O ESPÍRITO DA VEXETACIÓN EN MAIO

arboredemaio


“Vexetación, amor e festas, os tres elementos únense e confúndense, os tres compleméntanse, e os vexetais pasan a ser símbolos amorosos e os amores pasan a ser símbolos do esplendor vexetal.”

Julio Caro Baroja

 

Maio en Laza (Ourense). Fot. José M. Otero

É costume o último día de abril ou o primeiro de maio en moitos lugares de España e tamén en gran parte de Europa erguer na praza da vila unha árbore, ben adornada,  chamada maio.

A crenza da influencia dunha determinada árbore, do espírito arbóreo, sobre o home ou os animais domésticos, as colleitas, a vida cotiá é común a toda Europa, pero esta influencia atribúeselle especialmente á árbore de maio, e as figuracións que teñen que ver con el, aínda que non en todas partes se celebren o primeiro de maio senón ao longo de toda a primavera. Esta similitude fainos pensar que algunhas festas que os antigos gregos e romanos celebraban durante a primavera son en moitos aspectos as mesmas que aínda hoxe seguen tendo vitalidade, e, en moitos aspectos, desfiguradas por un proceso claro de cristianización.

Exemplos estudados por Mannhardt e Frazer, permiten pensar que un espírito, da vexetación  ou propio da primavera, se  concibe baixo tres formas:

1. Baixo forma humana: rapaza, rapaz, moneco.

2. Baixo formal vexetal : árbore, ramallo, flor

3. Forma humana combinada con vexetal: árbore, ramallo, flor + moneco ou persoa

Árbore de maio na praza do Concello de Laza. Fot. José M. Otero

Parece evidente que as festas de Attis, tal como se celebraban no imperio romano, tiñan semellanza coas que se celebran o primeiro de maio, a procesión coa árbore adornada de fitas de cores ten que ver coa procesión dos adoradores frixios, aínda que esta se celebrase no equinocio da primavera, data que coincide coa a que certos grupos cristiás pensaban que morrera Cristo e na que os devotos de Attis afirmaban que este morría e resucitaba. O mesmo día do equinocio talábase un pino que se conducía ao templo de Cíbele, era o rito do “arbor intrat”.  Un rito semellante pódese apreciar na procesión do Eirésionè, aínda que esta era un ritual da colleita.

Algún estudioso, como Leopold von Schroeder, pensa que a condución e colocación da árbore de maio, ao que se considera fertilizante, é no vello ritual indoeuropeo, entre as festas da vida, nas que se honraba o sol e a auga, un dos rituais máis típicos. Do mesmo xeito que as bodas de maios e maias corresponderían a este vello ritual das festas da vida renacida.

Eva e Adán en Laza. Maia moza, Adán vello, antítese vital. Fot. José M. Otero

Sería unha tentación ligar os matrimonios dos maios co matrimonio da raíña de Atenas con Dionisos, pero estas representacións abundan ao longo de Europa e tamén noutros continentes. É probable que os rituais antigos de matrimonio e todos os de carácter folklórico se deriven dun culto primitivo que consistía na representación do matrimonio das divindades ou númemes da vexetación.

POEMA LXIII de CATULO

PARA SABER MÁIS: PICAR EN CADA UN DOS ARTÍCULOS QUE SEGUEN:

1. As festas de Attis e Cibele en Roma

2. MAIO en LAZA

3.TRAZOS DE TEATRALIDADE NA FESTA DA SANTA CRUZ EN LAZA

4. UNHA LECTURA SIMBÓLICA

Anuncios

DE RITOS DE LUPERCALIA E XOGOS DE ENTROIDOS

OS LUPERCOS NUS E AS CERIMONIAS

DE FAUNO-PAN

Desde os lupercos ós peliqueiros, cigarróns, felos, borralleiros, troteiros e outros Entroidos

 

As manifestacións do Entroido que ata hoxe coñecemos manteñen rituais e celebracións que nos remiten a formas e moldes moi antigos. Uns xiran arredor de preocupacións sociais (Saturnais: liberdade de escravos, regalos, banquetes),  e outros arredor do que sería a base da economía pastoril:purificación e fecundidade, tanto de mulleres como do gando, e consecuentemente de preservación do gando dos animais silvestres hostís (Lupercalia).

Na terceira aurora que seguía ós idus (13) de febreiro (tendo en conta a contabilidade inclusiva, o 15 de febreiro) na cova Lupercal, no outeiro do Palatino, comezaba a festa co sacrificio dun cabrón e un can , ofrecíanse tamén tortas de fariña feitas polas Vestais con trigo da última colleita.

