A FUNCION MÁXICA DAS FLORES E AS FRAGRANCIAS NOS BANQUETES DA ROMA ANTIGA

A mesa e o comedor para os romanos eran un espazo sagrado e, en consecuencia, a comida un acto relixioso, cos seus rituais pautados ata no seu mínimo detalle, unha festa coa presenza continuada dos deuses, na que, dun xeito curioso, se mesturaban o relixioso e o profano.

Para os antigos romanos a mesa simbolizaba a terra portadora de alimentos polo que o comedor resultaba ser a representación do cosmos, onde a mesa, como a terra, ocupa o centro do universo. Nerón, cando constrúe o comedor da domus aurea, concíbeo á imaxe do universo; un inxeñosa tramoia no teito de tablillas móbiles esparexía perfumes e flores que parecían caer teatralmente do ceo. Neste universo miniaturizado todos os rituais tiñan como obxectivo a reconciliación cos deuses. Os deuses só atendían a aqueles fieles limpos fisica e moralmente. Eran inevitables polo tanto rituais de purificación para que este cosmos quedase libre de sortilexios e malos espíritos que puidesen interrumpir a comunicación fluída coas divindades.


Era crenza xeneralizada entre os antigos que as flores e as fragrancias tiñan este poder purificador, de aí o costume de asperxir polo chan das salas infusión de verbena ou herba de Venus, xa que o seu recendo trasmite alegría ós comensais, trae a paz e afasta as envexas, pero, por enriba de todo, tiña os efectos purificadores que procuraban os que compartían triclinio. Outras veces ciscaban pétalos de flores: das rosas da divindade, da flor de lis, contra os fungos velenosos e as enrugas, de violetas da inmortalidade. Os inmortais que non coñecen a fame nin a morte aliméntanse de olores e perfumes, privilexio e sinal da súa condición, pois os mortais han de se repartir as vísceras cocidas no asador e a carne sanguenta do sacrificio.

Entre todas as flores de calquera xardín había unha especial que non podía faltar en ningún banquete, a flor do azafrán, xa en coroas ou mesturada co viño; o seu cheiro tiña o poder de previr a borracheira e regalar un doce sono a aqueles convidados que se deixaran tentar en exceso polo pracer da bebida. O azafrán é a metamorfose do sangue de Croco, a lembranza da súa cabeleira dourada, un agasallo dun imprudente  Mercurio apenado de lle provocar a morte.

Antes e despois de cada comida todos os convidados realizaban rituais de purificación, tomaban un baño antes de comer e pasaban por auga as mans ó rematar. Os escravos estaban á disposición dos convidados para lavábarlles os pés, limpiárlles a uñas e perfumalos.

Sería fácil pensar no sentido hixiénico destes hábitos, considerados coherentemente, teñen todas as trazas de rituais de purificación física e moral, que acabarán pasando a tradición cristiana e a outras, deixando na actualidade pegadas aínda  moi vivas nas distintas cerimonias sociais.

Bibliografía: Jean-Nöel Robert. Los placeres en Roma. Edaf-. 1992

A GRAN CEA: UNHA FUNCIÓN MÁXICA

 Para os antigos romanos a comida era unha gran festa na que se mesturaban en doses semellantes o sagrado e o profano. Os deuses estaban presentes e protexían a casa, o fogar, desde o centro da mesa. Así as cousas a mesa era un lugar sagrado, o fogar simbólico, a redor da cal se xuntaba toda a familia. A súa función era soster os alimentos, por iso para os antigos a mesa era o símbolo da terra fecunda, da terra que alimenta.  O comedor, deste xeito, adquiría un valor cósmico, a mesa ocupaba o centro do comedor, da mesma maneira que a terra, para eles, ocupaba o centro do universo. O comedor, presidido polos deuses lares, espazo pechado, é, como tal, un lugar sagrado, un círculo máxico  purificador  que aílla do resto do mundo.

A comida era un rito e polo tanto o convidado víase na obriga de respectar as regras do ritual: entrar no comedor co pé dereito (o esquerdo sería sinistro) e cunha roupa adecuada, unha túnica frouxa sen cinto, que viña a ser como o vestido de festa. A ausencia de cinto ou cíngulo era fundamental; o convidado non podía levar sobre el nada que atase, xa que o nó evocaba o círculo pechado, de presenza nefasta, nada debe interromper a corrente máxica  que flúe polo universo do banquete no que se participa.  O comensal debía tamén deixar os seus zapatos na porta porque tiñan lazos e nós e  igualmente desfacerse dos aneis; o círculo pechado igual que os nós impedían a comunicación máxica dos espíritos.

