DES-MAIO EFÉMERO

VERSOS PARA UN

DES-MAIO EFÉMERO

“Baño, viño e Venus desgastan o corpo, pero son a verdadeira vida”. Proverbio latino

Fot. José M. Otero

Tu ne quaesieris (scire nefas) quem mihi, quem tibi
finem di dederint, Leuconoe, nec Babylonios
temptaris numeros. Vt melius quicquid erit pati!
Seu pluris hiemes seu tribuit Iuppiter ultimam,
quae nunc oppositis debilitat pumicibus mare               5
Tyrrhenum, sapias, uina liques et spatio breui
spem longam reseces. Dum loquimur, fugerit inuida
aetas: carpe diem, quam minimum credula postero.

Horacio, Odas, I, 16

[Que non se che ocurra averiguar, sabelo é ilícito, que final/a ti, Leucónoe, e a min os deuses nos teñen reservado, nin  ouses/consultar os números babilonios. ¡Mellor será facer fronte ó que veña!/Xa nos regale Iúpiter moitos invernos, xa sexa este o último/que o mar Tirreno agora creba contras as rochas nas que  bate,/ ten xuízo, filtra o viño e  axusta a un tempo corto/ unha longa esperanza. Mentres falamos, o tempo cruel/voa: machúcate de gusto, non esperes a mañá.]

Fot. José M. Otero


Festo quid potius die
Neptuni faciam? Prome reconditum,
Lyde, strenua Caecubum
munitaeque adhibe uim sapientiae.
Inclinare meridiem               5
sentis ac, ueluti stet uolucris dies,
parcis deripere horreo
cessantem Bibuli consulis amphoram?
Nos cantabimus inuicem
Neptunum et uiridis Nereidum comas,               10
tu curua recines lyra
Latonam et celeris spicula Cynthiae;
summo carmine, quae Cnidon
fulgentisque tenet Cycladas et Paphum
iunctis uisit oloribus,
dicetur; merita Nox quoque nenia.

HoracioOdas, III, 28

[¿Que cousa mellor podo facer no día/ da festa de Neptuno? Saca dilixente/ o Cécubo  de reserva, Lide,/ e ataca a fortaleza da túa cordura./ ¿Ves que o sol de mediodía declina e, como se o tempo que voa se detivese,/ti dubidas se traer da bodega/ a ánfora da colleita do ano do cónsul Bíbulo?/ Eu cantarei primeiro/ a Neptuno e os verdes cabelos das Nereidas,/ti, despois, seguirás coa curvada lira o canto/ a Latona e as frechas veloces de Cintia;/cunha última canción será honrada/ a que protexe as luminosas Cícladas e visita/ Pafos sobre os seus axugados cisnes;/a Noite seráo tamén  cunha merecida serenata]

STAR WARS E O HEROE DAS MIL CARAS

Freud, Jung e os  seus seguidores demostraron irrefutablemente que a lóxica, os heroes e as fazañas do mito sobreviven nos tempos modernos. Como se carece dunha mitoloxía xeral efectiva, cada un de nós ten o seu panteón de soños, privado, inadvertido, rudimentario pero que obra en segredo.

 Joseph Campbell

Conta Joseph Campbell nun libro tan denso como fermoso, En busca de la felicidad, Mitología y transformación personal, que, despois de trinta anos sen ver cine, visionou non só día a triloxía orixinal de Star Wars, Unha nova esperanza, pola mañá, O Imperio contraataca, polo mediodía, e O retorno do Jedi, ó caer a noite. George Lucas confesoulle nun encontro que o segredo do éxito mundial do seu traballo cinematográfico residía no tesouro que descubrira no libro  O heroe das mil caras. O director da saga galáctica invitounos  a el e a súa muller a este pase tan exclusivo na súa casa de Marin County como recoñecemento e pago da débeda intelectual.

A experiencia foi surrealista, pero Campbell saíu  absolutamente fascinado polo que acababa de ver. Alí estaba, armada por man de artista, toda a mitoloxía que el abordara nos seus libros. Convertiuse, a partir de aquí, nun admirador e fan do cineasta que tomara a responsabilidade de transmitir ó público, grazas a unha desbordante creatividade, algo moi valioso. Igual que os antigos poetas gregos, el conta cunha gran espazo branco, como un ignoto Pontos (Mar Negro), para o desenvolvemento da imaxinación, todas as galaxias para traballar nelas.

A triloxía sustentábase no uso sistemático dos arquetipos míticos que Campbell establecía, ou o que é o mesmo, os elementos que dan forma á aventura do heroe. No Imperio contraataca Luke Skywalker enfróntase con quen cre que é Darth Vader, a sombra do pai. Unha  vez que mata a figura, cae na conta de que o rostro do robot humano é o seu propio rostro. Ó final de O retorno do Jedi recoñecemos de maneira moi explícita o motivo da reconciliación co pai, motivo sobre o que xira toda a triloxía.

A obra de Lucas ven sendo como un todo estructurado en tres actos que puntean o camiño vital do heroe. O primeiro sería a chamada á aventura, o destino chama ó heroe e transfire o centro de gravidade espiritual do seo de súa sociedade a una zona descoñecida.

O segundo, o camiño pragado de probas, unha vez que cruza o limiar, o heroe móvese nuha paisaxe de soño poboado de formas curiosamente fluidas e ambiguas, onde debe pasar por unha serie de probas. Ésta é a  fase favorita da aventura mítica.