Seguía a esta cerimonia un ritual que relata Plutarco: “ Dous mozos patricios son conducidos ó lugar do sacrificio. Uns mánchanlle a fronte de sangue co  coitelo do sacrificio, mentres outos llo limpan con la mollada en leite, inmediatamente os mozos rompen a rir. Cumprida esta cerimonia, despois de facer tiras coa pel do cabrón sagrado, os lupercos corren espidos, cubrindo minimamente a cintura e azoutando a todo aquel que atopan no seu paso. As mozas non deben escapar ós seus azoutes xa que era crenza que son eles os que propiciarán a concepción e axudarán na hora do parto. PARA SEGUIR LENDO: LUPERCALIA

Peliqueiros en Laza (Ourense) Fot. Ana Mª Martínez

LECTURA COMPLEMENTARIA: NORBERT ROULAND. Laureles de ceniza. Ed. Edhasa 1990. Páx: 41-43.

PARA LER PICA AQUÍ Laureles de ceniza

TEATRALIDADE MÁXICA NO RITUAL DUNHA GRAN CEA

 Para os antigos romanos a comida era unha gran festa na que se mesturaban en doses semellantes o sagrado e o profano. Os deuses estaban presentes e protexían a casa, o fogar, desde o centro da mesa. Así as cousas a mesa era un lugar sagrado, o fogar simbólico, a redor da cal se xuntaba toda a familia. A súa función era soster os alimentos, por iso para os antigos a mesa era o símbolo da terra fecunda, da terra que alimenta.  O comedor, deste xeito, adquiría un valor cósmico, a mesa ocupaba o centro do comedor, da mesma maneira que a terra, para eles, ocupaba o centro do universo. O comedor, presidido polos deuses lares, espazo pechado, é, como tal, un lugar sagrado, un círculo máxico  purificador  que aílla do resto do mundo.

A comida era un rito e polo tanto o convidado víase na obriga de respectar as regras do ritual: entrar no comedor co pé dereito (o esquerdo sería sinistro) e cunha roupa adecuada, unha túnica frouxa sen cinto, que viña a ser como o vestido de festa. A ausencia de cinto ou cíngulo era fundamental; o convidado non podía levar sobre el nada que atase, xa que o nó evocaba o círculo pechado, de presenza nefasta, nada debe interromper a corrente máxica  que flúe polo universo do banquete no que se participa.  O comensal debía tamén deixar os seus zapatos na porta porque tiñan lazos e nós e  igualmente desfacerse dos aneis; o círculo pechado igual que os nós impedían a comunicación máxica dos espíritos.

O obxectivo último do convite era reconciliarse cos deuses. As flores e perfumes protexían  contra os sortilexios e as forzas malignas. Exparexíase o chan especialmente con verbena, porque a verbena ten a propiedade de facer que as comidas sexan máis alegres, pero especialmente polo seu valor purificador. Tamén se recorría con frecuencia á flor do azafrán, xa para facer coroas, xa para mesturar no viño. O cheiro do azafrán era un bo antidoto contra a borracheira e procuraba un doce sono a quen desmedidamente sucumbise á tentación de beber.

Todo ten unha función máxica  e unha razón de ser relixiosa. Era importante o número de convidados, tres como mínimo, para igualar o número das Grazas, e nove, como máximo, para non superar o das Musas, Era obrigado evitar o número par, era un mal presaxio. Quen rematase de comer o último non casaría e quen se erguese primeiro corría o risco de morrer durante o ano. 

Toda a comida xiraba a redor da cifra simbólica tres: compoñíase de tres partes, entremeses, platos fortes (tres) e sobremesa. Cando chegaba o momento da diversión había que beber tres ou nove copas.

A estas supersticións engandíanselle outros tabús: evitar derramar o saleiro, presaxio de morte, ou pinchar a carne coa punta do coitelo, porque pensaban  que deste xeito se fería ós mismísimos mortos. Estaba prohibido falar de temas tristes, pero tamén permanecer calados (nin o un nin o outro). Se alguén falaba dun incendio había que espallar auga por debaixo da mesa inmediatamente para apagar o lume simbolicamente e afastar o mal presaxio. Se se servía ovos pasados ou caracois, era preciso machicar as cascas para que ningún malfadado as empregase  en maleficios contra os comensais. Estas supersticións sobreviviron á civilización romana e moitas delas a nós sonnos familares

Como un conto de Nadal e Aninovo en FASTOS, I, 170 e ss.