O obxectivo último do convite era reconciliarse cos deuses. As flores e perfumes protexían  contra os sortilexios e as forzas malignas. Exparexíase o chan especialmente con verbena, porque a verbena ten a propiedade de facer que as comidas sexan máis alegres, pero especialmente polo seu valor purificador. Tamén se recorría con frecuencia á flor do azafrán, xa para facer coroas, xa para mesturar no viño. O cheiro do azafrán era un bo antidoto contra a borracheira e procuraba un doce sono a quen desmedidamente sucumbise á tentación de beber.

Todo ten unha función máxica  e unha razón de ser relixiosa. Era importante o número de convidados, tres como mínimo, para igualar o número das Grazas, e nove, como máximo, para non superar o das Musas, Era obrigado evitar o número par, era un mal presaxio. Quen rematase de comer o último non casaría e quen se erguese primeiro corría o risco de morrer durante o ano. 

Toda a comida xiraba a redor da cifra simbólica tres: compoñíase de tres partes, entremeses, platos fortes (tres) e sobremesa. Cando chegaba o momento da diversión había que beber tres ou nove copas.

A estas supersticións engandíanselle outros tabús: evitar derramar o saleiro, presaxio de morte, ou pinchar a carne coa punta do coitelo, porque pensaban  que deste xeito se fería ós mismísimos mortos. Estaba prohibido falar de temas tristes, pero tamén permanecer calados (nin o un nin o outro). Se alguén falaba dun incendio había que espallar auga por debaixo da mesa inmediatamente para apagar o lume simbolicamente e afastar o mal presaxio. Se se servía ovos pasados ou caracois, era preciso machicar as cascas para que ningún malfadado as empregase  en maleficios contra os comensais. Estas supersticións sobreviviron á civilización romana e moitas delas a nós sonnos familares

SATURNAIS OU A LIBERDADE LICENCIOSA

Escribía Hesíodo en Os Traballos e os Días que durante a Idade Dourada a terra producía a man chea, non había guerras, so concordia, ninguén se afanaba por facerse rico, polo que todo o mundo vivía feliz e contento. A escravitude e a propiedade privada eran conceptos descoñecidos, todos os homes dispoñían en común do que a natureza regalaba.

Lucas Cranach. A Idade de Ouro. Imaxes Google

Saturno, deus da agricultura e a sementeira, viviu na terra como un rei da Italia agreste dos primeiros tempos e conseguíu coa súa bondade que aquelas xentes rudas e disgregadas se agrupasen, e como isto non era pouco, del aprenderon os segredos da agricultura e a lei como garantía de convivencia. Saturno foi o portador da felicidade  da Idade Dourada para as terras italas. Pero chegou o día en que este bo deus desapareceu de forma inesperada, pero non a súa memoria, pois os homes agradecidos contruíron templos, e moitas colinas e sitios elevados de Italia levaron o seu nome e na súa honra celebráronse a festas Saturnalia, que tiñan lugar no último mes do ano, ligadas á temporada agrícola: sementeira ou colleita.

As saturnais ou o inverno. Fot.  RMN

Polas testemuñas que nos deixaron os escritores antigos, enchentes, borracheiras, libertinaxe, calquera maneira de dar co pracer son as trazas que definen esta celebración.

Durante  sete días, desde o 17 de decembro ata ó 23, en todas as casas, rúas e prazas de Roma lembrábase a liberdade que reinaba nos tempos de Saturno concedendo ós escravos a licencia de sentar á mesa dos amos, inxurialos, emborracharse con eles, sen que o amo puidese facerlles o máis mínimo reproche. Por un tempo quedaba abolida a discriminación social: non hai escravos, todos se comportan como os homes libres. En todo caso eran os señores os que servían ós escravos. Esta inversión de papeis chegaba a tal extremo que cada familia era un escenario burlesco no que lei e moral quedaban agochadas nun recuncho, para non perturbar aquel gozo de efémera liberdade.

Normalmente o estoupido de forzas reprimidas dexenera en orxía ou en rebumbio extravagante, xa que as paixóns máis escuras atopan a saída que se lle nega na tranquila e xuizosa vida ordinaria.