E o terceiro, a proba final, dominada pola reconciliación co pai e o retorno a través do limiar, un ritual de paso masculino, o fillo viviu separado do pai una vida impropia da súa liñaxe, pero teima na procura do pai e acaba dando con el no abismo que está máis alá da nai.  En O retorno do Jedi, Luke Skywalker arrisca a súa vida para salvar ó pai, Darth Vader. O fillo salva ó pai, e o pai ó fillo, o gran motivo da reconciliación.

Un pequeno libro, pensaba Campbell, estaba conseguindo o que el sempre pretendera, inspirar a un artista que viña de realizar un traballo que estaba obtendo un recoñecemento mundial. Paradoxicamente O heroe das mil caras fora menospreciado por algúns editores co argumento de que o contido non lle interesaba a ninguén..

Os artistas, escritores, cineastas, pintores, son eses axitadores máxicos que iluminan a travesía heroica das nosas vidas evocando símbolos e motivos que conectan co máis fondo de nós. Todos os mitos que lemos ou nos contan, as músicas que escoitamos, as peripecias que desde nenos vivimos configuran a nosa vida. O que convén saber é que teñen para nós de relevantes agora mesmo.

 José M. Otero

TRES PUÑADOS DE TERRA, MARIÑEIRO

trespuñados

Horacio, Oda I, XXVIII: 

(Diálogo entre Arquitas de Tarento e un náufrago)

O espectro dun náufrago pide a un mariñeiro, que está de paso, unha sepultura simbólica. Desenvolve a idea de que todos, grandes e pequenos, sabios e filósofos, van morrer, a pesar das súas pretensións vas; por outra parte os vivos deben ós mortos unha testemuña relixiosa, un recordo melancólico. Horacio imaxina un náufrago que chega á costa e dá coa tumba do sabio de Tarento.

MELIDE1


A ti, Arquitas(1), que soubeches medir  o mar e a terra e a area

incontable, cóbrete agora o agasallo último

dun pequeno túmulo de terra na ribeira

de Matino (2); de pouco che valeu

ter investigado os espazos celestes e  chegar a explicar

o ceo esférico e insondable, se o destino é morrer.

Morreu o pai de Pélope (3), convidado dos deuses,

e Titón (4), arrebatado polos aires,

e Minos (5), cómplice dos segredos de Xúpiter, tamén 

o Tártaro acolle o fillo de Pantoo (6) que descendeu por segunda vez

ó mundo das sombras, e aínda que o seu escudo no altar de Hera

dá fé da caída de Troia, non concedera

á negra morte máis que os seus despoxos mortais,

(7) autoridade honorable, ó teu xuízo, 

da verdade e da natureza;  a todos nos espera una soa noite eterna 

e unha soa vez habemos pisar o sendeiro da morte.

As Furias

As Furias entregan a outros como espectáculo ó torvo Marte,

o mar é tumba avara de mariñeiros;

multiplícanse os funerais sin distinción de mozos e vellos,

ninguén foxe da cruel Proserpina (8).

A min tamén me sepultou no mar Ilírico,

o impetuoso Noto, (9) compañeiro do minguante Orión (10) .

Pero ti, mariñeiro, xa a salvo, non aforres, como un avaro,  

en esparexer un gran de leve area

sobre os restos do meu cadáver insepulto

así que os bosques venusios (11) nos poñan

 ó abeiro do Euro (12) que ameaza ás augas  hespéricas, 

 mentres incontables riquezas, de onde queira que sexa,

 veñan parar a ti das mans do xusto Xúpiter

 e de Neptuno, patrón da sagrada Tarento (13).

¿Ou vas cometer unha falta que poida danar

máis tarde ós teus fillos inocentes? Quizais tamén

te  esperan a ti mesmo dereitos impagados

e infortunios sen piedade: non me abandonarei

a súplicas impunes e ningunha expiación te absolverá.

 Sei que que vas con presa, non é moito esperar; serache lícito

partir despois de botar sobre a miña tumba tres puñados de terra.


Notas.

(1) Arquitas (460-365 a.C.): contemporáneo de Platón, xeneral, home de estado, filósofo, matemático. (2) Matino, localidade do sur de Italia, non lonxe de Tarento. (3) Tántalo rouba os manxares dos deuses e sérvelles a carne do seu propio fillo, co que tenta poñer á proba a onmniscencia divina. Os deuses castígano a sufrir fame e sede  desesperadamente eternas (4) Fillo de Laomedón e irmán de Príamo. Arrebatado polos aires da man da Aurora, que quixo facelo o seu esposo. (5) Minos: a quen o mesmo Xúpiter lle dicta as leis para Creta. (6) O fillo de Pantoo, Euforbio, de quen Pitágoras se consideraba reencarnación, pelexara na guerra de Troia, onde morre a mans de Menelao e Aiax, despois de dar el mesmo morte a Patroclo. Por iso cando Pitagoras morre se considera que descende ó mundo dos mortos por segunda vez, posto que descendera unha primeira co nome de Euforbio. Pitágoras, como proba de que el fora Eufrobio, recoñece como seu o escudo de Euforbio no templo de Hera en Argos.Este escudo ainda se atopába neste  templo na época de Pausania, máis de mil anos depois da Guerra de Troia e seiscentos anos depois da época de Pitágoras  (7) Arquías era pitagórico, polo que que se entende que a auoridade é Pitagoras/Euforbio. (8)Deusa do mundo das sombras, deusa da morte, esposa de Hades. (9) Vento do sul. (10) Cando declinaba Orión, na primeira metade de novembro, o Noto facía despertar o mar treboento. (11) Vento do sudeste, amo do Adriático. (12) Nas terras de Horacio. (13) Taras , o fundador de Tarento, era fillo de Neptuno.

