José M. Otero

MAL AGOIRO, RINCHAN OS CABALOS

“Cando descubran as cinzas de Capys, un descendente de Xulo morrerá a mans de xente coñecida, pero non tardará en ser vingado polas desgrazas de Italia“.

[Contido dunha prancha de bronce que se atopou na tumba escavada de Capys] Suetonio

 

Relata Suetonio na “Vida dos doce Césares”  un  rumor que corría por toda Roma como unha mensaxe de mal agoiro nos días previos ós Idus de Marzo: que os cabalos consagrados ós deuses por César ó pasar o Rubicón andaban soltos, sen dono, que se negaban a comer e rinchaban como se chorasen. Algún arúspice ousou dirixirse a César aconsellándolle  que se gardase do perigo que o ameazaba para os Idus  de Marzo. Estaba tan convencido César do seu poder que mesmo desprezou o valor dos presaxios e os consellos de augures e arúspices, os que consideraba unha gavela de falapoucos e baralleiros. Non lle tiña medo á morte, pois nin sequera aceptaba a súa propia garda persoal e, o que era peor, mostraba certos acenos tan  autoritarios de desprezo  ós senadores que moitos deles sentiron a súa dignidade ofendida.

 

Desde o seu triunfo en Hispania non deixaba de ser colmado de honores. sacrificios polo seu aniversario (honor divino reservado ós reis no mundo grego), votos anuais polo seu benestar, a inviolabilidade da súa persoa. Nas cidades de Oriente xa lle concederan honores iguais ós deuses. Noutra ocasión, aínda que con non disimulada teatralidade, diante do pobo, desprezaba outros honores , como a renuncia a unha diadema real durante as Lupercalia, quizais co propósito de non asustar os defensores das liberdades da República romana. Pero foi a concesión da ditadura vitalicia o que lle  pareceu inaceptable a senadores convencidos por tradición de que a esencia da República residía na liberdade. Este ano eran pretores Casio e Bruto, os cales tiñan na súa liña dinástica verdadeiros defensores da liberdade e contrarios ó poder monárquico,  ó extremo de ter acuñado noutros tempos  moedas coa lenda: “Liberdade”.  PARA SEGUIR LENDOOs idus de marzo (PDF)

José M. Otero

DURMIDA Á SOMBRA DOS SALGUEIROS

Ven aquí, Marte guerreiro, deixa a un lado a lanza e o escudo e libera a túa cabeleira do casco brillante. Minerva promove guerras, pero tamén se ocupa de artes nobres.

Ovidio, Fastos III, vv.1 e ss.


Paseabas sen casco á sombra amena dos salgueiros, coas túas guedellas roxas ó aire, presentindo a primavera sagrada; esculcabas os gromos das árbores e as plantas, despreocupado da lanza e o escudo, cando a sacerdotisa de Vesta te conquistou para que lle deses a este pobo, que agora chamamos Roma, a semente da que naceu a gran cidade.
¿Por que non empezar a falar de quen pola súa beleza cativou a un deus? A vestal Silvia, despois de coidar do lume no templo de Vesta, como era a súa obriga, baixou unha mañá a buscar auga coa que purificar os obxectos de culto. Por un carreiro de suave pendente camiña ata o río. Sobre a súa cabeza, axustada sobre un pano moído, levaba unha ánfora de barro que, ó chegar, pousa na herba; incomodada polo peso e o calor, repousa mentres pon en orde o seu cabelo desamañado. Exhausta, senta no chan, afrouxa o vestido e, co peito ó aire, abandónase á brisa que lle regalaban a frescura das árbores e a auga do río.
Sentada como estaba, a sombra dos salgueiros, os chíos dos paxaros, e o murmurio monótono das augas invitárona ó sono. Silenciosa como un ladrón, a branda quietude esvarou polos seus ollos vencidos, e a man na que apoiaba a cabeza quedou sen forza, débil como un xunco, e o seu queixo, desprotexido, no aire cun aceno de mol inseguridade.

Adaptación de Ovidio, Fastos III, vv.1 e ss.