Annum novum faustum felicem vobis!


 

E digo eu ¿por que, Xano, aínda que calme os manes dos outros,

che ofrezo primeiro a ti  incenso e viño?

“Para que poidas,  grazas a  min, que gardo as entradas,


ter acceso a todos os deuses que queiras”, responde.


“E ¿por que se fan cumpridos nas túas kalendas


e expresamos e escoitamos bos desexos?”

Entón o deus, apoiado no caxato, que levaba na dereita,


dime: “Os bos agoiros agóchanse nos inicios.


Con oídos agoirentos escoitades a primeira palabra


e interpreta favorable o augur a primeira ave que ve.


O ceo e os deuses escoitan propicios.


Ninguén expresa desexos vans, e o dito vale”.


Desaparecera Xano e non pasei moito tempo calado;


pisei coas miñas palabras as últimas súas,


e pregunteille: “¿que significa o dátil e o figo paso,


e o mel brillante que flúe no branco panal?”.


Dime: “é polo agoiro: que aquel sabor acompañe


a nosa labor e  o ano adoce o camiño comezado”.


Vexo por que se ofrecen doces: explícame  o sentido


do aguinaldo para que nada se me perda da túa festa”.

Riu e dixo: ” ¡canto te engana o teu tempo a ti


que pensas que o mel é máis doce que o aguinaldo recibido!


Eu non coñecín a ninguén nos tempos de Saturno


que para el as súas riquezas non fosen doces.

(Traducción de José M. Otero)

 

Notas:

1. Strenae (1); 2. Strenae(2); 3. SATURNALIA (1); 4. JANUS; 5. STIPS ; 6. FASTI

 

LUME E AUGA NO SOLSTICIO

Os solsticios son inicios de ciclos da natureza, do curso solar. A cultura grecolatina recurría a unha expresión de contido simbólico para subliñar esta circunstancia: “as portas solsticiais”, a porta, umbral, pero tránsito, paso entre luz e tebras, vida e morte, ignorancia e sabiduría, culpa e salvación.

Se ben o solsticio de inverno dá paso ó ciclo luminoso, a do verán abre o período de escurecemento, do acortamento progresivo da luz do día; unha inversión dos valores atribuídos a cada estación, non hai nada unívoco no universo simbólico. Agora entenderemos por que o cristianismo fai coincidir o nacemento de Cristo (“Eu son a porta”, di Xesús, Xn. 10, 9), o sol que ilumina a humanidade, co solsticio de inverno, mentres que o solsticio de verán esta marcado pola festividade de San Xoán Bautista, que sustitúe as celebracións paganas, porque este era para oS cristianos o precursor, o mensaxeiro da redención, da salvación inminente, da vida.

Nun libro de mitoloxía do século XIX, falando de fogueiras e lume sagrado, relaciónanse os rituais de San Xoán cos das festas de Pales:

“ Isto ( o lume) usábase moito na antiga Roma nas festividades de Pales, deusa dos pastores, que se celebraban o primeiro de maio e chamábanse Palilia. Nesta festividade os pastores facían fogueiras de palla ou de feno, e brincaban por enriba delas, e con esta cerimonia crían que quedaban limpos e absoltos de culpa, como o dixo Marco Varrón….”

“Pales dicebatur dea pastorum, cuius festa Palilia dicebantur; vel ut alii volunt, dicta Parilia quod pro partu pecoris eidem sacra fiebant” P.F. 248, 17

[ a deusa dos pastores chamábase Pales, e as festas a ela dedicadas Palilia; ou como queren outros Parilia por ser un ritual sagrado na súa honra polo bo parto do gando]

Festa de Pales, ou o Verán. De Suvée Joseph Benoît (1743-1807) Crédito fotográfico: (C) RMN / Gérard Blot

Todo lo purga el fuego, y su viveza /al metal le acrisola su maleza./ Luego por las hogueras encendidas/de paja gritadora des el salto/ con pie ligero, y piernas extendidas.

Ovidio ( Fastos, IV, 727 ss.) invoca á deusa Pales, para que o inspire na creación do poema, argumentando que vai cantar ritos pastorís nos que ten experiencia personal:

Alma Pales, faveas pastoria sacra canenti,/ prosequor officio si tua festa meo./certe ego de vitulo cinerem/ stipulasque fabales/ saepe tuli plena, februa tosta, manu; /certe ego transilui positas ter in ordine flammas, /udaque roratas laurea misit aquas.