 

APOLO E DAFNE: O AMOR ESQUIVO

apollo_daphne_albani_louvreportada

 

2008040712395766[1] (1)

 

O primeiro amor de Apolo, que non llo deu a cega fortuna senón a violenta cólera de Cupido, foi Dafne, filla de Peneo. O de Delos, farruco por vencer un dragón, vira a Cupido dobrar os extremos do arco tensando a corda e dixéralle: ”Que fas, picariño, con armas de forzudos? Ese esforzo vaille ben ós meus brazos, que podo abater con tino monstros e inimigos, non hai moito matei, inflado a frechazos, a Pitón, que aflixía co seu bafo mortal campos inmensos. Ti, conténtate con excitar co teu facho descoñecidos amores e non te empeñes en emular a miña gloria”.

A el respóndelle o fillo de Venus:” Fira o teu arco a todos, o meu a ti; e en tanto que todos os seres vivos se renden a un deus, desmerece a  túa gloria comparada coa miña”.

Acabou de falar e, cruzando o ceo a golpe de ás, pousou lixeiro no cume sombrío do Parnaso e desde a alxaba cargada lanzou dúas frechas de efecto diverso: unha espanta o amor, a outra atráeo; a que o atrae é de ouro e brilla na afiada punta, a que o espanta é roma e ten chumbo na cana; o deus cravou con esta a ninfa,filla de Peneo, pero coa outra feriu, atravesándolle os ósos, o máis íntimo de Apolo; de repente el ama, evita ela o nome de amante gozando da espesura da selva e dos despoxos das alimarias que cazaba, émula da virxinal Febe; unha fita cingue os seus cabelos desguedellados. Moitos a pretenderon, ela, despectiva cos pretendentes, incapaz de aturar marido, anda por bosques tupidos e non coida que significa Himen, que Amor, que matrimonio. Moitas veces o seu pai lle dixo:”Débesme un xenro, filla”. Moitas veces o seu pai lle dixo: “Débesme, filla, un neto”.

Ela, que odiaba os fachos nupciais como un desdouro, deixaba ver o fermoso rostro acorado de tímido rubor e nos brandos brazos do seu pai, collida do seu colo, dixo: “Concédeme gozar, queridísimo pai, dunha virxindade perpetua; isto concedeulle antes  o seu pai a Diana”.  

Seguir lendo:  APOLO E DAFNE 

XIR81895

 

AS AUGAS DE NEPTUNO ACALMAN A CANICULA

neptuno lagranja2

A canícula de xullo chegou en agosto como un tirano inmisericorde, o calor cae a plomo e queima igual ca chama dun soplete, de fóra chega o estridente rechouchío das cigarras noctámbulas, esgólanse os corpos amallados e débiles,  a pel reseca pola calina procura desesperadamente frescura, a lingua áspera a auga dunha fonte, Sirio abrásanos as cabezas, non hai piedade. Só queda invocar a misericordia do deus das fontes e as augas correntes e celebrar os rituais das Neptunalia  cos que se busca a complicidade do húmido Neptuno. Auga e e vexetación contra a forza do lume e do calor que sofoca, forzas máxicas para a tranquilidade dos homes. As ribeiras  do Tiber  ó chegar cada 23 de xullo eran unha riada de chozas feitas de ramallos verdes e de follaxe. A epopeia entre tranquila e tumultuosa da auga que corre e dá vida.

Os vellos romanos, aínda que miraban de reollo  certas maneiras de ver a vida cotiá dos gregos, non tiñan  reparos en atender os consellos de Hesíodo en Traballos e días. Escribía Hesíodo que cando florece o cardo e estridula a cigarra, as cabras son moi ricas e mellor o viño, as mulleres máis sensuais e máis frouxos os homes. Ha procurarse entón a frescura dunha pedra, sentados á sombra trae boa fortuna beber  viño tinto de Biblos, levar á boca un bo pan, leite de cabra e carne de becerra apacentada no bosque e non parida e, para rematar, cabritiñas primoxénitas.

Ó chegar a tardiña,  o brioso Céfiro do oeste acariñaba reparador  os rostros cansos e os corpos desfalecidos, pero co corazón farto de comida e viño.

O ardente día festivo de Neptuno animaba á conversación espontánea no fresco da sombra tiberina, á amizade,  á invitación íntima e a vivir con intensidade o amor. Horacio fáinolo sentir desde o  ángulo máis sensual e epicúreo, menos romano , ó mellor, e máis grego,  na Oda, III, 28:

Que é o mellor que podo facer

no día da festa de Neptuno? Saca, Lidia,

con presteza o  reserva de Cécubo

e bota  a perder o teu bo sentido!

Ves que ven a tarde

e ti, como se o día fugaz se parase,

remouqueas traer da bodega

a ánfora que os anos  encheron de exquisito sabor.