SEGUIR LENDO: ASUNTOS DE AMOR E GUERRA 

FEBREIRO: MAXIA LUSTRAL

Februus, -a, -um: ‘que purifica’, ‘purificador’. Antigo adxectivo da lingua relixiosa, de orixe sabina. Personificado Februus ven dar no nome dunha divindade infernal,  Plutón: Februus autem est Ditis pater cui eo mense sacrificabatur. [Februo é Plutón, o deus a quen neste mes se lle facían sacrificios] Servio, G. 1,43

Lustrari…eo mense civitatem necesse erat, quo statuit [Numa] ut iusta Dis Manibus solverentur [Neste mes,  no que Numa decretou que se tributasen honores ós deuses Manes, era necesario que se purificase a cidade].  Macr. Sat. 1,13,3.

Februa é un epíteto de Xuno, derivado do nome da esposa de Februus. O neutro februum  emprégase co sentido de “purgamentum” da ofrenda purificatoria, e en particular do sal quente: Lupercalibus salem calidum ferunt, quod februum apellant.

O sal sempre se considerou unha pedra sagrada (por ser a única pedra comestible, pola capacidade conservante, pola súa cor branca) empregada nas cerimonias de maxia e relixiosas para expulsar do corpo os demos e os malos espíritos.

As festas Lupercais celebrábanse en Roma o 15 de febreiro. No ritual o sacerdote tocaba a fronte dos mozos cun coitelo manchado do sangue das vítimas sacrificadas, de seguido limpábaos  cunha la empapada en leite, botando estes a rir con gran estrondo.

Februarius, mes das purificacións: februarius mensis dictus, quod tum, i.e. extremo mense anni, populus februaretur, i.e. lustraretur ac purgaretur  P.F. 75,23 [Este mes chámase febreiro porque ó ser o último mes do ano, a xente purificábase, ou o que é o mesmo, limpábase e purgábase]

Parece, tal como lemos en Ovidio, que varias cerimonias de orixes diferentes se mesturan e confunden nestes rituais purificadores de febreiro: unha cerimonia de lustratio, sacrificios expiatorios ás divindades infernais (o mes de febreiro estaba dedicado ós manes -ánimas) e un rito de fecundación (Lupercais).

“Os antepasados romanos chamaron februa ós instrumentos de purificación. Moitos indicios dan fe desta palabra. Os pontifices pídenlle ó rei  e ó  flamen unhas las que na lingua dos antigos recibían o nome de februa, e as tartas tostadas e o sal que recolle o lictor para purificar as casas despois de varrelas denominasen da mesma maneira. O ramallo de árbore que cobre as castas tempas  dos sacerdotes chámase igual. Eu mesmo vin cos meus propios ollos como a muller dun flamen solicitaba os februa, e lle deron un ramallo de pino. En fin todo aquilo co que purificamos o noso corpo  recibía este nome entre os nosos barbudos avós. O mes recibe este nome dos februa, ben porque os Lupercos cortan unha pel e purifican todo o chan empregándoa como instrumento de purificación, ben porque o momento é puro xa que se fixeron ofrendas de paz ós sepulcros e xa pasaron os días dedicados ós mortos.”

OVIDIO, Fastos II, 19 e ss.

José M. Otero

A FELICIDADE DE REGALAR

Regalos

 

Felix/Felicitas: felix, que produce froitos, fecundo (= Ferax), fértil. Felix especializouse no senso de ‘favorecido polos deuses’ e tamén ‘favorable ou propicio’; felicitas, fecundidade, fertilidade, e, sobre todo, felicidade. (Ernout/Meillet)

“-Por que se din palabras de bo agoiro nas túas calendas, e expresamos  e recibimos desexos recíprocos?”

Entón o deus [Xano], apoiándose no bastón que levaba na súa dereita, di:

Os agoiros adoitan atoparse nos principios, escoitades supersticiosos á primeira palabra e o augur consulta a ave que ve primeiro.”

Ovidio, Fastos I, 175 ss.