PRACERES INVERNAIS: CONSELLOS HORACIANOS PARA XENTE MOZA


Non houbo poeta que mellor coñecese o prezo da felicidade que Horacio, e ben sabía que non está na man de calquera conseguila, porque só é accesible a unha minoría.  A vida axitada da urbe só lle produce desprezo a quen busca nunha pequena casa de campo da Sabina a tranquila felicidade. Si ten un obxectivo seguro: a necesidade de gozar cada día que pasa como se fose o último. Unha fórmula que non sempre foi ben comprendida;  moitos pensaron que o obxectivo vital do poeta eran os praceres vulgares da existencia. Pero esta fórmula nace como resultado dunha fonda reflexión moral sobre unha sociedade que vive en constante axitación desde que el era neno: fronte ós incentivos da ambición e o heroismo prefire  a paz e a liberdade de espírito e de corazón, aliados coa amizade, proclamada polo epicureismo, indispensable para o pracer. Horacio atopa este pracer na creación poética.

“O ánimo  orientado ó presente evite a inquedanza polo futuro e atempere os pesares con sorrisos.”

 

Ves como loce branco o Soracte con neve

na cima e como os frondosos xardíns     

perden a exhuberancia e os ríos    

cristalizan conxelados.

Espanta o frío botando  leña  no lume     

en abundancia e  saca,  Taliarco,

amablemente  da cántara sabina ,     

o viño de catro anos.

Deixa o resto nas mans dos deuses, que a  un tempo

acalmaron os ventos embravecidos no mar 

tormentoso, e non bambean  

os cipreses nin  os vellos olmos. 

Déixate de preguntar que pasará mañá 

e calquera día que a fortuna che regale, cóntao

 como ganancia; non despreces, 

 rapaz, os doces amores nin o baile     

mentres  as morosas canas  quedan lonxe

do vigor xuvenil. Agora procura o Campo de Marte, 

as prazas e os suaves suspiros 

da noite na hora convida, 

agora   tamén   as agradables risiñas  

delatoras  da moza que se agacha no íntimo recanto

e  a prenda de amor arrebatada dos seus brazos

 ou do dedo maliciosamente picarón.

HORACIO, Odas, I, 9

CATULO: PENAS DE AMOR DUN INXENUO PROVINCIANO E A ARISTÓCRATA LIBERTINA

 

“Nunha sociedade onde os amores libres adquirían cada vez maior relevancia, e na cal a “cortesana” tendía a consolidar o seu reinado, as mulleres “honorables” non podían deixar de vingarse de algún modo.

 Sen dúbida, moitas delas continuaron practicando as virtudes ancestrais…. Pero algunhas preferiron conquistar a liberdade, e, xa que ás cortesanas se lles daba tanto aprecio, decidiron comportarse como elas. Naturalmente, moitas pasáronse da raia….

 A correspondencia de Cicerón abonda en perfis de mulleres desenfreadas e violentas que tenden a darnos a impresión dunha sociedade na que os antigos valores morais ían caendo en descrédito…

 A muller que amaba [Catulo] era o símbolo de toda unha xeneración de amantes atrapadas entre dous mundos. El deulle o nome de Lesbia (por Safo) pero chamábase Clodia, da antiga familia dos Claudii, chea de prexuízos aristocráticos e célebre polo orgullo e impetuosidade dos seus homes e mulleres.

 Catulo contaba vinte anos, ela trinta. “

PIERRE GRIMAL. El AMOR en la ROMA ANTIGUA. Páx 176-19

No cambio de actitude cara ós poetas e a poesía, é crucial o movemento neotérico da República tardía; polo menos, estes vangardistas pensan que lle senta ben a un romano da clase alta ser simplemente poeta.

Neotéricos (“modernos”, “epígonos”, “novísimos”) é o término que designa o que se coñece da nova poesía latina a partir de Catulo (84-54 a. C.?) e o grupo de poetas cos que se asocia, fortemente influidos polo grego Calímaco (300-240 a. C.).

Segundo sexa o momento, tómanse en consideración e procésanse aspectos diferentes da obra do lírico grego: nuns casos, o feito de cultivar xéneros diferentes, noutros, a preferencia por formas menores (poema breve e refinado) e o desprezo dos grandes xéneros e temas (épica, traxedia), a ruptura do automatismo  da identificación do metro cun tema concreto, trazo distintivo dos poetas gregos.