Unhas veces eu cantarei

a Neptuno e a  verde beleza das Nereidas;

outras ti ensalzarás  coa corva lira

a Leto e a cazadora Diana.

Cun último canto honraremos ti e maís eu

a  Venus de Cnido,  a que visita as Cícladas brancas

nun carro tirado por cisnes;

a Noite merecerá por fin unha canción de despedida.

NEPTUNALIA:

“Celebrábanse o 23 de xullo e para liberarse dos ardores do sol contruíanse chozas de follaxe, chamadas umbrae.

Estas festas estaban precedidas polas Lucaria, os días 19 e 21, de significado aínda sen esclarecer. O feito de que caian na canícula suxire que poderían estar destinadas a suplicar ás divindades remedio contra a seca. Non debemos descartar o sentido protector e acolledor dos bosques nas datas de grandes calores, graves calamidades e mesmo perigos persoais.

 Na primitiva relixión romana Neptuno sería o deus dos neboeiros e posteriormente do elemento húmido. É unha divindade das augas doces e fertilizantes, antes de que a influencia grega a partir do século IV a.C. lle atribuira o dominio dos mares.


PRELUDIO MÁXICO Á AURORA DO SOLSTICIO


“A estrela vixiante da mañá chega desde as augas orientais. Ide, boas nais, e ofrecede as tortas de dourado cereal á deusa Ino de Tebas. Pegada ás pontes, e  preto do Circo Máximo hai unha chaira, que chaman foro Boario. Contan que alí o día once de xuño o rei Servio inaugurou un templo dedicdo á Mater Matuta. ¿Por que aparta as escravas do limiar do seu templo e recrama pasteis cocidos?”

Ovidio, Fastos, 6, 474

“[As mulleres] fan que unha escrava entre no recinto sagrado, baten nela con vergallos e despois bótana fóra; ademais levan nos brazos e tratan con especial agarimo , mentres dura a cerimonía, os fillos das súas irmás, como se fosen seus”

Plutarco, Vida de Camilo, 5,2

A Noite e a Aurora, mudando  completamente a cor, dan de mamar ambas as dúas, a un único recén. Entre o ceo e a terra el brilla ó lonxe  como unha xoiiña de ouro.

Himno a Agni ,1, 96



Once de xuño,  desde o espertar as damas romanas de primeiro matrimonio celebran  as Matralia para honrar a Mater Matuta, a Aurora vixiante que inaugura as horas da mañá para deixar o día madurado en mans de Fortuna. O solsticio de verán está a  chegar. Desde os días do solsticio de inverno a Aurora espertaba  cada vez máis cedo e non deixaba de roubar horas as tebras da Noite.

Que cos primeiros calores de xuño  a Aurora comezase a lacazanear e a amosarse conformista enchía de desasosego e sementaba temores e desconcerto entre as mulleres romanas. Para elas a escuridade da noite  era como un cova confusa e envurullada  chea de demos e monstros enloquecidos, que traman inmisericordes e teimudos  milleiros de perigos para a familia e a Res Publica. Momento crítico no ciclo solar, desacougo e impotencia a un tempo, pero sempre queda o soño de poder botarlle unha man á natureza para que a Aurora esperte e non esmoreza, que tome nova forza a chama moribunda e reviva.  Confían  cegamente nos rituais máxicos  que protexesen dos sinais de abatemento que ameazaban a vida e os éxitos de Roma e os romanos, era preciso dobregar a boa vontade de Mater Matuta cos ritos que a ela  máis lle compracen.

 

Dies festus, pola mañá cedo un remoiño de mulleres, entre un frufrú de stolae e pallae, baixara polo Velabrum cara  ó templo de Mater Matuta, preto da porta Carmental na ribeira esquerda do Tíber. Escoitábase polo aire un caudal desbordado de voces femininas mesturadas cun rebulicio de meniños. Unha brisa matutina acalmaba as mulleres reunidas  diante do templo, faise primeiro un silencio sobrecolledor, un silencio sagrado, un silencio que conmove a homes e deuses. Homes e deuses espectantes.

As festas nunca o son por casualidade, nunca están nas mans do azar. Non é casualidade que a festa da Aurora se celebre seis meses despois, con precisión matemática, da festa consagrada ó Sol, no solsticio de decembro. Nunca os romanos celebraron nada sen que desa celebración se derivase algún interese: influir sobre a marcha de calquera acontecemento desexado ou temido, xa dependan da disposición da divindade ou de acenos ou palabras manifestados por una divindade ou calquera devanceiro en tempos pasados.

O silencio sagrado incial vaise quebrando como vidro fino nos arredores do templo de Mater Matuta. Óense primeiro timidamente voces de criaturas apagadas polas das súas nais, pero de seguido son as bonae matres as que, despois de ofrecer tortas redondas e amarelo ceral á deusa, expulsan do  recinto sagrado  a unha escrava a vergallazos  e empurróns,  e desafogan a angustia contida dos últimos días. Gritan as irmás dispostas a entregarlles os seus fillos que as celebrantes toman nos seus brazos con agarimo de nais para llos encomendar á deusa.