Cantas veces nos preguntamos por que razón nos felicitamos por aninovo, por que comemos ata estoupar en opíparas reunións familiares ou  de empresa, por que consumimos sen moderación todo tipo de postres doces e viños espumosos e sen espuma, por que nos facemos regalos neste tempo de transición, cando queda atrás o vello e esperamos a ventura do novo?

O día primeiro de xaneiro, coa toma de posesión dos cargos consulares, os romanos intercambiaban as strenaeStrenasignifica bo presaxio, e en particular o regalo que se fai como desexo de bo presaxio, aguinaldo (que resulta da expresión hoc in anno); strenam vocamus quae datur die religioso ominis boni gratia (Fest. 410, 25) [Chamamos strena o que se dá en día sinalado co desexo de bo presaxio]. Simmaco (Epist. 10, 35) atribúe  ó rei sabino Tacio a introducción das strenae en Roma:

O costume das estreas de marzo (este era o primeiro mes do ano no primitivo calendario romano) foi crecendo case desde o comezo, pola autoridade do rei Tacio, que recibiu o primeiro ramas da árbore do mel procedentes do bosque de Strenia como agoiro de ano novo.

Do bosque sagrado da deusa Strenia recibían os primeiros romanos unhas ramas como sinal de bo agoiro. Strenia era un divindade dos antigos sabinos relacionada coa saúde que tiña como fogar un arbusto de romeu? (verbenas melicis arboris/ ramas da árbore do mel) non lonxe de onde hoxe se ergue o Coliseo.

O mesmo ritual repetíase o primeiro de marzo, o que non debe de sorprender xa que o calendario primitivo romano comezaba co mes de marzo e Xano era o deus portector de todas as calendas por ser estás o primeiro día de cada mes. Pola mesma razón hai coincidencia nas prácticas rituais de fin de ano e o entroido.

As calendas de xaneiro, mes que, sen selo nun principio, acabou como ponte dun ano a para outro, estaban consagradas ó deus Xano (Ver A PASAXE DO VIVIR), que simbolizaba o tránsito, polas súas dúas caras, contrapostas unha á outra, mirando ó mesmo tempo para adiante e para atrás [Ianus Anceps], e pola forma do seu templo  que ten dúas portas opostas. Xano está considerado como o deus dos comezos: penes Ianum sunt prima; penes Iovem summa. Varrón ap. Aug. Ciu. D. 7, 9. [ Os comezos correspóndenlle a Xano, os finais a Xúpiter]

Xano sería nun principio unha divindade semellante a Xúpiter, deus pai e deus do ceo, o que non é atranco para que a súa figura sufrise unhas cantas adaptacións, tal como analiza Frazer no seu traballo Les origes magiques de la royauté. Xano era un deus relacionado coa agricultura  a quen desde antigo se invocaba para que os froitos fosen bos. Probablemente sexa a evolución dun deus indoeuropeo con funcións de deus supremo e creador. Asociado a Iuturna, a súa esposa, e a Saturno, a quen el acollera en Roma.

Este texto de Isidoro de Sevilla ilustra cómo se celebraban as calendas de xaneiro entre os séculos IV-VII, e como a Igrexa se ve na obriga de poñer couto o que, desde a súa moral predicada, non era outra cousa que turpius nefas [a maldade máis terrible]

Instituiu a Igrexa o xexún nas calendas de xaneiro por mor dun erro propio da xentilidade. Foi Xano certo príncipe (por “deus”) dos paganos, polo que se lle deu o nome ó mes de xaneiro e ó que os homes inexpertos, honrándoo como a un Deus, outorgáronlle honores relixiosos e consagráronlle un día con festas suntuosas e rexouba. Así os pobres homes e, o que é peor, os fieles mesmos, durante este día, tomando monstruosas aparencias, disfrázanse á maneira das feras, outros toman aspecto de muller, afeminando o seu masculino. Algúns mánchanse o mesmo día coa consulta dos agoiros, fan rebumbio e danzan,  cometendo unha iniquidade máis torpe, pois únense os de un e outro sexo formando roda e a turba carente de espírito excítase con viño….