[Alma Pales, axuda a quen canta os rituais dos pastores,/ se describo a túa festa coa miña arte./ Certo, eu levei moitas veces nas palmas das mans a cinza do vitelo/ e os talos de fabas, restos aínda quentes do sacrificio ./ Certo, eu brinquei tres veces sucesivamente as chamas que se apagaban ,/ e esparexín con loureiro mollado pingas de auga.]

Ovidio segue describindo con minuciosidade romana os distintos ritos da festa, pero esquece o fundamental, tentar explicar a orixe dos rituais; a deusa non se mostrou condescendente co poeta neste obxectivo.

Auga e herbas de san Xoán.

De todos os xeitos a etnografía aportounos algúns datos interesantes : o lume é un elemento purificador, polo que quen pase por riba del quedará purificado; outra, que os antigos xa que tiñan conciencia de que o lume e a auga, dous principios contrarios, eran imprescindibles para a vida, xuntaron os dous nun mesmo ritual preservativo para acadar maior eficacia, ou tamén porque a auga e o lume son causa de vida e morte para o home.

Se sistematizamos todo o que conta Ovidio poderemos dar cos paralelismos que ofrecen as Palilia e as festas de San Xoán:


1. FOGUEIRAS:

a. Era crenza que se pasaban por enriba delas os animais domésticos quedaban a salvo dos lobos.

b. O mesmo se o facían os homes.

c. Para ser eficaz o rito había que repetilo tres veces

d. Ó saltar había que facer a petición que máis lle convise a un.

e. Queimábanse algunhas herbas

2. ENRAMADAS.

a. Enramadas penduradas nas paredes .

b. Grinaldas nas portas

3. HERBAS: o loureiro dos sacrificios.

4. AUGAS:

a. En lustracións especiais e aspersións de altares

b. En lustracións de animais domésticos

5. ORACIÓNS: había que pronuncialas ao saltar sobre a fogueira, mirando ao oriente e metendo os dedos na auga pura.

A relación entre as dúas festas, Palilia e San Xoán, xa se estableceu no século XVI, pero tamén os investigadores modernos insisten nela. Só dan cun problema: o feito de que non coinciden nas datas dos meses, hai entre elas dous meses de diferencia, pero non parece un atranco insalvable, xa que ao longo da primavera detéctanse festas nas que se acenden fogueiras, pendúranse enramadas, como en Laza ou Oimbra por falar de espazos preto de nós. Serían pois rituais de estación que rematarían co solsticio.

Fachucos en Laza. Ourense

J. G. Frazer no seu libro The Golden Bough (A Rama Dourada) chama a atención sobre as coincidencias que gardan as festas paganas e as cristiás e afirma que son moitas como para consideralas accidentais. Desde o seu punto de vista esta coincidencia só mostra o pacto ó que se veu obrigada a Igrexa na hora do seu triunfo coas súas rivais vencidas, pero aínda perigosas. O intransixente espírito inicial flexibilizouse cando percibiron con claridade que para que o cristianismo conquistase o mundo era preciso atenuar a rixidez das regras fundacionais facendo máis ancha a porta que conduce á salvación. Para que o credo fose admitido de maneira universal era preciso que fose antes modificado de acordo, ata onde fose posible,  cos prexuizos, as paixóns e supersticións do vulgo, xusto os principios que inicialmente pretendían suprimir: unha decadencia espiritual inevitable; o mundo no pode vivir no nivel dos grandes homes; os valores esenciais de pobreza e celibato non resultan facilmente soportables, non  só para a sociedade civil, tampouco para a existencia humana.

 

 

VIÑO E PENAS NAS LUPERCAIS (LECTURA)

Adde merum vinoque novos compesce dolores [Sirve un bo viño, afoga en viño as penas recentes] Tib. I, 2

Acúdeme, lúcido Baco, ( xa teñas sempre

a  vide do delirio, xa leves  as sens cinguidas de hedra).

Libérame da miña dor ti mesmo cunha copa chea de vida:

A cada paso o amor  claudica vencido polo viño.

Amable criatura, reborden de viño xeneroso as copas

e sírvenos  Falernos con man espléndida.

Ide lonxe, penosa estirpe de coitas, ídevos amarguras:

que brille, montado nos seus cabalos brancos, o sol Apolo.

…….

Nada me preocupas xa, Neera (1),

que sexas feliz, e luminoso o teu destino.

…………..

Chega, despois de moitos días, a calma.