Catulo é o gran descubridor do individuo e os seus valores, o cal supón tamén, desde o punto de vista metaliterario da individualidade do poeta, o paso do poeta artesán, imitador, ó poeta artista co seu selo persoal.

Catulo amósanos como os neotéricos levan a cabo a fusión entre as dúas poesías gregas: imita a lírica de Safo, Anacreonte e, ó mesmo tempo, a dos alexandrinos Calímaco e Filodemo.

Os neotéricos son poetas de condición social elevada que non necesitan da literatura para subsistir, que se moven na esfera do otium e da literatura como divertimento. Non deixa de resultar paradóxico que o oficio de poeta snob e frívolo sexa máis considerado que nunca na Roma deste momento.

As condicións políticas e ideolóxicas de finais da República romana, cambiantes e contradictorias, reflíctense no individualismo e na poesía catuliana. O desprezo da épica supón o desprezo dos valores proclamados pola política do momento que se atopaban expresados na literatura oficial tradicional: o vir gravis (home de peso, con autoridade) da tradición vai dar paso ó vir lepidus (vividor, gracioso, agudo). A urbanitas (a elegancia, a finura, a gracia) e a amicitia (relacións sociais en liberdade) son os novos valores.

51: PAIXÓN ENFERMIZA

O afortunado que sentando diante túa

te mira e te escoita rir docemente

paréceme un deus,

se os deuses mo permiten, avantáxaos;

iso a min, coitado, prívame

dos sentidos; pois foi verte,

Lesbia, e quedarme

mudo,

a lingua paralízase, unha chama tenue

avivece polo meu corpo, cun chío agudo

tintinan os oídos, unha dobre noite

anubra os meus ollos.

O ocio, Catulo, non che senta,

co ocio excítaste e desacougas;

o ocio botou a perder antes reis e

cidades ricas.

5: VIVIR O AMOR SEN ATRANCOS

Gozemos, miña Lesbia, fagamos o amor,

as lerias dos vellos severos

que nos importen todas un can.

O sol de cada día pode morrer e renacer,

Pero nós teremos que durmir una noite perpetua

así que a breve luz se apague.

Dáme mil beixos, despois cen,

outros mil despois, de segundas cen,

despois outros mil máis, para rematar, cen.

Por fin, cando sumemos moitos miles,

enguedellarémolos para non saber,

ou para que ningún malvado poida envexarnos

se sabe que houbo tantos beixos.

70: PALABRAS NO VENTO

Con ninguén di a miña amada que querería casar

máis que comigo, aínda que o mesmo Xúpiter llo pida.

Iso di; pero o que unha muller di a un amante namorado

no vento e na auga rápida convén escribilo.

85: MARTIRIO

Odio e amo. Como o consigo, seguro que preguntas,

non o sei, pero sinto que é así e martirízame.

8: TODO ACABA: NON PERSIGAS O QUE FOXE

Pobre Catulo, déixate de parvadas,

e o que ves que se perdeu dáo por perdido.

Brillaron para ti unha vez días serenos,

cando pisabas por onde a túa moza te guiaba,

a quen amei como ningunha será amada,

había alí entón moito gozo

que ti desexabas e ela máis aínda.

Brillaron para ti días espléndidos.

Agora ela xa non te busca; ti, calamidade, tampouco.

Deixa de perseguir o que foxe, non vivas agoniado,

sufre obstinado, aguanta.

!Adeus, amiguiña! Catulo aguanta,

nin te buscará, nin namorará a quen non quere,

xa o sentirás cando non teñas quen te namore.

¡Perfida miserable! ¡Que vida te espera!

¿Quen che fara as beiras? ¿A quen lle parecerás bonita?

¿A quen lle farás o amor agora? ¿De quen se dirá que es?

¿A quen bicarás? ¿ A quen lle comerás a boca?

Pero ti, Catulo, aguanta decidido.