Nos arredores do templo de Fortuna, co que o de Mater Matuta compartía espazo físico e mitolóxico, contadores de historias e poetas  cantaban o misterio que  envolvía a celebración de aquel día e os seus escuros ritos. Os contadores de historias relataban   a fortuna de Furio Camilo, cinco veces dictador,  que vence ós de Veies,  ós latinos e ós volscos,  ós celtas, e a Breno; batallas que se inician sempre coa Aurora e que  coa axuda  da Aurora se vencen desde as primeiras escaramuzas: “O romper a Aurora, Camilo estaba alí, diante del”. Outros contan a historia do rei Servio Tulio a quen se lle debe a fundación do templo de Mater Matuta no foro Boario.

 

Os poetas empeñábanse en explicar en versos hexámetros que se gardaba naqueles ritos escuros, cargados de símbolos, que so eran ecos case que apagados de mitos moi antigos, xa perdidos baixo o peso da influencia grega: o que viña de acontecer no templo reproducía dramáticamente o que a deusa Aurora fai no ceo, un acto negativo expulsando a escuridade inevitable, que como un enemigo desasosega, e  un  acto acto positivo, acoller e amosar o novo sol que asoma tras o horizonte. As celebrantes son moitas porque representan as numerosas auroras particulares que inauguran todos os días do ano indefinidamente. Se no segundo acto as mulleres que participan no ritual non encomendan á deusa os seus propios fillos senón os das súas irmás é para significar que ó dispoñer dun tempo moi escaso, case efémero, elas por si mesmas non poden xestar o sol, polo que so lles queda acoller os soles que as  súas irmás criaron.

A Aurora, a filla do ceo, a deusa irmá,  coa nai do sol, a Noite ou quen sexa, inteveñen en harmonía cósmica. Aínda que unha se impón, non rifan  entre elas, non se enfrontan nin deteñen o seu camiñar, seguen sen parar a unha á outra, compartindo un pensamento único. Cada unha coa súa forma, sombría a Noite, brillante a Aurora.


 

LECTURAS PARA TEMPOS DE RECONTO

HORACIO, II, 14

¡Ai, como pasa o tempo!

“Eheu (ai!), como oimoi, é máis un suspiro que unha palabra, hai que pronuncialo en voz alta, ei-he-u, para comprender a súa forza, unha expresión visceral de pesar, que agroma do fondo do ser, das entrañas do ser humano, das profundidades da terra á onde todos iremos .” Harry Eyres


¡Ai, Póstumo, meu amigo, que fuxidío

é o tempo! nin a miña piedade me libra

das enrugas da senectude inminente

nin da morte inevitable,

 

non, amigo, por moitos touros 

que sacrifiques, cada día que pasa,

ó terrible Plutón, que mantén confinados

ó xigante Xerión e a Ticio

 

nas  lúgubres augas que todos

os que nos alimentamos dos dons  da terra

xa reis, xa pobres escravos,

estamos condenados a navegar.

 

En van escaparás da guerra cruenta

ou do mar tormentoso de Adria,

en van temerás o vento do sur

que cada outono nos encama arrefriados:

 

Hai que ir ver o negro río do inferno

de lánguido caudal e as infames fillas de Dánao

e a Sísifo, o de Eolo, condenado

a un castigo eterno.

 

Hai que deixar atrás a terra, o fogar e a amante

esposa; non te acompañará, dono efímero,

ningunha árbore das que prantaches,

a non ser  os fúnebres cipreses;

 

un herdeiro quen ben o merece beberá o viño

exquisito gardado con mil chaves

e tinguirá  o chan co reservado

para as ceas de gala.

POST EN PDFHORACIO ODAS II,14

HORACIO, CARUS AMICIS, A POESÍA NO MARCO DA AMIZADE

 

HORACIO EN TRES ODAS


A poesía latina que expresa os sentimentos subxectivos non aparece en poemas exclusivamente líricos ata mediados o século I a. C.  cos coñecidos como neotéricos de Catulo e o seu círculo.

Roma agora mírase no espello de Grecia do século IV a.C. cando o coñecido como período clásico dá paso ó helenístico, o que no ámbito político ten como resultado a aparición dos monarcas.

Os cidadáns, que empezaron a sentir escaso compromiso co Estado, centran todas as súas forzas na súa vida privada. Este é o xermolo da poesía alexandrina: renuncia a  todo que sexa grandeza e predilección polas pequeñas cousas; en vez dos solemnes e longos poemas épicos, composicións breves e delicadas. 

O panorama previo á chegada de Augusto ó poder era no ámbito da política complexo e ademais especialmente sanguento: guerras civís, revoltas, inseguridade, inestibilade social, crise de institucións tradicionais, ata chegar a unha paz imposta: un momento historicamente delicado no que o sistema republicano dá paso ó Imperio. A  literatura acada a súa época dourada e os poetas teñen claro que o seu papel é conseguir a inmortalidade.

Neste período augústeo asistimos ó cambio final de actitude cara á poesía e ós poetas. Ahora a poesía non é só unha preocupación digna e única para os cidadáns romanos de clase respetable; os poetas renuncian ó esteticismo e comprométesen coa sociedade ou vense na obriga de defender a  súa falta de compromiso. Volve estar en xogo a visión grega clásica da poesía:  traballo de xente con talento, que serve ós cidadáns como educación moral.