De Ecclesiasticis Officiis, I, XLI: “Divi Isidori Hispalensis episcopi opera”

As festas das calendas de xaneiro eran a finais do imperio un ritual globalizado e uniforme, desde Oriente a Occidente, de Grecia a España, de Xermania a Italia: o primeiro de xaneiro facíanse regalos mútuos (strenae) e saían pola rúa comparsas de homes disfrazados. En Galicia consérvase aínda hoxe a tradición das estreas ou cantos de Reis, que coinciden en moitos aspectos coas Janeiras portuguesas:

despedida de ano vello

entradiñas de aninovo,

os señores desta casa

as teñan con grande gozo…

Así cantan os rapaces e os mozos polas casas, acompañados de gaita, bombo e tamboril reclamando un aguinaldo, que podía ser unha ducia de ovos frescos, carne ou calderilla, mentres desexan, a quen lles dá, que todo lle vaia ben no ano que comeza.

Algúns investigadores consideran que se trata dunha festa de orixe grega e que os romanos se limitaron a cambiarlle o nome, mantendo o espírito e a forma dunha festa dionisíaca. Todos os pobos de Europa celebraban inicialmente esta festa cheos de espírito relixioso aínda que posteriormente se convertese nunha entroidada só con fins de divertimento.

                                                                                                                              José M. Otero

 

BOAS PALABRAS

– E digo eu, por que che ofrezo primeiro a tiXano, incenso e viño cando estou a acalmar as almas dos nosos mortos? -Para que poidas,  grazas a  min, que gardo as entradas, ter acceso a todos os deuses que queiras. -Responde-.

-E por que se fan cumpridos nas túas kalendas e expresamos e escoitamos bos desexos?

Entón o deus, apoiado no caxato, que levaba na dereita, dime:

-Os bos agoiros agóchanse nos inicios. Con oídos agoirentos escoitades a primeira palabra e interpreta favorable o augur o vo da primeira ave que ve.
O ceo e os deuses escoitan propicios. Ninguén expresa desexos vans, e o dito dito queda.

Rematara a charla Xano e non pasei moito tempo calado; pisei coas miñas palabras as últimas súas, e paregunteille:

-Que significa o dátil e o figo paso, e o mel brillante que flúe no branco panal?

 -É polo agoiro: que aquel sabor acompañe a nosa labor e  o ano adoce o camiño comezado. –Dime el-

-Vexo por que se ofrecen doces: explícame  o sentido do aguinaldo para que nada se me perda da túa festa.

Riu e dixo:

-Canto te engana o teu tempo a ti que pensas que o mel é máis doce que o aguinaldo recibido! Eu non coñecín a ninguén nos tempos de Saturno que non pensase que as riquezas non fosen doces.

                                                                            Fastos, I, 170 ss.

(Traducción de José M. Otero)

HORAS DE RECONTO

Ai, como pasa o tempo!

“Eheu (ai!), como oimoi, é máis un suspiro que unha palabra, hai que pronuncialo en voz alta, ei-he-u, para comprender a súa forza, unha expresión visceral de pesar, que agroma do fondo do ser, das entrañas do ser humano, das profundidades da terra á onde todos iremos .”

Harry Eyres

Ai, Póstumo, meu amigo, que fuxidío

é o tempo! Nin a miña piedade me libra

das enrugas da senectude inminente

nin da morte inevitable,

 

non, amigo, por moitos touros 

que sacrifiques, cada día que pasa,

ó terrible Plutón, que mantén confinados

o xigante Xerión e Ticio

 

nas  lúgubres augas que todos

os que nos alimentamos dos dons  da terra

xa reis, xa pobres escravos,

estamos condenados a navegar.

 

En van escaparás da guerra cruenta

ou do mar tormentoso de Adria,

en van temerás o vento do sur

que cada outono nos encama arrefriados.

 

Hai que ir ver o negro río do inferno

de lánguido caudal e as infames fillas de Dánao

e a Sísifo, o de Eolo, condenado

a un castigo eterno.