 

(1) ¿Neera= a poetisa Sulpicia? En todo caso, a muller do enigmático Lígdamo, posible autor do poema. Exemplificación do tipo de muller de familia noble: provocativa, amante das riquezas, fermosa e desleal, que pretende dominar o mundo cos seus encantos, pero que a fin só consegue a fama grazas ós versos do poeta.

TIBULO, Carmina, (Corp. Tib.) III, 6, 1-8 , 29-30 e 32

TIBULO (PDF)

A GRAN CEA: UNHA FUNCIÓN MÁXICA

 Para os antigos romanos a comida era unha gran festa na que se mesturaban en doses semellantes o sagrado e o profano. Os deuses estaban presentes e protexían a casa, o fogar, desde o centro da mesa. Así as cousas a mesa era un lugar sagrado, o fogar simbólico, a redor da cal se xuntaba toda a familia. A súa función era soster os alimentos, por iso para os antigos a mesa era o símbolo da terra fecunda, da terra que alimenta.  O comedor, deste xeito, adquiría un valor cósmico, a mesa ocupaba o centro do comedor, da mesma maneira que a terra, para eles, ocupaba o centro do universo. O comedor, presidido polos deuses lares, espazo pechado, é, como tal, un lugar sagrado, un círculo máxico  purificador  que aílla do resto do mundo.

A comida era un rito e polo tanto o convidado víase na obriga de respectar as regras do ritual: entrar no comedor co pé dereito (o esquerdo sería sinistro) e cunha roupa adecuada, unha túnica frouxa sen cinto, que viña a ser como o vestido de festa. A ausencia de cinto ou cíngulo era fundamental; o convidado non podía levar sobre el nada que atase, xa que o nó evocaba o círculo pechado, de presenza nefasta, nada debe interromper a corrente máxica  que flúe polo universo do banquete no que se participa.  O comensal debía tamén deixar os seus zapatos na porta porque tiñan lazos e nós e  igualmente desfacerse dos aneis; o círculo pechado igual que os nós impedían a comunicación máxica dos espíritos.

O obxectivo último do convite era reconciliarse cos deuses. As flores e perfumes protexían  contra os sortilexios e as forzas malignas. Exparexíase o chan especialmente con verbena, porque a verbena ten a propiedade de facer que as comidas sexan máis alegres, pero especialmente polo seu valor purificador. Tamén se recorría con frecuencia á flor do azafrán, xa para facer coroas, xa para mesturar no viño. O cheiro do azafrán era un bo antidoto contra a borracheira e procuraba un doce sono a quen desmedidamente sucumbise á tentación de beber.

Todo ten unha función máxica  e unha razón de ser relixiosa. Era importante o número de convidados, tres como mínimo, para igualar o número das Grazas, e nove, como máximo, para non superar o das Musas, Era obrigado evitar o número par, era un mal presaxio. Quen rematase de comer o último non casaría e quen se erguese primeiro corría o risco de morrer durante o ano. 

Toda a comida xiraba a redor da cifra simbólica tres: compoñíase de tres partes, entremeses, platos fortes (tres) e sobremesa. Cando chegaba o momento da diversión había que beber tres ou nove copas.

A estas supersticións engandíanselle outros tabús: evitar derramar o saleiro, presaxio de morte, ou pinchar a carne coa punta do coitelo, porque pensaban  que deste xeito se fería ós mismísimos mortos. Estaba prohibido falar de temas tristes, pero tamén permanecer calados (nin o un nin o outro). Se alguén falaba dun incendio había que espallar auga por debaixo da mesa inmediatamente para apagar o lume simbolicamente e afastar o mal presaxio. Se se servía ovos pasados ou caracois, era preciso machicar as cascas para que ningún malfadado as empregase  en maleficios contra os comensais. Estas supersticións sobreviviron á civilización romana e moitas delas a nós sonnos familares

SATURNAIS OU A LIBERDADE LICENCIOSA

Escribía Hesíodo en Os Traballos e os Días que durante a Idade Dourada a terra producía a man chea, non había guerras, so concordia, ninguén se afanaba por facerse rico, polo que todo o mundo vivía feliz e contento. A escravitude e a propiedade privada eran conceptos descoñecidos, todos os homes dispoñían en común do que a natureza regalaba.