Nos primeiros libros de Odas (I, II, III) Horacio desempeña o papel dun Alceo, cidadán fondamente comprometido, que escribía patrioticamente sobre temas candentes do momento, pero que non deixaba de pensar  que na marxe desa obriga había un espazo para o ocio, o amor e o viño. A mesma fusión das dúas poesías gregas que se dera cos neotéricos advírtese en Horacio, de feito, o poeta de Venusa non só leva adiante  o programa dos poetas do círculo de Catulo senón que os supera.

Tomando as Odas en conxunto, a variedade e complexidade temática e a riqueza métrica son os aspectos máis significativos, aínda que moitos dos temas son reelaboración de temas xa tratados en EpodosHoracio quere que os seus temas preferidos poidan expresarse en diferentes formas estróficas e que nunca unha forma escravice a un tema ou o seu tratamento.

Nas Odas o pensamento de Horacio, a súa melancolía, o seu sentido epicúreo da vida, a súa incredulidade e desconfianza, a renuncia ás grandes ambicións son obxecto da súa contemplación artística; os principios da aurea mediocritas, de se contentar con pouco, de reter o momento que foxe, de esperar sempre a morte transfórmanse en efusións dunha experiencia interior.

Os grandes temas da lírica horaciana son o amor, a amizade, os himnos, os banquetes, a natureza, as reflexións filosóficas (o tempo, a morte, o destino do home e a súa posición no mundo, a sabiduría) e vitais e políticas.

Unha cuarta parte das Odas pode considerarse poesía amorosa, pero desde a distancia, desde a crítica, desde o cinismo. Non fala das súas paixóns nin das súas emocións,  descríbeas como se non fosen con el. É neste punto onde se afasta de Catulo. Esta actitude non debe de sorprendernos vindo como ven dun epicúreo que considera o amor como un conxunto de penas e preocupacións que a el non lle afectan nin o inmutan.

O templo de Marte Vengador. Foro de Augusto.

A singularidade deste grupo de poemas, desde a perspectiva dos xéneros literarios, radica en que ese mundo está contido dentro dos padróns da poesía lírica, que aparece así, gracias  a versatilidade métrica e rítmica, como o xénero non caracterizado, o que quere dicir que serve para todo, fronte a disciplina estricta do resto dos xéneros.

En Odashai poesía subxectiva e obxectiva sen que sexa fácil marcar un lindeiro, poesía de tono elevado, pero tamén de tipo epigramático, poesía de contido mitolóxico, pero tamén das cousas cotiás: esta actitude integradora é a manifestación da supremacía da aurea mediocritas.

Pese á complexidade temática das Odas, a unidade, que se acada gracias a súa estructura, foi reclamada por varios autores:

  • Composición lineal: odas cun número indeterminado de estrofas que desenvolven un tema ou acontecemento progresivamente cunha gradatio ascendente ou descendente. (Oda, I, 5)
  • Composición en anel:  odas que comenzan e rematan cun mesmo tema. (Oda II, 3)
  • Composición bimembre: odas con dúas partes de extensión similar, antitéticas ou paralelas, con dous temas diferentes ou un tratamento diferente do mesmo tema. (Oda III, 28)

É admirable que consiga sintetizar el só a Alceo, Safo, a Alcmán e Teognis, Tirteo e Calino, Anacreonte e Píndaro, sin esquecer o gran Calímaco, toda a lírica grega en padrón latino. É nos líricos gregos onde a súa poesía atopa asento rítmico.

Vexámolo con tres exemplos:

Oda III, 28

 


Horacio preséntase como o poeta do viño e o amor e contén outra mensaxe moi horaciana: é día de festa,  e polo tanto tempo de ocio: hai que beber viño, tocar música e facer o amor. Estructura bimembre.

¿Que cousa mellor podo facer

no día da festa de Neptuno? ¡Saca, Lidia,

con presteza, o  reserva de Cécubo

e quebra o teu bo sentido!

Ves que ven a tarde

e ti, como se o día fugaz se parase ,

receas traer da bodega

a ánfora na que repousa o viño de longa garda.

Unhas veces eu cantarei

a Neptuno e ás  verdes melenas das Nereidas;

en resposta, ti ensalzarás  coa corva lira

a Latona e os veloces dardos de Diana.

Cun último canto honraremos

a Venus de  Cnido,  que visita as Cícladas luminosas

nun carro tirado por cisnes;

a Noite merecerá unha sentida canción de despedida.

 

Oda I, 5

 


Mensaxe típica horaciana: o amor, a ocupación do ocio, é unha ocupación efímera, que se esvae como o fume, indigna de confianza, aínda que por iso mesmo pode ser dolorosa. Estructura lineal

¿Que delicado efebo  perfumado con auga

de Colonia te abraza,  Pirra, entre pétalos de rosa

no recanto íntimo do xardín?

¿Para quen soltas natural e coqueta

a túa rubia melena? ¡Cantas veces chorará

a túa perfidia e a súa mala fortuna

e contemplará con asombro por primeira vez

o mar encrespado polos negros ventos

o que agora confiado goza da túa rubia beleza,

o que sempre te espera atenta, sempre cariñosa,

e non  sabe da veleidade do vento!

¡Pobres aqueles ós que cega o teu encanto,

e non intimaron contigo! Polo que me toca,

as miñas ofrendas de agradecemento dan fe

de que eu xa dediquei a miña roupa de naufrago

ó poderoso deus do mar.