 

Hai que deixar atrás a terra, o fogar e a amante

esposa; non te acompañará, dono efémero,

ningunha árbore das que prantaches,

a non ser  os fúnebres cipreses;

 

un herdeiro, que ben o merece, beberá o viño

exquisito gardado con mil chaves

e tinguirá  o chan co de reserva

para as ceas de gala.

Horacio, II, 14

Tradución: José M. Otero

 

PRACERES EFÉMEROS

praceres

las-parcas

O destino inexorable do home atempérase cos praceres efémeros. Un xogo entre o desánimo e a afirmación. “Aurea mediocritas”, o punto medio entre o éxito e a miseria, o temor e a insolencia. 

Lémbrate, Delio, de manter

o ánimo sereo no infortunio,

na felicidade controlar a insolente ledicia, 

 pois vas  morrer

 xa vivas agoniado cada momento da túa vida ,

xa, deitado nun prado retirado  nos días

 felices, te comprazas saboreando

o máis delicado viño de Falerno.

¿Por que o alto pino e o chopo prateado gustan

trenzar sombra acolledora

coa súa ramaxe? ¿Por que  no río

sinuoso a auga fugaz  flúe rápida?

Ordena servir  viño e ungüentos

e deliciosas rosas de efémera frescura

mentres  o permitan os teus negocios, a túa idade

e os negros fíos  do Destino.

Deixarás os soutos que compraches e a casa

e a túa granxa,  que  rega o rubio Tiber;

deixaralos, e un herdeiro farase dono

das riquezas que ti acumulaches.

Xa foses fillo do mítico Inaco,

xa, coitado de familia pobre,

vivises ó sereo, nada importa,

nada, vítima do inmisericorde Demo da Morte.

Todos acabamos no mesmo lugar, o gobelete

remove os dados,  máis tarde ou máis cedo

vai caer a sorte de todos

e só queda embarcar cara ó exilio eterno.

Horacio, Odas, II, 3

Tradución de José M. Otero

NON DEIXES DE GOZAR CADA DIA

Non houbo poeta que mellor coñecese o prezo da felicidade que Horacio, e ben sabía el  que non está na man de calquera conseguila, porque só é accesible a unha minoría.  A vida louca da urbe só lle produce desprezo a quen busca nunha pequena casa de campo da Sabina a tranquila felicidade e a resposta irrenunciable á necesidade de gozar cada día que pasa como se fose o último. Unha fórmula que non sempre foi ben comprendida; houbo quen chegou a pensar que o obxectivo vital do poeta eran os praceres vulgares da existencia. Pero esta determinación nace como resultado dunha fonda reflexión moral sobre unha sociedade que vive en constante axitación desde que el era neno: fronte ós incentivos da ambición e o heroismo prefire  a paz e a liberdade de espírito e de corazón, aliados coa amizade, proclamada polo epicureismo, indispensables para o pracer. Horacio atopa este pracer na creación poética.

“O ánimo  orientado ó presente evite a inquedanza polo futuro e atempere os pesares con sorrisos.”

 

Ves como loce branco o Soracte con neve

na cima e como os frondosos xardíns     

perden a exuberancia e os ríos    

cristalizan conxelados.

Espanta o frío botando  leña  no lume     

en abundancia e  saca,  Taliarco,

amablemente  da cántara sabina     

o viño de catro anos.

Deixa o resto nas mans dos deuses, que a  un tempo

acalmaron os ventos embravecidos no mar 

tormentoso e xa non bambean  

os cipreses nin  os vellos ulmeiros

Déixate de preguntar que pasará mañá 

e calquera día que a fortuna che regale cóntao

 como ganancia; non despreces, 

 rapaz, os doces amores nin o baile     

mentres  as morosas canas  quedan lonxe

do vigor xuvenil. Agora procura o Campo de Marte, 

as prazas e os suaves suspiros 

da noite na hora convida, 

agora   tamén   as agradables risiñas  

delatoras  da moza que se agacha no íntimo recanto

e  a prenda de amor arrebatada dos seus brazos

 ou do dedo maliciosamente picarón.

HORACIO, Odas, I, 9

           Trad. José M. Otero