Lucas Cranach. A Idade de Ouro. Imaxes Google

Saturno, deus da agricultura e a sementeira, viviu na terra como un rei da Italia agreste dos primeiros tempos e conseguíu coa súa bondade que aquelas xentes rudas e disgregadas se agrupasen, e como isto non era pouco, del aprenderon os segredos da agricultura e a lei como garantía de convivencia. Saturno foi o portador da felicidade  da Idade Dourada para as terras italas. Pero chegou o día en que este bo deus desapareceu de forma inesperada, pero non a súa memoria, pois os homes agradecidos contruíron templos, e moitas colinas e sitios elevados de Italia levaron o seu nome e na súa honra celebráronse a festas Saturnalia, que tiñan lugar no último mes do ano, ligadas á temporada agrícola: sementeira ou colleita.

As saturnais ou o inverno. Fot.  RMN

Polas testemuñas que nos deixaron os escritores antigos, enchentes, borracheiras, libertinaxe, calquera maneira de dar co pracer son as trazas que definen esta celebración.

Durante  sete días, desde o 17 de decembro ata ó 23, en todas as casas, rúas e prazas de Roma lembrábase a liberdade que reinaba nos tempos de Saturno concedendo ós escravos a licencia de sentar á mesa dos amos, inxurialos, emborracharse con eles, sen que o amo puidese facerlles o máis mínimo reproche. Por un tempo quedaba abolida a discriminación social: non hai escravos, todos se comportan como os homes libres. En todo caso eran os señores os que servían ós escravos. Esta inversión de papeis chegaba a tal extremo que cada familia era un escenario burlesco no que lei e moral quedaban agochadas nun recuncho, para non perturbar aquel gozo de efémera liberdade.

Normalmente o estoupido de forzas reprimidas dexenera en orxía ou en rebumbio extravagante, xa que as paixóns máis escuras atopan a saída que se lle nega na tranquila e xuizosa vida ordinaria.

OS DEUSES DA ESTIXIA NON SON AVAROS

PARENTALIA E FERALIA: A MEMORIA DOS MORTOS NA ANTIGA ROMA



Columbarios de Vigna Condini. Roma

En Roma a festividade  na que se celebraba a memoria dos antepasados mortos, Parentalia, comezaba nos idus de febreiro (13) e culminaba coas Feralia o día 23. Ovidio describe polo miúdo en Fastos, 2, 533-540 o ritual funerario: nas tumbas despois de colocar coroas ofrecían pan, viño e un chisco de sal.

Est honor et tumulis, animas placare paternas,/parvaque in exstructas munera ferre pyras./Parva petunt manes: pietas pro divite grata est/munere;non avidos Styx habet ima deos./ tegula porrectis satis est velata coronis/ et sparsae fruges parcaque mica salis,/ inque mero mollita/Ceres violaeque solutae: /haec habeat media testa relicta via.

[É sinal de respecto aplacar as almas dos nosos pais e levar/ pequenas ofrendas ás tumbas e tamén ás piras que se lles erixen/ Os manes piden pouco. É agradecida a piedade en vez dunha abundante/ ofrenda. A  Estixia sin fondo non ten deuses avaros./ É de abondo unha tella cuberta cunha ofrenda de flores,/ e froitos espallados e un chisco de sal, pan abrandado en viño e pétalos de violeta:/ que os garde unha vasilla de barro deixada no medio do camiño]

O día 22 de febreiro  remataban ás festas Parentalia coa celebración das Caristia ou Caram Cognitionem, que eran un solemne banquete de toda familia en honor dos mortos.

Os Cristianos ó principio  aceptaron as festas en honor dos mortos, respetando estas mesmas datas, pero o proceso de cristianización do mundo celta, obrigou, por sentido práctico e a eficacia da mensaxe doctrinal, a trasladar esta celebración ós primeiros días de novembro.

O triunfo da morte.(1562). Brueghel O Vello

Os druidas, sacerdotes celtas, crían en efecto que, esa noite, Saman, o señor da morte, provocaba o exército dos espíritos malignos. Os druidas prendían entón grandes fogueiras, co obxecto de afastar as incomodas Sombras.

Entre os antigos celtas, Halloween era a última noite do año, noite máxica de pantasmas e bruxas pero tamén  de presaxios na que os espíritos da morte visitaban as  moradas dos vivos.

A conquista romana da gran Gran Bretaña, favoreceu que Halloween se enriquecese con elementos da festa da colleita, POMONALIA, celebrada o 1 de novembro en honor de Pomona, deusa dos froitos e das árbores.

Vertumno e Pomona. Fot. RMN

Sobreviven vestixios da festa romana da colleita no costume, habitual nos Estados Unidos e Gran Bretaña, de facer xogos utilizando froita, ou mesmo en Galicia na festa do Magosto.