 

Oda II, 3

 


O destino inexorable do home atemperase cos placeres efímeros. Un xogo entre o desánimo e a afirmación. “Aurea mediocritas”, o punto medio entre o éxito e a miseria, o temor e a insolencia. Estructura en anel

Lémbrate de manter o ánimo sereo

no infortunio, na felicidade,

controlar a insolente ledicia, 

Delio, pois vas  morrer,

 xa vivas agoniado cada momento da túa vida ,

xa, deitado nun prado retirado  nos días

 felices, te comprazas saboreando

o máis delicado viño de Falerno.

¿Por que o alto pino e o chopo prateado gustan

trenzar sombra acolledora

coa súa ramaxe? ¿Por que  no río

sinuoso a auga fugaz  flúe rápida?

Ordena servir  viño e ungüentos

e deliciosas rosas de efímera frescura

mentres  o permitan os teus negocios, a túa idade

e os negros fíos  do Destino.

Deixarás os soutos que compraches e a casa

e a túa granxa,  que  rega o rubio Tiber;

deixaralos, e un herdeiro farase dono

das riquezas que ti acumulaches.

Xa foses fillo do mítico Inaco,

xa, coitado de familia pobre,

vivises ó sereo, nada importa,

nada, vítima do inmisericorde do Demo da Morte.

Todos acabamos no mesmo lugar, o gobelete

remove os dados,  máis tarde ou máis cedo

vai caer a sorte de todos

e só queda embarcar cara ó exilio eterno.

LUME E AUGA NO SOLSTICIO

Os solsticios son inicios de ciclos da natureza, do curso solar. A cultura grecolatina recurría a unha expresión de contido simbólico para subliñar esta circunstancia: “as portas solsticiais”, a porta, umbral, pero tránsito, paso entre luz e tebras, vida e morte, ignorancia e sabiduría, culpa e salvación.

Se ben o solsticio de inverno dá paso ó ciclo luminoso, a do verán abre o período de escurecemento, do acortamento progresivo da luz do día; unha inversión dos valores atribuídos a cada estación, non hai nada unívoco no universo simbólico. Agora entenderemos por que o cristianismo fai coincidir o nacemento de Cristo (“Eu son a porta”, di Xesús, Xn. 10, 9), o sol que ilumina a humanidade, co solsticio de inverno, mentres que o solsticio de verán esta marcado pola festividade de San Xoán Bautista, que sustitúe as celebracións paganas, porque este era para oS cristianos o precursor, o mensaxeiro da redención, da salvación inminente, da vida.

Nun libro de mitoloxía do século XIX, falando de fogueiras e lume sagrado, relaciónanse os rituais de San Xoán cos das festas de Pales:

“ Isto ( o lume) usábase moito na antiga Roma nas festividades de Pales, deusa dos pastores, que se celebraban o primeiro de maio e chamábanse Palilia. Nesta festividade os pastores facían fogueiras de palla ou de feno, e brincaban por enriba delas, e con esta cerimonia crían que quedaban limpos e absoltos de culpa, como o dixo Marco Varrón….”

“Pales dicebatur dea pastorum, cuius festa Palilia dicebantur; vel ut alii volunt, dicta Parilia quod pro partu pecoris eidem sacra fiebant” P.F. 248, 17

[ a deusa dos pastores chamábase Pales, e as festas a ela dedicadas Palilia; ou como queren outros Parilia por ser un ritual sagrado na súa honra polo bo parto do gando]

Festa de Pales, ou o Verán. De Suvée Joseph Benoît (1743-1807) Crédito fotográfico: (C) RMN / Gérard Blot

Todo lo purga el fuego, y su viveza /al metal le acrisola su maleza./ Luego por las hogueras encendidas/de paja gritadora des el salto/ con pie ligero, y piernas extendidas.

Ovidio ( Fastos, IV, 727 ss.) invoca á deusa Pales, para que o inspire na creación do poema, argumentando que vai cantar ritos pastorís nos que ten experiencia personal:

Alma Pales, faveas pastoria sacra canenti,/ prosequor officio si tua festa meo./certe ego de vitulo cinerem/ stipulasque fabales/ saepe tuli plena, februa tosta, manu; /certe ego transilui positas ter in ordine flammas, /udaque roratas laurea misit aquas.

[Alma Pales, axuda a quen canta os rituais dos pastores,/ se describo a túa festa coa miña arte./ Certo, eu levei moitas veces nas palmas das mans a cinza do vitelo/ e os talos de fabas, restos aínda quentes do sacrificio ./ Certo, eu brinquei tres veces sucesivamente as chamas que se apagaban ,/ e esparexín con loureiro mollado pingas de auga.]

Ovidio segue describindo con minuciosidade romana os distintos ritos da festa, pero esquece o fundamental, tentar explicar a orixe dos rituais; a deusa non se mostrou condescendente co poeta neste obxectivo.

Auga e herbas de san Xoán.

De todos os xeitos a etnografía aportounos algúns datos interesantes : o lume é un elemento purificador, polo que quen pase por riba del quedará purificado; outra, que os antigos xa que tiñan conciencia de que o lume e a auga, dous principios contrarios, eran imprescindibles para a vida, xuntaron os dous nun mesmo ritual preservativo para acadar maior eficacia, ou tamén porque a auga e o lume son causa de vida e morte para o home.