11: RUPTURA FINAL: DESPREZO TOTAL

Furio e Aurelio, compañeiros de Catulo,

xa chegue ata afastada India, onde a costa

é batida polo mar oriental,

que resoa ó lonxe,

ou ata os Hircanos ou os moles árabes

xa ata Sagas ou os saeteiros partos

xa ata as chairas que tingue o Nilo

de sete bocas,

xa cruce os altos Alpes

visitando os triunfos do gran César,

o Rin gálico, os horribles e

afastados britanos,

dispostos a intentar todo isto,

e calquera outra cousa que ofreza a vontade dos deuses,

contádelle á miña amiga

os meus poucos e nada bos desexos:

que viva e lle vaia ben cos seus clientes,

os que domina abrazando a trescentos á vez,

sen amar a ningún de verdade, destripándoos

a todos eles a un tempo,

que non procure como antes o meu amor

que morreu por culpa dela como a flor

do lindeiro dun prado despois de ferida

polo arado que o suca.

UN EXERCICIO DE LÉXICO: COMO AMAR. LEXICO AMARE -AMOR pdf

LECTURAS: CATULO: AMORES QUE MATAN pdf

LER TAMÉN: TRES POEMAS PARA ENTENDER A CATULO pdf

AS VIAS E PONTES E O SENTIDO PRÁCTICO DOS ROMANOS

VÍAS E PONTES DE LATINIDADE, REDE DE PODER

A vía que conduce de Roma a Capua é tan ancha que permite o paso de dous carros… É unha maravilla, é toda dunha pedra que Apio fixo cortar.

(Procopio)


Via Nova ou XVIII polo val do río Caldo. Serra do Xurés


Do xermolo, que madura nas  brétemas lendarias de Eneas, nace unha das máis amplas e coherentes construcións políticas e militares de todos os tempos.

Ó principio foi unha conquista teimuda, unha agresión sistemática. Pero co tempo foise caendo na conta de que isto non era suficiente se non se armaba un sistema de apoio, toda unha rede –campamentos fixos, albergues nos camiños, depósitos, conexións- que viña a dar á cidade e que foi cargándose de poder co paso do tempo. Esta rede tiña que ser sólida se se quería garantir o éxito das campañas militares, a súa coordinación e a súa continuidade. Así detrás dos exploradores do terreo organizados viñeron os construtores. Eles fixeron muros, pontes, estradas que facilitaron o paso das lexións.

Arco central da ponte sobre o río Bibei, que daba paso á Vía Nova polas montañas de Trives

Comezan a aparecer por todas partes réplicas de Roma como selo da dominación. A cidade significaba lei , pois os xuristas acompañaran no avance ós soldados, enxeñeiros e agrónomos. En calquera punto do territorio sometido podíanse ler epigrafiadas sobre bloques de mármore palabras como libertas, potestas, auctoritas, imperium,Res Publica.

Pero a unidade entre todas estas colonias foi resultado de moitas forzas:  o dereito e a rede de estradas que conducía ó centro só foron un instrumento máis que garantiu esa unidade, a verdadeira forza unificadora xerouse a partir da lingua na que se escribían as ordes militares, os decretos da xustiza, a liturxia do poder.

Mapa das vías de Hispania. Itinerario de Antonino

A latinidade nos seus comezos é como unha rede que se bota ó mar desde o Lacio e entre as mallas vai quedando atrapado todo un amplo territorio que se ordena arredor dun mar interior. O historiador grego Dionisio de Halicarnaso (60 a C.) , escribiu que a grandeza de Roma no é cousa só da boa fortuna, senón o resultado dun esforzo meritorio ó que non era allea a influencia grega. Un esforzo e ademais un sentido práctico do que dan fe o que para el son as tres principais achegas de Roma: as vías, os acuedutos e as cloacas.

Miliarios na Via Nova. Serra do Xurés

PONTE ROMANA DE FREIXO (CELANOVA-OURENSE)

POST EN PDF PARA IMPRIMIR: VIAS E PONTES REDE DE PODER

LUPERCALIA E ENTROIDOS: desde os lupercos ós peliqueiros, cigarróns, felos….

LUPERCALIA E OUTROS ENTROIDOS

OS LUPERCOS NUS E AS CERIMONIAS DE FAUNO-PAN

Desde os lupercos ós peliqueiros, cigarróns, felos, borralleiros, troteiros e outros Entroidos

 

As manifestacións do Entroido que ata hoxe coñecemos manteñen rituais e celebracións que nos remiten a formas e moldes moi antigos. Uns xiran arredor de preocupacións sociais (Saturnais: liberdade de escravos, regalos, banquetes),  e outros arredor do que sería a base da economía pastoril:purificación e fecundidade, tanto de mulleres como do gando, e consecuentemente de preservación do gando dos animais silvestres hostís (Lupercalia).