Os romanos elaboran crenzas particulares arredor dos mortos e da morte, pero non se lles pasaba pola cabeza que os mortos acudisen a ver e cheirar o perfume das flores que deixaban nas súas tumbas.

A cuestión do máis alá, da inmortalidade, era unha preocupación allea, como para o home de hoxe: os epicúreos non crían nela, os estoicos, non demasiado, e a relixión oficial pecaba dun ríxido formalismo como para dar resposta a preguntas esenciais. Para o común da xente a morte era o mesmo que a nada, un soño eterno; o que relataba o imaxinario colectivo sobre a supervivencia das Sombras non máis que un conto de medo.


É distinto o sentimento que lles produce a morte, o medo dos moribundos non tanto ós castigos mitolóxicos como ó castigo dos deuses xustos, providentes e vingadores. Así cabe deducir deste texto de Valerio Máximo:

Este malvado morreu pensando nas súas perfidias e na súa ingratitude; a súa alma atópase como despelexada por un verdugo, porque sabía que os deuses do ceo ós que odiaba o ían entregar ós deuses subterráneos que o execrarían.”

Por iso os epitafios, os ritos e a arte funeraria se encargan de espallar ideas consoladoras que calmen a axitación e a angustia da hora da morte, insistindo nas súas representacións da vida como viaxe, a morte como descanso despois dunha longa viaxe, a vida como a carreira de carros no circo, a permanencia no espazo indeciso dos lindeiros entre a vida e o soño. A tumba é a morada eterna na que todo se prolonga despois de que todo remata.


A VISIÓN VIRXILIANA DO OUTRO MUNDO

FLORA OU A EXPLOSIÓN DA VEXETACIÓN

 

A festa en honor da deusa Flora formaba parte, polo menos na Roma primitiva, dun conxunto de prácticas destinadas a convocar a primavera e o favor dos deuses protectores do campo nas recolleitas vindeiras. Xa no tempo dos reis estas festas deberon seguir ás das Robigalia.
A este tempo primitivo debemos referirnos se queremos entender o sentido de certos ritos que se perpetuaron no tempo: alumear coa luz de numerosos fachos os xogos da deusa que se prolongaban na noite, ou aquela outra pola que as mulleres se poñían vestidos cheos de vivo colorido; ou a de botar entre a multitude grans secos de ervellas, fabas, pementos, chícharos bravos, para conseguir da terra os dons que ela regala. Ou tamén a de soltar e perseguir á carreira lebres e cabras, animais de temperamento erótico.
Estas prácticas son simbólicas, expresan mesmo o carácter de Flora que representa a explosión e a variedade da vexetación grazas a puxanza do sol.
Comezaban o 28 de abril aínda que no século IV a. C. celebrábanse desde o 30 de abril o tres de maio. As festas iniciábanse con xogos escénicos e terminaban con xogos de circo e o sacrificio da deusa Flora. Estas festas foron sempre moi ruidosas e licenciosas; no último século da República unas prostitutas atendían a solicitude da xente para se mostrar espidas.

 


 

Este texto de Ovidio en Fastos V, 331-379 pode axudarnos a entender unha parte bastante significativa de todo o que vimos de decir:

” FLORA non  é unha deusa severa, e así os regalos que trae se prestan á frivolidade, por iso nestas festas das Floralia hai  libertinaxe e bromas divertidas.

As tempas dos que beberon cínguense de grilandas tramadas e as mesas relocen cubertas de rosas espalladas; o comensal baila borracho co pelo recollido por unha coroa de tileiro e abusa imprudentemente da graza do viño; canta o borracho diante da porta da súa fermosa amiga, brandas grilandas sosteñen os cabelos perfumados. Nada serio se  fai coa fronte coroada, e os que se cinguen con flores non beben auga pura. Baco é afeccionado ás flores. A Flora vaille ben unha escena sinxela; non é vaidosa.

A deusa non é das que practica actividades lúgubres nin importantes; desexa que os seus ritos estean abertos a todo o mundo e aconsella aproveitarse do esplendor da vida mentres está en flor, pois tiramos as espiñas cando xa murcharon as rosas. Esta é a razón pola que asisten a elas unha multitude de prostitutas.

Nas festas de Ceres  regalábanse vestidos brancos, porque os campos se poñen brancos cando maduran as espigas. Flora vístese de mil cores  como un prado de florido.