Se sistematizamos todo o que conta Ovidio poderemos dar cos paralelismos que ofrecen as Palilia e as festas de San Xoán:


1. FOGUEIRAS:

a. Era crenza que se pasaban por enriba delas os animais domésticos quedaban a salvo dos lobos.

b. O mesmo se o facían os homes.

c. Para ser eficaz o rito había que repetilo tres veces

d. Ó saltar había que facer a petición que máis lle convise a un.

e. Queimábanse algunhas herbas

2. ENRAMADAS.

a. Enramadas penduradas nas paredes .

b. Grinaldas nas portas

3. HERBAS: o loureiro dos sacrificios.

4. AUGAS:

a. En lustracións especiais e aspersións de altares

b. En lustracións de animais domésticos

5. ORACIÓNS: había que pronuncialas ao saltar sobre a fogueira, mirando ao oriente e metendo os dedos na auga pura.

A relación entre as dúas festas, Palilia e San Xoán, xa se estableceu no século XVI, pero tamén os investigadores modernos insisten nela. Só dan cun problema: o feito de que non coinciden nas datas dos meses, hai entre elas dous meses de diferencia, pero non parece un atranco insalvable, xa que ao longo da primavera detéctanse festas nas que se acenden fogueiras, pendúranse enramadas, como en Laza ou Oimbra por falar de espazos preto de nós. Serían pois rituais de estación que rematarían co solsticio.

Fachucos en Laza. Ourense

J. G. Frazer no seu libro The Golden Bough (A Rama Dourada) chama a atención sobre as coincidencias que gardan as festas paganas e as cristiás e afirma que son moitas como para consideralas accidentais. Desde o seu punto de vista esta coincidencia só mostra o pacto ó que se veu obrigada a Igrexa na hora do seu triunfo coas súas rivais vencidas, pero aínda perigosas. O intransixente espírito inicial flexibilizouse cando percibiron con claridade que para que o cristianismo conquistase o mundo era preciso atenuar a rixidez das regras fundacionais facendo máis ancha a porta que conduce á salvación. Para que o credo fose admitido de maneira universal era preciso que fose antes modificado de acordo, ata onde fose posible,  cos prexuizos, as paixóns e supersticións do vulgo, xusto os principios que inicialmente pretendían suprimir: unha decadencia espiritual inevitable; o mundo no pode vivir no nivel dos grandes homes; os valores esenciais de pobreza e celibato non resultan facilmente soportables, non  só para a sociedade civil, tampouco para a existencia humana.

 

 

MAXIA, REALISMO E RISA NO TEATRO ROMANO

 


 

 

Nas bancadas estala ás veces unha violenta protesta, porque eses inmensos lugares de reunión, nos que a elite se codea co pobo e o adula, non perden nunca unha función política. Emperadores e maxistrados sondean a súa popularidade diante dun público revoltoso e exixente

                      Roger Hanoune e John Scheid. La Roma Antigua

Aristócratas, cabaleiros, plebeios, soldados e escravos, homes e mulleres viven  a resaca dos ludi na honra de Flora culminados o día 3 de maio. Corre o ano 212 a. C, pero podería ser tamén os 202, cando aínda fumegaban os cadáveres do exército cartaxinés nas chairas de Zama. As prostitutas romanas exhibíranse en danzas lascivas, completamente espidas polas rúas de Roma. Os habitantes da Urbs aínda no acabaran de recuperarse dos grandes desastres da segunda Guerra Púnica e vivían os pesadelos da pantasma de Aníbal. Pero é primavera, retornan de novo as forzas da fecundidade,  ninguén se atrevería a prohibir un espectáculo tan carnal e luxurioso polo medo de que o ano resultase estéril.

Máscaras teatro. Mosaico. Museos Capitolinos. Roma. Fot. José M. Otero

Desde agora non se conciben en Roma ludi sen representacións teatrais. Plauto elabora todo o seu teatro nos días máis sombríos da segunda Guerra Púnica. Polo imaxinario do teatro plautino pululan comerciantes enriquecidos, prostitutas insaciables, mozos que devoran o patrimonio familiar con desenfreada luxuria, escravos espabilados que colaboraban desinteresadamente, vellos ilusos fuxidos de esposas agobiantes e carcamales… pero a atmosfera escénica era grega, porque dificilmente se toleraría un retrato vivo da vida social romana do momento, nin tampouco alusións políticas satíricas ao estilo de Aristófanes na Atenas de Pericles.

Frons scenae do teatro de Mérida. Fot. José M.Otero

As feridas psicolóxicas de calquera guerra requiren para ser curadas dun tratamento que conxugue  con maestría a partes iguais maxia e realismo. Esa medicina socialmente necesaria elabórase con enxeño na alquimia do laboratorio teatral.

O teatro é un universo encantado, donde a moral cotidiana campa con liberdade, porque non hai regras que a conteñan. Os espectadores vense transportados a un mundo onde non hai nada imposible, nel a natureza renuncia ás leis máis elementais: todo resulta un milagro, unha explosión de xúbilo colectivo, risa liberadora.

O pobo quere deseperadamente que o soño se torne realidade, dá o mesmo como sexa o soño: cruel, indecente, voluptuoso, magnífico, poético. E este desexo ha ser colmado, porque, de non ser así, o maxistrado responsable será víctima dunha sonora e interminable pitada que abrirá a tumba na que durmirán eternamente as aspiracións dunha longa carreira política.

https://www.facebook.com/video/embed?video_id=10200114151558836