Na terceira aurora que seguía ós idus (13) de febreiro (tendo en conta a contabilidade inclusiva, o 15 de febreiro) na cova Lupercal, no outeiro do Palatino, comezaba a festa co sacrificio dun cabrón e un can , ofrecíanse tamén tortas de fariña feitas polas Vestais con trigo da última colleita.

Seguía a esta cerimonia un ritual que relata Plutarco: “ Dous mozos patricios son conducidos ó lugar do sacrificio. Uns mánchanlle a fronte de sangue co  coitelo do sacrificio, mentres outos llo limpan con la mollada en leite, inmediatamente os mozos rompen a rir. Cumprida esta cerimonia, despois de facer tiras coa pel do cabrón sagrado, os lupercos corren espidos, cubrindo minimamente a cintura e azoutando a todo aquel que atopan no seu paso. As mozas non deben escapar ós seus azoutes xa que era crenza que son eles os que propiciarán a concepción e axudarán na hora do parto. PARA SEGUIR LENDO: LUPERCALIA

Peliqueiros en Laza (Ourense) Fot. Ana Mª Martínez

LECTURA COMPLEMENTARIA: NORBERT ROULAND. Laureles de ceniza. Ed. Edhasa 1990. Páx: 41-43.

PARA LER PICA AQUÍ Laureles de ceniza

CATULO EN TRES POEMAS: ESQUISITEZ E BO GUSTO

TRES POEMAS PARA ENTENDER O SENTIDO DA URBANITAS

UNHA SOCIEDADE COSMOPOLITA

A vida económica, social e cultural de Roma sufriu una fonda transformación  despois de resolver os conflictos bélicos de Macedonia e Cartago no século II a. C.: a afluencia de riquezas e obras de arte aviveceu o luxo e a procura de praceres, e, por se non era de abondo, o orgullo nacional ía emparellado de brutalidade. A moral das clases elevadas, baseada na austeridade e a parsimonia (aforro) quedaba enfrontada ó cosmopolitismo da plebe, que renegaba destes valores. O senado de forma hipócrita seguía defendendo o vello ideal romano con leis antiluxo.

Este ambiente fomentaba o  amor polo OTIUM. A literatura grega e todo o mundo grego impregnan agora a vida e a cultura de Roma; non só se trataba de falar ben o grego, muda a concepción da vida, xa modificada a propósito da consideración do OTIUM; co cosmopolitismo difúndense a afección polas viaxes e polo pensamento grego. Insinúase o escepticismo, a relixión tradicional romana vacila, atacada  pola racionalismo grego e o misticismo oriental, difúndense os cultos mistéricos e os seguidores de Epicuro son escoitados con atención.

ALEXANDRINISMO E TRADICIÓN ROMANA EN CATULO (87-57?)

O alexandrinismo é poesía nova porque é a expresión dun home novo, do home postsocrático, e o neoterismo é todo isto para Roma, porque este home novo xa estaba en Roma na segunda metade do século II a. C. de aí que se transforme tamén a literatura. O vir gravis, o cidadán soldado, defendido  por Cicerón dá paso ó vir lepidus que representa os novos valores da urbanitas e a amicitia.

O alexandrinismo deulle a volta ós gustos e ós canóns poéticos, escravos da afectación e os clichés convencionais. Toman corpo as figuras dos poetas helenísticos especialmente Calímaco, que ofrecía  a táboa das novas leis poéticas: “Libro grande, libro malo”, “A arte non se mide coa longa pértiga dos Medos”, “Non queda ben tronar, trona somente Xúpiter”, “Non canto nada que non estea documentado”) ,

Na poesía catuliana conflúen a tradición romana  da sátira e a alexandrina, a gracia da expresión inmediata e a venustas neotérica, o pícaro lingoreteiro, alegre e lixeiro e o poeta elevado, serio (poeta doctus), a vivencia persoal e a cósmica. SEGUIR LENDOcatulo en tres poemas

¡TRES PUÑADOS DE TERRA SOBRE A MIÑA TUMBA, MARIÑEIRO!

A oda I, XXVIII de Horacio: Pulveris exigui munera.

¡Tres puñados de terra, mariñeiro!