Fogueiras e fachos alumean noite e día. Pois se os campos se visten con flores de púrpura, parece apropiado que o lume enchese de luz os días que se me dedicaban, explica Flora, ou tamén porque as flores como as chamas non teñen cores apagadas e ambos brillos atraen as miradas; ou  ben porque ós nosos praceres venlle ben a libertinaxe nocturna. Esta parece ser a verdadeira razón.

Ó preguntarlle a Flora por que encerraba nas redes pacíficas cabuxas e solícitas lebres, respondeume que a ela correspondíanlle os xardíns e os campos onde non entran feras agresivas, e non as selvas. E foise na brisa sutil.”

JAZZ PARA CIBELE NO VERDE IDA: CÍMBALOS, PERCUSIÓN E COROS


DOS MAIOS, DA ÁRBORE DE MAIO E DAS FESTAS DA SANTA CRUZ

DESDE O MUNDO DE GRECIA E ROMA ATA HOXE

“Vexetación, amor e festas, os tres elementos únense e confúndense, os tres compleméntanse, e os vexetais pasan a ser símbolos amorosos e os amores pasan a ser símbolos do esplendor vexetal.”

Julio Caro Baroja

Maio en Laza (Ourense). Fot. José M. Otero

É costume o último día de abril ou o primeiro de maio en moitos lugares de España e tamén en gran parte de Europa erguer na praza da vila unha árbore, ben adornada,  chamada MAIO.

A crenza da influencia dunha determinada árbore, do espírito arbóreo, sobre o home ou os animais domésticos, as colleitas, a vida cotiá é común a toda Europa, pero esta influencia atribúeselle especialmente á árbore de maio, e as figuracións que teñen que ver con el, aínda que non en todas partes se celebren o primeiro de maio senón ao longo de toda a primavera. Esta similitude fainos pensar que algunhas festas que os antigos gregos e romanos celebraban durante a primavera son en moitos aspectos as mesmas que aínda hoxe seguen tendo vitalidade, e, en moitos aspectos, desfiguradas por un proceso claro de cristianización.

Exemplos estudados por Mannhardt e Frazer, permiten pensar que un espírito, da vexetación  ou propio da primavera, se  concibe baixo tres formas:

1. Baixo forma humana: rapaza, rapaz, moneco.

2. Baixo formal vexetal : árbore, ramallo, flor

3. Forma humana combinada con vexetal: árbore, ramallo, flor + moneco ou persoa

Árbore de maio na praza do Concello de Laza. Fot. José M. Otero

Parece evidente que as festas de Attis, tal como se celebraban no imperio romano, tiñan semellanza coas que se celebran o primeiro de maio, a procesión coa árbore adornada de fitas de cores ten que ver coa procesión dos adoradores frixios, aínda que esta se celebrase no equinocio da primavera, data que coincide coa a que certos grupos cristiás pensaban que morrera Cristo e na que os devotos de Attis afirmaban que este morría e resucitaba. O mesmo día do equinocio talábase un pino que se conducía ao templo de Cíbele, era o rito do “arbor intrat”.  Un rito semellante pódese apreciar na procesión do Eirésionè, aínda que esta era un ritual da colleita.

Algún estudioso, como Leopold von Schroeder, pensa que a condución e colocación da árbore de maio, ao que se considera fertilizante, é no vello ritual indoeuropeo, entre as festas da vida, nas que se honraba o sol e a auga, un dos rituais máis típicos. Do mesmo xeito que as bodas de maios e maias corresponderían a este vello ritual das festas da vida renacida.

Eva e Adán en Laza. Maia moza, Adán vello, antítese vital. Fot. José M. Otero

Sería unha tentación ligar os matrimonios dos maios co matrimonio da raíña de Atenas con Dionisos, pero estas representacións abundan ao longo de Europa e tamén noutros continentes. É probable que os rituais antigos de matrimonio e todos os de carácter folklórico se deriven dun culto primitivo que consistía na representación do matrimonio das divindades ou númemes da vexetación.

LECTURAS DE MAIO

POEMA LXIII de CATULO

CATULO LXIII (Pica AQUI para escoitar

http://www.ivoox.com/playerivoox_ee_182415_1.html

PARA SABER MÁIS: PICAR EN CADA UN DOS ARTÍCULOS QUE SEGUEN:

1. As festas de Attis e Cibele en Roma

2. MAIO en LAZA

3.TRAZOS DE TEATRALIDADE NA FESTA DA SANTA CRUZ EN LAZA

4. UNHA LECTURA SIMBÓLICA