(Diálogo entre Arquitas de Tarento e un náufrago)

O espectro dun náufrago pide a un mariñeiro, que está de paso, unha sepultura simbólica. Desenvolve a idea de que todos, grandes e pequenos, sabios e filósofos, van morrer, a pesar das súas pretensións vas; por outra parte os vivos deben ós mortos unha testemuña relixiosa, un recordo melancólico. Horacio imaxina un náufrago que chega á costa e dá coa tumba do sabio de Tarento.

Le festin donné aux dieux par Tantale où Jupiter ressuscite Pélops et lui met une épaule d'ivoire en remplacement de celle mangée par Cérès Auteur : Taraval Hugues (1729-1785)RMN de Francia.


A ti, Arquitas(1), que mediches o mar e a terra e a area/ incontable cóbrete o agasallo último/ dun pequeno túmulo de terra na ribeira/ do Matino, de pouco che serve/ ter investigado os espazos celestes e  ter explicado/ o ceo esférico e insondable, se o destino é morrer./ Morreu o pai de Pélope (2), convidado dos deuses,/ e Titón (3) arrebatado polos aires/e Minos(4) cómplice dos segredos de Xúpiter, tamén /o Tártaro acolle o fillo de Pantoo (5) que descendeu por segunda vez/ ó Orco, testemuña dos tempos de Troia, /aínda privado do seu escudo, non concedera/ á negra morte nada máis que os seus despoxos mortais ,/ sendo ti o xuíz (6), el, autoridade impecable /da verdade e da natureza; pero a todos nos espera una soa noite eterna /e unha soa vez habemos pisar o sendeiro da morte.

As Furias

/As Furias entregan a outros como espectáculo ó torvo Marte/, o mar é tumba avara de mariñeiros;/multiplícanse os funerais sin distinción de mozos e vellos,/ ninguén foxe da cruel Proserpina (7)./

A min tamén me sepultou o impetuoso Noto, (8) compañeiro de Orión (9)/que declina, no mar Ilírico./Pero ti, mariñeiro, non aforres, como un avaro,  dar/ un gran de area fuxidía ós restos /do meu cadáver insepulto: así, as ameazas do Euro(10) ás augas  hespéricas súfranas/ os bosques venusios (11), quedando ti a salvo e incontables riquezas,/ de onde queir que sexa, veñan parar a ti /das mans do xusto Xúpiter e de Neptuno, patrón da sagrada Tarento (12)./

¿Vas querer cometer un delito que poida danar/ máis tarde ós teus fillos inocentes? Quizais tamén/ te  esperan a ti mesmo dereitos impagados/ e infortunios sen piedade: non serei abandonado a súplicas impunes/ e ningunha expiación te absolverá./  Aínda que vas con presa, non é longa a espera; estarache permitido/ partir despois de botar sobre a miña tumba tres puñados de terra.

Notas


CONSERVADORES E PROGRESISTAS NA ROMA DE AUGUSTO

CONSERVADORES E PROGRESISTAS NA ROMA DE AUGUSTO

Templo de Marte Vengador no Foro de Augusto. Reconstrución
  • A visión dun poeta cortesano: HORACIO: Engrandecemento do nome latino

“O teu reinado, César, trouxo ós campos fértiles colleitas e restituíu os estandartes arrincados ás portas dos partos.

El pechou o  ocioso templo de Xano, el puxo freo á licenza que rompía a orde lexítima, afastou as culpas e anovou as antigas artes que engrandeceron o nome  latino”

Odas IV, 15

  • A visión do político: C. OCTAVIO AUGUSTO: Retorno ós costumes dos antepasados.

“Coas novas leis introducidas pola miña iniciativa volvín ós costumes dos meus antepasados que o noso tempo xa tiña esquecidos”.

Res Gestae, 5, 8

Templo de Marte Vengador no Foro de Augusto. Fot. José M.Otero
  • A visión do poeta rebelde e antiagústeo: OVIDIO: Todo cambia, nada permanece.

“…. no mundo non hai nada que subsista. Todo flúe e cada un dos contornos recibe unha configuración efémera; o tempo mesmo pasa tamén en perpetuo movemento, non doutro modo que un río; pois nin un río pode deterse, nin unha hora fugaz tampouco; como unha onda é empurrada pola que ven detrás, e esta mesma que está sendo impulsada no seu movemento preme tamén á que lle precede, así foxe o tempo que non se detén e se anova sen cesar, pois o que antes era, queda abandonado e convértese no que non era, e todos os impulsos son substituídos por outros novos.”

Metamorfosis, XV, 177 ss.